Instan a E. Leclerc e ao centro comercial da Abella a "facer o máximo esforzo" para manter 58 empregos
O persoal de E. Leclerc e a CIG-Servizos instan a empresa francesa de supermercados e a empresa propietaria do centro comercial da Abella (Lugo) a realizar "o máximo esforzo" para facer posíbel a continuidade do hipermercado e dos 58 postos de traballo".
O grupo francés formulou un ERE de extinción para a totalidade do cadro de persoal do seu hipermercado en Lugo, cuxo período de negociacións rematou o pasado venres cun acordo entre a comisión representativa do persoal (asesorado pola CIG) e a empresa, que foi aprobado por unanimidade na asemblea de traballadores/as do día 5 de xaneiro. Polo que, de non "chegar a un acordo entre E. Leclerc e os donos da área comercial da Abella, o hipermercado pechará a 31 de xaneiro", lamenta Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo.
Condicións do acordo
Nas condicións do referido acordo contémplase a aplicación da revisión salarial pactada no convenio colectivo de Grandes Almacéns para o ano 2018 e, a maiores, un incremento dun 2% a todo o persoal. Ademais, regularizadas as soldadas segundo os puntos anteriores, o persoal percibirá unha indemnización de 30 días por ano.
Xunto a isto, no suposto de que antes do 31 de xaneiro de 2018 cheguen a un acordo nas negociacións que manteñen E. Leclerc e a Área Comercial, o ERE quedaría sen efecto e, polo tanto, manteranse todos os postos de traballo.
De non darse o suposto anterior, estabelecese como prazo de execución do expediente do 31 de xaneiro ao 15 de abril de 2018, pois aínda que o peche sexa a 31 de xaneiro (data na que se extinguirían a maior parte dos contratos, arredor duns 20 traballadores e traballadoras permanecerían para levar a cabo funcións de desmontado do centro de traballo).
Así mesmo, quedou constituída unha Comisión de Seguimento durante o período de execución do ERE.
Aínda que fan unha valoración positiva dos termos conseguidos no acordo, o cadro de persoal, a Comisión Representativa e a CIG "agardamos e instamos dos negociadores fagan o máximo esforzo para facer posíbel a continuidade do E. Leclerc, o que garantiría moitos postos de traballo na cidade de Lugo".