Inspección recoñece irregularidades de Educación na protección da saúde nos centros educativos

Dá até o 16 de decembro para xustificar a corrección das deficiencias
Nacional - 24 Nov 2020

Nun requirimento remitido pola Inspección de Traballo e da Seguridade Social  (ITSS) á Consellaría de Educación ponse negro sobre branco que a Consellaría de Educación arrastra desde o comezo de curso diversas deficiencias e incorreccións, desde a perspectiva da protección da saúde e da formación do persoal que traballa ao seu cargo nos centros educativos, así coma o reforzo do persoal de limpeza. A resolución da Inspección de Traballo chega logo de dúas denuncias presentadas pola CIG polo incumprimento da lei de prevención de riscos laborais e a desprotección da saúde de quen traballamos nas escolas e institutos do país, epola insuficiencia e sobrecarga do persoal de limpeza e cociña.

Así o explicaron en rolda de prensa o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, e a responsable nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, que aseguraron que, segundo a Inspección, a consellaría non ten capacidade para a vixilancia e protección da saúde do seu persoal e declarouse incapaz de asumir cos seus propios medios a elaboración de avaliacións específicas de exposición á covid-19. Esta realidade foi denunciada reiteradamente pola CIG xa que se lle exixía á inspección médica provincial a resolución destas avaliacións, cando non é a súa función, nin está capacitada para tal fin. A central sindical tamén denunciou a paralización absoluta dos comités de seguridade e saúde laboral e a propia desidia de Educación en todo o que ten a ver coa protección da saúde do persoal. 

A Consellaría permitiu que CUALTIS, empresa contratada para a realización de plans, se desentendese da elaboración de avaliacións propias e diferentes de cada centro. Queda demostrado no informe da ITSS que non se fixeron avaliacións específicas nos centros. A “imposibilidade” para asumir directamente o traballo foi a escusa da Consellaría para a contratación da empresa CUALTIS. A Inspección de Traballo desvela que as “avaliacións específicas” que lle foron entregadas por esta empresa teñen un “contido idéntico” agás peculiaridades intrínsecas de cada centro (número de aulas, entradas e saídas…) que non gardan relación coa adopción de medidas a adoptar recollidas no protocolo e na avaliación. É dicir, “CUALTIS non elaborou ningunha avaliación específica centro a centro, nin tan sequera por tipoloxía destes, senón que fixo un “corta e pega” con informes idénticos desde o punto de vista da prevención da saúde”.

Tamén queda constatado que a Consellaría pretende lavarse as mans e responsabiliza os centros educativos das deficiencias nos Plans de adaptación á covid-19. A administración, segundo se recolle na resolución da ITSS, xustificou as incorreccións dos Plans de cada centro na “responsabilidade de cada centro” na adaptación dos “plans modelo” elaborados por CUALTIS, aludindo expresamente á “autonomía de xestión dos centros”.

Contradicións no Protocolo

Xunto a isto detecta contradicións no Protocolo da Consellaría e indica que a administración debe dotar de EPIs a todos os centros. Na resolución, a Inspección de Traballo deixa constancia de que os plans entregados non están actualizados ás propias normas impostas pola administración e sinala como o propio Protocolo entra en contradición con recomendacións das autoridades sanitarias e outros protocolos elaborados para outros ámbitos laborais.

Entre outras cuestións remárcanse, por exemplo, incoherencias nas indicacións de uso de máscaras cirúrxicas ou FFP2 cando se acompaña a persoas con síntoma compatíbeis coa covid-19 ou que non se estabelecen as características técnicas de batas desbotábeis malia seren EPIs e nin tan sequera se chegan a mencionar no Protocolo xeral da Consellaría nin nos entregados pola empresa privada.

Ademais, aínda que se mencionan as luvas de nitrilo nalgúns casos (persoal de limpeza) non aparece en ningún caso as normas que deben cumprir.

Destaca tamén a contradición entre o material de protección que debe usar o persoal de acompañamento a un alumno con síntomas (“só” con máscara cirúrxica) e o que ten que usar o persoal de limpeza (“EPIs pertinentes, máscara FFP2 e luvas de protección”).

Nivel de risco

A resolución confirma incoherencias na definición do nivel de risco e a incerteza sobre a verdadeira exposición a este do persoal dos centros educativos. Así, pode lerse no informe da ITSS que “se fai depender a valoración da exposición dos traballadoresde certas condicións que non sempre poden darse, o que implica incerteza sobre a verdadeira exposición á que se encontran sometidos os traballadores do centro”.

Afírmase tamén que “non se concretan cales son as tarefas posíbeis nas que o risco por exposición se agrava”, o que fai necesario, para a Inspección de Traballo, “unha valoración sobre o nivel de exposición do traballador e sobre a necesidade de dotalo dos EPIs pertinentes (cando menos das vías respiratorias de nivel FFP2 para aquelas tarefas de maior risco)”, coincidindo exactamente coa demanda que desde a CIG vimos facendo desde hai meses e que a Consellaría se nega a aplicar. Á hora de identificar esa maior exposición ao risco, na resolución cítase expresamente non só a quen ten que acompañar a alumnado con síntomas senón tamén a docentes de Audición e Linguaxe ou persoal coidador que atende a alumnado con NEE.

A Inspección de Traballo indica que é necesaria unha maior concreción para poder determina cando  se fai preciso o emprego de EPIs de protección biolóxica, o que confirma o que desde a CIG denunciamos en relación a desprotección á que nos leva a irresponsabilidade da Consellaría.

