8 de Marzo: Mulleres en Folga. Información e horarios.
Na histórica xornada do 8 de marzo do pasado ano, miles de galegas ateigamos as prazas e vilas do país participando no Paro internacional de mulleres, conseguindo pór no foco do debate social a problemática dos coidados e a discriminación que sufrimos as mulleres tanto nos lugares de traballo como fóra destes. Un ano despois, cómpre impulsarmos na Galiza un novo día de loita, para que dunha vez por todas o poder entenda que as mulleres estamos fartas da desigualdade e das agresións que sufrimos e porque non imos permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos, cando aínda nos quedan moitos por conquistar.
A precariedade segue a definir o emprego das galegas
A precariedade segue a ser a definición da tipoloxía do emprego das galegas. Seguimos a sufrir fenda salarial, traballando en categorías inferiores, con peores retribucións polo mero feito de sermos mulleres. Continuamos afastadas dos grupos de poder e de toma de decisións por mor dun chan pegañento que nos impide promocionar. Seguimos aturando acoso e agresións sexuais a pesar da existencia de protocolos nas empresas. Aínda somos despedidas a causa da nosa maternidade. Continuamos realizando duplas e triplas xornadas e con escasos dereitos laborais que faciliten a conciliación, obrigándonos na práctica a reducir horarios e ingresos.
Somos moitas as que formamos parte da economía somerxida, exercendo actividades laborais sen dereito a prestacións. Seguimos a sufrir o impacto dos contratos a tempo parcial e de curta duración... Vellas e novas fórmulas de explotación laboral que derivan ao final da nosa vida nunhas xubilacións miserentas, agravadas por mor das lagoas de cotización derivadas do coidado da familia. A isto hai que sumarlle o enorme risco de empobrecemento que persiste entre as desempregadas, xa que moitas delas carecen de calquera tipo de prestación, e máis da metade perciben subsidios de escasa contía.
Polas que estamos e polas que xa non teñen voz, iremos á folga. O 8 de marzo na Galiza as mulleres estamos chamadas a unha xornada de folga, unha folga laboral, no ensino, de consumo, de coidados. Unha folga para denunciar as discriminacións e o machismo que sufrimos, mais tamén para desmontar e denunciar a hipocrisía e a falsidade coA que se trata a problemática específica das mulleres tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema.
Este 8 de marzo faremos folga de 24 horas por todas as mulleres que son agredidas polas súas parellas, exparellas, xefes ou descoñecidos, insultadas, perseguidas, cuestionadas, maltratadas, acosadas, violadas, explotadas; aldraxadas pola xustiza patriarcal que dita sentenzas machistas espallando a sensación de impunidade, multiplicando as agresións; por todas as mulleres asasinadas polo mero feito de ser mulleres.
Fai folga e súmate ás mobilizacións convocadas pola CIG e polo movemento feminista o vindeiro 8 de marzo!
MOBILIZACIÓNS
UNIÓN COMARCAL DE VIGO
VIGO: 12:00h Na Farola de Urzáiz
BUEU: 12:00h Diante do Concello (r/Eduardo Vicenti)
CANGAS: 12:00h Diante do Concello (Avda. Castelao)
MOAÑA: 12:00h Diante do Concello (r/ As Barxas)
TOMIÑO: 12:00h Diante do Concello (Praza do Seixo)
UNIÓN COMARCAL DA CORUÑA
A CORUÑA: 12:00h Na Praza de Vigo
BETANZOS: 12:00h Na Praza da Constitución
CARBALLO: 12:00h Na Praza do Concello
CEE: 12:30h Na Praza 8 de Marzo
UNIÓN COMARCAL DE COMPOSTELA
COMPOSTELA: 11:00h Na Xunta de Galiza (San Caetano)
COMPOSTELA: 11:30h No CHUS (Hospital Clínico)
COMPOSTELA: 12:00h Na Praza de Galiza
RIANXO: 12:00h Na Praza do Concello
UNIÓN COMARCAL DE FERROL
FERROL: 11:30h No edificio da Xunta (Praza de Amada García)
AS PONTES: 12:00h Na Praza do Concello
UNIÓN COMARCAL DE LUGO
LUGO: 12:30h
BURELA: 12:00h Diante do Concello
MONFORTE: 12:00h Na Praza de España
RIBADEO: 12:00h Diante do Concello
VIVEIRO: 12:00h Diante do Concello
UNIÓN COMARCAL DE OURENSE
OURENSE: 11:30h Diante da Mutua Universal
O BARCO DE VALDEORRAS: 20:00h Na Praza do Concello
VERÍN: 12:00h Na Praza do Concello
UNIÓN COMARCAL DE PONTEVEDRA
PONTEVEDRA: 12:00h Na Praza da Peregrina
VILAGARCÍA DE AROUSA: 12:00h Na Praza Ravella
A ESTRADA: 12:00h Na Praza do Mercado