
Lánzase a ILP sobre o dereito ao coñecemento de Castelao

Unha representación da Comisión Promotora presentaba esta mañá, no rexistro do Parlamento de Galiza, a Proposición de Lei de Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación permanente da multifacética obra de Castelao polo pobo galego.

Para o portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, o obxectivo último desta ILP é “facer posíbel que realmente Castelao non siga no desterro”, que se lle recoñeza, como subliñou o Presidente de Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril, “a grandeza e ese carácter multifacético” que considerou que “non ten tradución práctica ao día de hoxe, na Galiza do século XXI”, porque non é coñecido nin no ensino medio, nin universitario.
Carril fixo estas declaracións, non sen antes rexeitar os impedimentos para presentar esta ILP dentro do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galiza. “Debería ser a casa que representa o pobo galego”, dixo, para denunciar que “acabamos, máis que de ser acompañados, de ser escoltados para rexistrar esta iniciativa como se fósemos persoas clandestinas, cando simplemente somos cidadanía que pretende facer uso dunha Iniciativa Lexislativa Popular, e que non imos armados, senón única e exclusivamente cun texto”.
O Presidente de Galiza Cultura manifestaba así a súa indignación por verse obrigada a Comisión Promotora da ILP a facer as declaracións no exterior do edificio. Denuncia á que se sumaba a exdeputada nacionalista, profesora da UDC e experta coñecedora da produción de Castelao, Pilar García Negro, agradecendo “á providencia e tamén aos elementos atmosféricos que non dea en chover porque efectivamente estamos nunha semi-intemperie, nunha periferia do Parlamento Galego” cando “somos unha porción de pobo galego, non delincuentes asaltantes de ningunha institución”.

Ben de Interese Cultural
A ILP, impulsada por Vía Galega e Galiza Cultura, lembra que no ano 1999 o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade a declaración de toda a súa obra como Ben de Interese Cultural. Declaración que García Negro lamentou que non se traducira en feitos visíbeis máis que en decretar o ano 2000 como Ano Castelao e agora, o 2025 como ““Ano Castealo bis”, que se repite con motivo do 75 aniversario do cabodano do seu pasamento porque, denunciou, durante estes 25 anos “non se fixo nada” a nivel institucional.
Quen si o fixo foi a sociedade galega, porque Galiza Cultura organizou en 2010, en colaboración co Museo provincial de Lugo, unha exposición dos álbums da guerra ou, como lembrou García Negro, en 2015 defendeuse no Parlamento outra ILP na mesma liña da que hoxe se presentaba e que foi rexeitada polo PP.
Por iso se dirixiu aos representantes populares, para lembrarlles que “todas as deputadas e deputados que teñen escano, que están cobrando diñeiro público na actualidade por representarnos, deben iso ao esforzo superlativo de Castelao para conseguir a tramitación do Estatuto Galego perdido nos subterráneos das Cortes en Madrid”.
Nese sentido denunciou tamén a manipulación que vén sufrindo a figura de Castelao, como na escolma editada no ano 2000, prologada por Manuel Fraga, que “era tan pequena que contiña cero liñas do Sempre en Galiza”. Ocultación que a levou a preguntar que ocorrería se nunha escolma de Miguel de Cervantes se excluíra O Quixote.
De aí que a ILP apunte á necesidade de que neste 75 cabodano se desenvolvan toda unha seria de actos e actividades que “deberían ir alén do inicialmente programado e perdurar no tempo, con clara vocación de permanencia, na medida en que é a única maneira de que se acabe, de unha vez por todas, co descoñecemento e coa ignorancia sobre a figura e a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que non deixa de ser a consecuencia natural de tantos anos de censura e ocultación”.

Pór en valor a obra e a figura de Castelao
O obxecto da ILP é, pois, impulsar as actividades a desenvolver pola Xunta de Galiza para difundir e pór en valor a obra e a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Para iso, prevé que a Xunta realice a catalogación de toda a súa obra, en todo tipo de facetas e xéneros, xa pertenza a fondos públicos ou privados, para o seu coñecemento a través dunha base pública de datos dixital de acceso aberto e universal.
Do mesmo xeito demándase que a Xunta defina tamén un espazo museístico, de dimensións apropiadas e con características adecuadas, e realice as xestións necesarias para expor nel toda a obra plástica de Castelao, de forma que poda ser contemplada na súa globalidade por persoas de Galiza e persoas foráneas, “como un dos centros emblemáticos da cultura e da historia de Galiza, procurando para tales efectos os convenios ou acordos oportunos de cesión con todas aquelas persoas e entidades, públicas e privadas, que posúen en propiedade obra de Castelao”.
A derradeira lección do mestre
Un apartado específico se lle outorga, na redacción da ILP, ao cadro “A derradeira lección do mestre” para o que se prevé que a Xunta emprenda as xestións oportunas para a súa adquisición e traslado desde Bos Aires a Galiza, para permanecer exposto, na debidas condicións, xunto ao conxunto da súa obra, no espazo museístico previamente definido, “polo seu valor e simbolismo”.

A ILP compromete tamén á Xunta de Galiza a divulgar o coñecemento da multifacética obra de Castelao, “por representar unha contribución artística, literaria, ideolóxica e política das máis ilustrativas e clarificadoras sobre Galiza e o seu futuro de cantas se produciron no século XX”.
Dun xeito singular saliéntase que se impulsará no sistema educativo, de forma transversal, a obra de Castelao; que se espallará por medios escritos e audiovisuais de titularidade pública ou subvencionados pola Xunta; que se facilitará o acceso público e aberto a través da rede de internet a toda a súa obra dixitalizada para coñecemento e uso de todo o pobo galego e que se promoverá unha edición popular co máis destacado do pensamento político de Castelao, da súa obra literaria e artística.
Comisión Promotora
Alberte Ansede Estravíz. Presidente da Fundación Manuel María
María Xosé Bravo San José. Presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda
Lucía Carreira Pérez. Presidenta da Asociación Cultural- Musical Solfa
Paulo Carril Vázquez. Secretario Xeral da CIG
Nicolasa Castro Monteiro. Membro da Coordenadora nacional de Vía Galega
Marta Dacosta Alonso. Escritora. Membro da directiva de AELG
María do Pilar García Negro. Profesora Universidade da Coruña e Escritora
Anxo Louzao Rodríguez. Coordenador de Vía Galega
Marcos Maceira Eiras. Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística
María Antonia Pérez Rodríguez. Vicepresidenta de Galiza Cultura e presidenta da AC O Galo
Lucía Veciño Souto. Secretaria da Fundación Galiza Sempre