Inmunidade de rabaño ou prioridade de mercado
A realidade é que a crise sanitaria levou á paralización case total da maquinaria produtiva do capitalismo global, o sistema político-dominante da nosa época, que na súa forma neoliberal se fundamenta en dar prioridade absoluta ao mercado na organización da vida social
Cando o seu director xeral declarou a urxencia publica internacional polo surto de coronavirus o 30 de xaneiro do 2020, a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixo varias recomendacións. Non eran consellos vinculantes, mais si politicamente significativos.
Porén, e a pesar de que o regulamento é legalmente vinculante, non existen mecanismos de aplicación polos cales a OMS poida exercer presión para que un país cumpra coas recomendacións. Algúns tenden a “esquecer” que o verdadeiro alcance da OMS non é máis nin menos que o dun organismo intergobernamental de asesoramento, que actúa en simbiose cos Estados membros.
Polo tanto, o seu rol limítase a recomendar aos países sobre o que facer para melloraren a saúde dos seus cidadáns e que medidas tomar para previren o surto de enfermidades. Mais, paradoxalmente, non pode facer cumprir esas mesmas recomendacións, xa que non ten a capacidade de obrigar ou sancionar os seus membros.
A OMS ten por cometido exercer liderado en materia de saúde no mundo axudando a definir os plans de investigación no eido da saúde, establecer normas e pautas para formular políticas baseadas en datos probatorios, ademais de proporcionar asistencia técnica aos Estados Membros e vixiar de preto e avaliar as tendencias epidemiolóxicas.
Desde a súa aparición, o virus SARS-CoV-2 seguiu evolucionando e a OMS designou cinco variantes como preocupantes: Alfa, Beta, Gamma, Delta e Ómicron.
Nunha recente roda de prensa o director da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, considerou que é «prematuro» declarar a vitoria contra a covid-19 e abandonar a angueira de deter a transmisión do virus. «É prematuro que calquera país capitule ou se declare vitorioso», dixo o responsábel da OMS, preocupado ante o aumento do número de mortes na maioría das rexións do planeta.
Que é a inmunidade de rabaño?
O seu chamado á prudencia prodúcese nun momento no cal algúns países occidentais buscan volver á normalidade, levantando as restricións -malia rexistraren aínda récords de casos de covid-19-, estimando que a ampla cobertura das vacinas e a menor gravidade do cadro que produce a variante ómicron o permite.
Porén, o máximo dirixente da OMS, deixou en claro que «máis transmisión implica máis mortes». E sostivo que “estamos preocupados polo feito de que se instalou un relato en certos países de que, grazas ás vacinas e debido á alta contaxiosidade de ómicron e da súa menor gravidade, non é posíbel previr o contaxio. Isto non pode estar máis lonxe da verdade», afirmou o doutor Tedros, subliñando o virus é «perigoso», unha mensaxe que repite incesamente desde que apareceu esta variante.
“Non pedimos aos países que reinstauren os confinamentos, pero chamámolos a protexeren a súa poboación usando todos os medios dispoñíbeis e non soamente as vacinas”, sinalou o alto cargo da OMS. Afirmou que o virus seguirá evolucionando, polo que chamou os países a seguiren efectuando probas, seguimento e secuenciación. «Non podemos combater este virus se non sabemos o que está a facer», afirmou. Fronte á evolución do virus «se cadra as vacinas tamén deberán evolucionar», sentenciou.
Desde setembro 2021, a OMS estableceu o Grupo Asesor Técnico sobre a Composición das Vacinas contra a covid-19 (TAG-CO-VAC). Este grupo multidisciplinar de 18 expertos revisa e avalía as implicacións para a saúde publica dos COV emerxentes no rendemento das vacinas contra a enfermidade.
Estes expertos están considerando e recomendando a composición da cepa das vacinas covid -19 e alenta os que desenvolven as vacinas a recompilar datos a pequena escala sobre a amplitude e magnitude da reposta inmune para as vacinas monovalentes e multivalentes contra os COV.
Entre a inmunidade de rabaño... a prioridade do mercado
A realidade é que a crise sanitaria levou á paralización case total da maquinaria produtiva do capitalismo global, o sistema político-dominante da nosa época, que na súa forma neoliberal se fundamenta en dar prioridade absoluta ao mercado na organización da vida social.
O diñeiro é a medida máis utilizada para calcular o éxito e o indicador principal de competencia e valor, o gran denominador común mediante o cal se comparan e miden todas as cousas. Deste xeito, a saúde xa non se concibe como un dereito humano, tal como se declara na constitución da OMS, senón como unha mercadoría ou, no mellor dos casos como un contributo á produtividade, como xa o determinaba o Informe da OMS do 2001 denominado “Investindo na Saúde para o Desenvolvemento Económico”.
Na actualidade, case todo o labor sanitario internacional se organiza a través de asociacións entre o sector público e o privado, que representan outro mecanismo máis de extracción da riqueza (do 99% ao 1% mais ricos) aproveitándose do sector público para obter beneficios privados.
A politización con fins xeopolíticos é de mal agoiro. Os países máis poderosos do mundo esixen á OMS que siga os seus respectivos intereses soberanos por razóns que pouco teñen que ver coa saúde mundial.
Sen dúbida, a OMS está nesa situación malia o seu liderado en materia de saúde mundial, máis pola súa capacidades científicas, médicas e de saúde pública que pola súa autoridade para desafiar politicamente os Estados. E neste marco, malia as recomendacións do organismo, cremos que os dados xa están botados: as comportas do consumo masivo erradicarán o virus.
[Artigo tirado do sitio web Estrategia, do 4 de febreiro de 2022]