Unha ILP para liberar a CRTVG do secuestro do PP e poñela ao servizo do pobo
O comité intercentros e representantes dos 40 colectivos e organizacións agrupadas en defensa da radio e a televisión pública galega (entre as que se atopa a CIG), anunciaron este xoves a presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que ten por obxectivo modificar a actual Lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza, pola que se rexe a CRTVG, "para liberala do secuestro do Partido Popular e poñela ao servizo do pobo".
A xornalista Tareixa Navaza foi a encargada de dar a coñecer o contido desta iniciativa lexislativa popular que está previsto que se rexistre no parlamento durante a primeira semana do mes de setembro. A este respecto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explicou que, unha vez estea rexistrada a ILP, comezará unha intensa campaña de recollida de sinaturas e de actos por todo o país para que a loita que se vén desenvolvendo dende hai anos por liberar a CRTVG do secuestro do PP "sexa unha realidade".
Navaza pola súa banda puxo énfase na valentía dos compañeiros e compañeiras dos medios públicos galegos que, malia os custes persoais e laborais desta loita, os despedimentos e as presións, "non tiran a toalla e levan preto de seis anos defendendo a cidadanía deste país. Un país que non ten medios públicos non é unha democracia plena", aseverou.
A dirección da CRTVG actúa ao servizo dos intereses do PP
Sobre os motivos que levaron as 40 organizacións a sacar esta iniciativa, Navaza (membro da comisión promotora) destacou o "secuestro" por parte do Executivo galego da radio e a televisión pública galega, cunha dirección da CRTVG que, actuando ao servizo da forza política no Goberno, antepón os intereses do PP aos valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público, relacionados coas necesidades democráticas, sociais e culturais do noso pobo.
Subliñou que os medios audiovisuais públicos de Galiza son un servizo esencial que ten como misión difundir contidos destinados a garantir a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas e a calidade da propia democracia.
"Eses contidos son representacións simbólicas que afectan á maneira de oír, de ver e, en definitiva, de experimentar o mundo que vivimos, e, polo tanto, requiren dun papel activo da cidadanía á hora de estabelecer criterios orientadores e de vixiar o cumprimento dos mesmos; isto é, requiren da participación e do control social", lembrou a recoñecida xornalista.
Porén, o actual director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, designado a dedo hai 13 anos polo daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, constitúe a expresión "dun modelo de radiotelevisión que non garante a independencia do ente público". Ao contrario, neste tempo reduciuse a variedade, o equilibrio e a calidade do conxunto de programacións e servizos audiovisuais destinados aos diferentes públicos e posibilitouse a emisión noutras linguas distintas do galego.
No mandato de Sánchez Izquierdo tampouco se potenciou a participación e o control social e deuse entrada ao capital privado, deixando "nas súas mans boa parte da programación da CRTVG, comprometendo os valores de servizo público antes mencionados".
Neste contexto, as organización sociais, culturais, sindicais, políticas e profesionais promotoras desta ILP entenden que a sociedade galega "debe saír ao rescate do noso servizo público de comunicación audiovisual" e defender a existencia dunha radiotelevisión pública:
- Que garanta o respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais.
- Que recupere a perspectiva da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social, nos contidos informativos, divulgativos, educativos e de entretemento. A tal fin, garantirase o dereito de acceso, segundo criterios obxectivos de representación e implantación social, sen que poida excluírse ningún grupo social e co máximo respecto ao pluralismo e á participación democrática de toda a sociedade galega.
- Que recupere a cobertura territorial de todo o país e as desconexións locais, espazos fundamentais para o dereito da cidadanía a acceder ao que acontece na súa contorna máis próxima.
- Que promova e defenda a identidade de Galiza, da súa lingua e da súa cultura, co estímulo á produción editorial, teatral, musical, audiovisual e demais expresións artísticas e escénicas do país.
- Que xogue un papel estratéxico na converxencia dixital e garanta a presenza do galego nas plataformas dixitais.
- Que fomente a través dos contidos a igualdade e a non discriminación, a diversidade sexual, integrando a perspectiva de xénero e fomentando accións positivas, así como o uso da linguaxe non sexista.
- Que preste especial atención á programación dirixida á infancia e á mocidade, por canto que representan o futuro da sociedade, recuperando unha das principais funcións para a que foi creada a Galega, o fortalecemento da Cultura e a lingua propias de Galiza, así como o seu papel educativo, socializador e galeguizador.
- Que dispoña da estrutura, dimensión e recursos materiais, orzamentarios e humanos necesarios para desenvolver con autonomía as misións de servizo público que ten encomendadas.
- Que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente, con transparencia e evitando a concentración das compras nun número reducido de provedores.
Chamada aos poderes públicos
Finalmente, na comparecencia instouse os poderes públicos de Galiza ao cumprimento da normativa do sector audiovisual xestionado pola Xunta, nomeadamente a designación do Director Xeral por maioría cualificada do Parlamento galego; o estabelecemento dos obxectivos xerais que debe cumprir a CRTVG, a través do correspondente mandato marco; a aprobación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, ou a creación dunha autoridade audiovisual independente que vele polo cumprimento das misións de servizo público encomendadas á CRTVG, conforme aos principios expresados na propia iniciativa lexislativa popular.