Intensa xornada de mobilizacións na sanidade privada pontevedresa para reclamar un convenio digno
As traballadoras/es da sanidade privada da provincia de Pontevedra iniciaron onte o calendario de mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno e con dereitos, con concentracións diante dos centros El Pinar e Concheiro en Vigo convocadas/os pola CIG, CCOO, UGT e CSIF.
Dende as organizacións sindicais denuncian que transcorridos dous anos dende que o convenio provincial de Hospitalización Privada e Internamento aínda vixente a día de hoxe a patronal négase a aceptar as melloras laborais que precisa o cadro de persoal.
Por iso acordaron levar a cabo unha serie de protestas, que comezaron onte pola mañá no centro psiquiátrico El Pinar, na estrada vella de Madrid, e continuaron pola tarde no centro médico-cirúrxico Concheiro, na Avenida de Madrid.
Censuran que o empresariado se nega a negociar a proposta da parte social de incluír cláusulas de garantía salarial no convenio que eviten a perda de poder adquisitivo das traballadoras/es.
A patronal tampouco está disposta a regularizar as táboas salariais, nas que continúan existindo categorías con soldos por debaixo do SMI. E Condiciona un posíbel incremento nas nóminas (propón un 0,8% anual) á renuncia da parte social de negociar a xornada anual, “que leva sendo a mesma dende hai máis de oito anos”.
Por iso consideran que chegou o momento de saír á rúa reivindicar os dereitos laborais. “Durante a pandemia evidenciouse o esenciais que son as nosas profesións, polo que é hora de recoñecelas nun convenio digno”, rematan.