Evasión de responsabilidades

No informe pode confirmarse o nivel de irresponsabilidade da administración, ao afirmar esta que “descoñece se os EPIs se atopan ou non a disposición do persoal dos centros”, alegando que “en virtude do principio de autonomía de cada centro, corresponde ao orzamento asignado ao mesmo, o proceder á adquisición dos EPIs pertinentes.” Toda unha declaración da evasión da responsabilidade na que está instalada a Xunta desde o comezo da pandemia e especialmente desde o comezo de curso.

A consellaría ocúltalle ademais información á Inspección de Traballo. Malia terlle reiterado a necesidade de xustificar a entrega de máscaras FFP2, a Xunta non aportou ningunha documentación, obviamente porque non existe. Neste sentido a Inspección tamén afirma que existen incongruencias nas avaliacións feitas por CUALTIS, confundindo máscaras hixiénicas (as tan criticadas do “sentidiño” pola baixa calidade) con cirúrxicas, cando son claramente diferentes.

O persoal que solicita a consideración de vulnerábel, desprezado pola Consellaría

Só de desprezo se pode cualificar a afirmación de que non foi até o 6 de outubro cando, pola incapacidade de dar resposta ás solicitude feitas, se lle encomendou estas valoracións á empresa CUALTIS, cunha contrata limitada a 850 valoracións. No informe da Inspección a Consellaría chega a afirmar que non pode facilitar datos sobre posíbeis adaptacións de postos de traballo para persoal vulnerábel xa que “ a adaptación corresponde a cada centro”.

Fronte a este intento de cargar a responsabilidade nas direccións, a resolución da Inspección de Traballo é contundente: “Non é responsabilidade de cada un dos centros senón  do servizo de prevención…proceder a elaborar a necesaria adaptación do posto de traballo”.

Insuficiente formación para a protección da saúde

A Inspección de Traballo constata que non se pode acreditar, pola información dada pola Consellaría, que a totalidade do persoal docente e non docente teña recibido a formación pertinente e indica que se debe organizar pola Consellaría novas xornadas formativas, incidindo especialmente nos equipos covid-19.

Persoal de limpeza

Despois da denuncia e o conflito colectivo interposto pola CIG, a Consellaría procedeu a reforzar o persoal de limpeza (aínda que, segundo o informe aportado á Inspección entende que non é preciso ese reforzo) en 77 centros, insuficiente segundo a CIG, polo que a Inspección solicita eses datos para poder xustificar ou non a suficiencia do persoal de limpeza.

Malia que dende a CIG solicitamos reforzo do persoal de cociña, a Consellaría entende que a aplicación do protocolo COVID non ten que conlevar o incremento de persoal e escudándose en que soamente 7 centros solicitaron axudantes de cociña e que baixou o número de comensais a Inspección entende que os datos analizados son xerais e non se atopan irregularidades

Censurada a ausencia de negociación cos sindicatos

Na resolución queda confirmada a denuncia da CIG dunha total ausencia de negociación por parte da Consellaría nos cambios dos protocolos e na adaptacións destes aos diferentes centros. Así, afirmase que os responsábeis de Educación foron incapaces de “concretar ningunha data de reunión nin plan de acción ao respecto para lograr un acordo” coa representación dos e das traballadoras sobre os plans de continuidade correspondente a cada centro. Por tal motivo, a Inspección indícalle á Consellaría que debe convocar as reunións que resulten precisas para acordar os plans de continuidade e as modificacións que resulten precisas nos protocolos e plans de continxencias”.

Requirimentos

Entre os requirimentos que a Inspección de Traballo traslada á Consellaría, e dos que terá que dar conta á propia Inspección o día 16 de decembro, están son os seguintes:

  1. Revisión da avaliación específica da exposición á COVID elaborada por CUALTIS, diferenciando aquelas tarefas de maior risco, ou as peculiaridades de determinadas actividades desenvolvidas no ámbito das necesidades educativas especiais como persoal coidador, audición e linguaxe, ...
  2. Ao respecto da valoración do persoal especialmente vulnerábel, levaranse a cabo as adaptacións de posto de traballo que procedan.
  3. Planificación resultante da análise do Anexo IX do protocolo remitido por cada un dos centros, coa debida comunicación á representación legal dos traballadores (RLT), achegando algún exemplo por cada tipo de centro dependente da Consellería.
  4. Revisión das avaliacións tipo elaboradas por CUALTIS e dos Plans específicos de cada centro para adaptalos á última versión do Protocolo aprobado por Educación e Sanidade, tendo en conta as modificacións propostas por esta Inspección.
  5. Resolveranse as incongruencias sobre os EPIs a empregar nas tarefas de acompañamento a persoas con posíbeis síntomas compatibles coa COVID á Sala de Illamento, tendo en conta as circunstancias reflectidas sobre o posíbel uso deficiente da máscara por alumnado de corta idade, imposibilidade de manter distancias de seguridade, .... Debendo de velar a Consellería pola existencia en cada centro dos EPIS pertinentes (incluirase apartado ao respecto no Anexo IX do Protocolo), aportando ficha técnica deles, que xustifique a súa idoneidade.
  6. Resolveranse as diversas referencias aos medios de protección a empregar polos traballadores e traballadoras, indicando expresamente se deben ser cirúrxicas o hixiénicas reutilizábeis, garantindo a Consellería la posta a disposición das e dos traballadores das que sexan pertinentes, achegando acreditación do cumprimento da norma UNE correspondente.
  7. Xustificarase o cumprimento das medidas requiridas no relativo a formación e reforzo de limpeza.
  8. Respectaranse escrupulosamente os dereitos de información, consulta e participación cos sindicatos (a RLT)… informando debidamente das medidas adoptadas en cumprimento da presente proposta de requirimento practicada.