Inspección avaliará se Educación incumpre a normativa de PRL polo material de protección
Despois de máis dun mes desde o inicio de curso a realidade nos centros é que se esgotou ou está a piques de facelo a partida de máscaras enviadas pola Xunta e que a maioría do profesorado leva o seu propio material.
Así mesmo, a CIG-Ensino tamén amosa a súa preocupación pola falta de claridade e de decisión ao respecto da problemática da ventilación das aulas cando, ás portas do inverno, o único posicionamento da Consellaría seguen a ser unhas recomendacións xenéricas, non actualizadas polas últimas evidencias científicas do contaxio a través de aerosois, e sen unha solución ao frío que xa se está a padecer nas aulas.
Nas semanas transcorridas desde o comezo do curso escolar foron múltiples as cuestións que se trasladaron ao sindicato tanto desde as direccións dos centros como do profesorado a nivel individual ao respecto da protección da saúde da comunidade educativa e da dotación de material axeitado para desenvolver o noso traballo nos centros educativos. Desde o sindicato consideramos fundamental dar resposta a todas as actuacións que consideremos neglixentes ou incorrectas por parte da administración e por iso incluímos na denuncia que se trasladou á Inspección de Traballo esta cuestión.
A Consellaría, obrigada a dotar de material de protección axeitado
Cómpre ter en conta que a Consellaría ten a obriga de dotar a todo o persoal do centro con máscaras ou calquera outro elemento de protección individual necesario. É unha obriga legal recollida na Lei de Prevención de Riscos Laborais tanto para empresas privadas como para as administracións públicas. Non o facer é ilegal e debe ser denunciado, tanto a nivel xeral como xa fixo a CIG-Ensino ante a Inspección de Traballo, como a nivel individual, para o que o sindicato xa está a asesorar a docentes que se senten desprotexidos.
A protección mínima que esixe a lei sería a das máscaras hixiénicas ou cirúrxicas que se deben proporcionar a todo o profesorado e persoal do centro. “Como sabemos estas máscaras non protexen a quen as leva do contaxio, senón de contaxiar aos demais. Polo tanto, cando se traballa con alumnado que non usa máscara ou que se sospeite poida estar contaxiado ou cando hai circunstancias do noso posto de traballo que elevan o risco (como mínimo nos casos recollidos no protocolos de instrumentistas de vento en aulas de Música, aulas de Audición e Linguaxe, Atención a Necesidades Educativas Especiais, Educación Infantil, ou similares) é fundamental traballar con máscaras FFP2 que teñen un maior grao de protección. As denuncias presentadas pola CIG ante a Inspección de Traballo inciden especialmente nesta falta de protección”, tal e como explica o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello.
Unha maior protección é necesaria
“Mais tamén cada vez son máis as voces que se levantan, especialmente desde o ámbito científico, para indicar que o nivel mínimo de protección debería ser o das máscaras FFP2 para todo o profesorado, debido a que desenvolvemos o noso traballo en lugares pechados, con pouca o deficiente ventilación e con ratios elevadas”, continúa Bermello quen incide en que nestes casos é nos que se atopa a practica totalidade do profesorado e do persoal non docente. “A Consellaría só distribuíu, como sabemos, unhas máscaras hixiénicas que para nada se acercan a estes estándares de protección. Ademais en moitos centros esta partida inicial xa se esgotou ou está a piques de facelo e o que temos constatado é que a maior parte do profesorado está a levar as súas propias máscaras por non fiarse da seguridade das proporcionadas pola administración. Isto é unha situación lamentábel que incumpre as obrigas que ten unha institución pública con respecto ao seu persoal”, insiste Bermello.
A ventilación, a materia pendente nos centros educativos
Tamén é motivo de preocupación, especialmente agora que comeza o frío, a ventilación das aulas. Existe un documento elaborado polo Ministerio de Sanidade e unha guía do Ministerio de Ciencia e Innovación e do Consello de Investigacións Científicas nos que se incide especialmente na necesidade de dotar as nosas aulas dunha boa ventilación. As máis recentes consideracións sanitarias van na liña de centrar os aerosois como principal medio de transmisión do virus, o que en aulas pechadas e con moitas persoas dentro implica unha maior exposición ao risco.
Neste sentido Suso Bermello é contundente. “Ventilar si, e ventilación natural tamén, mais non podemos pensar que imos pasar o inverno coas xanelas abertas. A día de hoxe xa sabemos de moitos centros do interior do país nos que o alumnado vai con mantas a clase e nos que tanto docentes como alumnado pasan frío malia estar totalmente abrigados. Isto non se pode consentir”.
A que espera a Consellaría de Educación para tomar unha decisión sobre a ventilación das nosas aulas? Deben dotarse as aulas de purificadores de aire con filtros HEPA? Deben realizarse medicións de CO2? Van tomar as decisións como vén sendo habitual tarde, mal e arrastro? Hai centros nos que as ANPAs ou as direccións tomaron pola súa propia conta decisións ao respecto e isto non debe ser a pauta a seguir. Para que ten a Xunta un comité médico? Para que ten a Consellaría un comité covid-19 e un servizo de PRL? Esiximos que se tomen decisións xa e que sexan para todos os centros, sentenciou Bermello.