Inician unha recollida de sinaturas en apoio da ILP para reclamar un hospital público único en Pontevedra
No texto que figura nas follas nas que se recollerán as sinaturas lémbrase que a asistencia sanitaria pública na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra-Salnés (EOXI-PS) padece múltiples problemas dende hai tempo. Entre eles, citan o feito de que moitos centros de saúde estean moi deteriorados, masificados e mal equipados, “o que limita a súa capacidade resolutiva e dificulta o acceso da poboación a asistencia sanitaria”.
Ou que os servizos de saúde mental presentan unha manifesta escaseza de recursos persoais e unhas estruturas asistenciais inadecuadas e mal situadas; así como que os Puntos de Atención Continuada (PAC) carecen dos recursos diagnósticos necesarios para atender a demanda, coa conseguinte saturación dos servizos de urxencias hospitalarios, nomeadamente o de Montecelo, que sofre colapsos recorrentes e obriga os enfermos/as a permaneceren horas en corredores, cadeiras e padiolas.
Ademais, o afastamento dos servizos de referencia que foron trasladados de Vigo a Santiago ten importantes repercusións asistenciais e económicas para os usuarios/as; os recursos de Rehabilitación Extrahospitalaria son moi limitados, e teñen listas de espera que obriga a derivar pacientes a centros privados de menor calidade que os públicos; o Centro de Orientación Familiar ten sufrido importantes recortes que poñen en cuestión o carácter integral da atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres desta área sanitaria; os Servizos de Atención ás Drogodependencias atópanse en situación moi deficitaria polos recortes orzamentarios; o funcionamento do hospital do Salnés resulta pouco funcional ao non estaren ben clarificadas as súas funcións e o seu nivel de autonomía respecto do resto das estruturas asistenciais das EOXI-PS.
Ao mesmo tempo, denuncian que no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) existen outros problemas importantes “que están en íntima relación coa necesidade de finalizar unha longa etapa na que a ausencia de investimentos substanciais na principal infraestrutura sanitaria da EOXI-PS é clamorosa”.
En primeiro lugar, o CHOP segue dividido en dous edificios separados por quilómetros de distancia. “Esta circunstancia xera problemas no funcionamento dos servizos, obriga a que os profesionais teñan que perder tempo a cotío indo dun hospital ao outro e, sobre todo, ocasiona incomidade e riscos para doentes e familiares, así como traslados continuos en ambulancias”, indican.
En segundo lugar, as actividades de hospitalización de doentes mantéñense nun hospital provincial que non cumpre as condicións mínimas de calidade e confort que debe ter un hospital de agudos no século XXI, dado o deterioro que sofre polo paso do tempo e a ausencia de investimentos, con cuartos e corredores inadecuados, problemas de regulación térmica, malos cheiros, roedores, etc., “impropios dunha atención digna e de calidade”.
Diante disto, apelan ao dereito constitucional a unha sanidade pública universal e de calidade e sosteñen que a necesidade de optimización no uso dos recursos e infraestruturas públicas existentes, a comenencia dunha calidade asistencial hospitalaria que evite a xeneralización de demoras na planificación sanitaria, a preservación de noso sistema sanitario público -”que é unha referencia internacional”- son razóns suficientes para que esta lei se cumpra e se desenvolva o nela establecido.
Texto articulado da ILP
No primeiro artigo da lei que se promove reclámase a ampliación do hospital de Montecelo, construíndose o hospital público e único de Pontevedra. Así, demándaselle á Xunta que poña en marcha con carácter urxente os trámites necesarios para a construcción do novo centro médico, no que se integrarán os servizos hospitalarios que xa veñen funcionando nos edificios actuais do hospitais de Montecelo e Provincial, así como os novos servizos que sexa preciso crear para atender correctamente a poboación das áreas sanitarias de Pontevedra e do Salnés.
Establécese tamén que o novo hospital pontevedrés, resultado da ampliación de Montecelo, será construído con financiamento público e que a súa xestión será tamén totalmente pública.
O artigo segundo fai referencia ao mantemento do uso sanitario do edificio do hospital Provincial. “O edificio do Hospital Provincial manterá o uso sanitario unha vez que o novo hospital de Pontevedra entre en funcionamento”.
Neste senso, tras as necesarias obras de adaptación, no edificio do hospital Provincial situaranse os seguintes servizos sanitarios: Servizo de Urxencias Extrahospitalario, Unidade de Saúde Mental Comunitaria, un novo Centro de Atención Primaria, Servizo de Rehabilitación Extrahospitalario, Centro de Orientación Familiar, Centro de Atención Integral a Drogodependentes, camas para atención de enfermos/as crónicos/as, e Hospital de Día para persoas dependentes, así como outros de nova creación que sexan precisos para unha atención de calidade.