Máis de 40 organizacións asinan o “Manifesto galego pola integridade de Palestina”
A CIG vén de subscribir, xunto a máis de 40 organizacións políticas, sociais e sindicais, un manifesto contra as políticas de apartheid e violencia, tanto física como simbólica, psicolóxica e económica, do estado de Israel contra a poboación árabe da Palestina.
MANIFESTO
2020 será lembrado na historia como o ano da COVID-19. Mais a enorme traxedia das vítimas desta pandemia, por mais próxima que nos resulte, non é a única que afecta millóns, nin a única que conmove o máis elementar sentido da xustiza.
Nas terras de Palestina, o sionismo, o racismo, o apartheid, que levan décadas a avanzar reptando sobre as vítimas que sementan, pretenden agora dar un grande salto para a frente e entrar na fase definitiva da desaparición física e política da Palestina.
Dentro da lóxica do supremacismo israelita, dentro da lóxica do seu funcionamento como punta de lanza do imperialismo contra os pobos árabes, a entidade sionista anunciou un plano que sempre estivo aí: a ocupación completa da Palestina, a seguir agora por Cisxordania. A luz verde a asentamentos e colonatos, que, na realidade, nunca se detiveron, é o piar fundamental dunha estratexia de substitución étnica que se acelera agora, coa benzón das potencias occidentais, e que se traduce en destrución de vivendas e infraestruturas palestinas, secuestro de activistas e de calquera que se opoña, roubo de terras e destrucción de cultivos, bloqueo marítimo, construción de muros, multiplicación de check-points e millares de persoas expulsadas das súas vilas, das suas casas, á total intemperie, máis dura e descarnada precisamente agora que o mundo padece esta pandemia.
Mais os novos colonatos non son a única vía. O traslado de facto da capital sionista para Xerusalén, coa transferencia das embaixadas dos Estados Unidos e dos países teledirixidos desde Washington e co beneplácito dunha Unión Europea cuxo único xesto é dicir que está «moi preocupada», é a fórmula para revestir toda a operación dunha pretendida lexitimidade internacional. A anulación de Gaza, bloqueada, embargada e mantida como un xigantesco campo de concentración para dous millóns de persoas é a prefiguración do que Israel promete ao pobo palestino se consegue imporse nesta guerra ás caladas.
A ocupación da Palestina, que comezou formalmente en 1947 e que avanza desde entón, ano a ano, metro a metro, é un crime con todas as letras. Un crime contra o pobo, imposto pola forza militar que tanto serve para efectivar a propia ocupación como para deixar en papel mollado as innúmeras condenas internacionais, na ONU e noutros espazos, que o sionismo colecciona cinicamente como trofeos de guerra.
A ocupación da Palestina é un crime contra a humanidade. Ten uns responsábeis directos que, ademais, non se esconden nin pretenden pasar desapercibidos. E por iso exixe un posicionamento claro e rotundo. Unha condena concreta e frontal.
As organizacións e entidades que asinamos este Manifesto Galego pola Integridade da Palestina
- afirmamos a integridade da Palestina e exiximos o fin da presenza israelita nos Territorios Ocupados, o fin do bloqueo contra Gaza e o recoñecemento real e efectivo de Xerusalén / al-Aqsa como capital da Palestina;
- repudiamos o chamado «Acordo do Século» que o imperialismo asinou consigo mesmo e con máis ninguén, e negamos calquera recoñecemento á extensión das zonas controladas polo rexime sionista;
- exiximos o fin dos asentamentos e colonatos israelitas en Cisxordania, ilegais á luz de todo o dereito internacional;
- condenamos as políticas de apartheid e violencia, tanto física como simbólica, psicolóxica e económica, do estado de Israel contra a poboación árabe da Palestina;
- condenamos a persecución sistemática contra calquera oposición e, en consecuencia, exiximos a liberación dos millares de presos e presas políticas palestinianas e o fin da arbitraria política de detencións administrativas;
- afirmamos a nosa adhesión completa aos principios da campaña internacional de boicote, desinvestimentos e sancións (BDS) contra o estado de Israel;
- denunciamos a complicidade e o apoio do Estado español e da Unión Europea aos abusos israelitas;
- e afirmamos o noso compromiso co pobo palestiniano e co seu dereito á resistencia.
O pobo da Palestina non está só no mundo.
Galiza coa Palestina!
Palestina vencerá!