8 de Marzo: camiñando cara á folga de mulleres
Dende o 16 ao 30 de xaneiro, a CIG vai realizar asembleas de delegadas e afiliadas en todas as comarcas do país para dar a coñecer e debate arredor da convocatoria de folga de mulleres do vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.
A CIG convoca esta folga no marco do paro internacional de mulleres que se desenvolverá en máis de 50 países do mundo o 8 de marzo, para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia.
Calendario de asembleas xa confirmadas
- A Mariña, luns 22 de xaneiro, no local sindical de Burela.
- Vigo, mércores 24 de xaneiro, ás 10 h no local sindical.
- Santiago, mércores 24 de xaneiro, no local sindical.
- Ferrol, xoves 25 de xaneiro, ás 10h e ás 20h no local sindical
- A Coruña, xoves 25 de xaneiro, no edificio sindical.
- Lugo, martes 30 de xaneiro, ás 11h e ás 18h, no local sindical.
- Ourense, pendente de concretar data.
*En Pontevedra, a asemblea celebrouse o martes 16 de xaneiro.
Reivindicando os dereitos das mulleres
A CIG fai un chamamento a secundar este paro de mulleres para seguir reivindicando neste 8 de Marzo que queda moito por facer pola igualdade e por visualizar a contribución de todas as mulleres ao mundo. Unha folga que permita visibilizar a situación que padecen as mulleres, para esixir a mellora das súas condicións sociolaborais e a fin das discriminacións laborais (fenda salarial, atrancos nos dereitos de conciliación, acoso laboral, sexual e por razón de sexo e identidade, xornadas parciais, dobre xornada, chan pegañento, etc.); mais tamén para que se adopten medidas inmediatas para rematar coa violencia machista (sexual, agresións, feminicidios) e o resto das discriminacións.
Neste senso, a Secretaría das Mulleres da CIG explica que alén do paro laboral, con esta convocatoria tamén se fai un chamamento ás mulleres para que se absteñan de asistir ás clases, de realizar traballos domésticos ou de coidado, e ao tempo, realizar un boicot permanente ás empresas con políticas misóxinas.