28 de xuño de 2023: O Orgullo conmemórase nas rúas
Na Galiza o orgullo conmemórase nas rúas, porque a pesar de que pasaron 55 anos da revolta de Stonewall, e 42 da primeira celebración do día do Orgullo na Galiza, as persoas homosexuais, bisexuais, trans, intersexuais, queer, non binarias ... seguen a ver cuestionados os seus dereitos máis fundamentais e seguen a sufrir agresións polo feito de non pertencer á heteronorma, polo que segue a ser necesario reivindicar a diversidade sexual e a identidade de xénero e visibilizar unha loita pola igualdade de dereitos das persoas LGBT+.
Como central sindical podemos evitar e abordar as discriminacións mediante a negociación colectiva, incluíndo cláusulas nos convenios e negociando procedementos de prevención e tratamento de situacións de acoso por diversidade sexual e por identidade de xénero(https://www.cig.gal/documento/protocolo-prevencion-e-actuacion-en-casos-de-acoso-2022.html), mais tamén debemos ser un mecanismo de presión social e de canle das denuncias.
Por iso desde a CIG DENUNCIAMOS:
- A invisibilización dunha sociedade diversa, as discriminacións, a vulneración de dereitos e as agresións contra as persoas que exercen unha disidencia de xénero, afectiva ou sexual respecto á heteronormativa nas escolas, nos xulgados, nos traballos, nas rúas ou nos lugares de ocio da Galiza.
- As discriminacións tanto no eido laboral (vulneración do dereito á intimidade nos procesos de selección, non renovación de contratos, acoso, dificultades na promoción, denegación de prestacións e permisos á parella, na protección da saúde con perspectiva de xénero, riscos psicosociais, acoso, despedimentos...) como no social, e mesmo no ámbito educativo desde idades moi temperás (agresións, insultos, invisibilización, illamento, acoso e ciberacoso...), que sofren moitas persoas galegas pola súa opción afectivo-sexual, debido ao seu proceso de transición, ou pola súa identidade ou expresión de xénero.
- Que a pesar das múltiples denuncias contra o caduco Plan galego anti VIH/SIDA e outras infeccións de transmisión sexual -expirado hai 5 anos-, por vincular a homosexualidade cun maior consumo de drogas ou cunhas prácticas sexuais proclives a contraer SIDA, o plan non foi modificado, non se redactou un novo libre da estigmatización e os estereotipos que contén o anterior, senón que segue prorrogado a día de hoxe.
- Sexismo e transfobia na sanidade pública: cuestionamento, condescendencia, infantilización e imposición de estereotipos, violación da privacidade, falta de respecto no uso do nome e do pronome escollido pola persoa.
- Que no ámbito educativo fica lonxe o obxectivo de acadar unha educación igualitaria e respectuosa coa diversidade de opcións sexoafectivas e de identidade. Mentres, a hipocrisía da Xunta conduce a graves carencias nos apoios á coeducación, á aplicación de plans de igualdade e protocolos de acoso efectivos nos centros educativos -tanto en primaria, como en secundaria, na formación profesional, universitaria, etc- ao tempo que non apoia suficientemente a visibilidade da diversidade afectivo-sexual. Que as figuras de coordenadora de igualdade e a de benestar e convivencia non se dota de medios nin recoñecemento para poder executar as súas competencias entre as cales está a de informar dos protocolos de prevención e protección de calquera forma de violencia, e mediar nos conflitos que poidan xurdir para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero.
- Denunciamos, por último, o incumprimento da instrución do 6 de setembro de 2019 para a elaboración de Plans de igualdade nos centros educativos que recolle que un dos apartados de dito plan será “a análise da situación do centro en relación coa LGTBIfobia e un dos obxectivos coeducativos a intervención nos casos que se detecten”.
EXIXIMOS, un ano máis, ao goberno da Xunta:
- Que garanta o dereito á protección da saúde das persoas trans, incluíndo os tratamentos clínicos necesarios que así se soliciten, como a vaxinoplastia, glotoplastia, faloplastia, mamoplastia, mastectomía, entre outras no catálogo de prestacións sanitarias do Servizo Galego de Saúdea realizar nos centros hospitalarios do país.
- Transición sen sexismo na rede pública de saúde: acceso digno á atención sanitaria, que se permita realizar a transición en base aos desexos das persoas trans e non binarias, e non aos estereotipos e prexuízos do persoal sanitario que as atende.
- Respecto á diversidade das persoas cuxa identidade rexistral non coincide coa súa identidade de xénero, o cal inclúe tanto o respecto polo nome que soliciten que se empregue como o pronome escollido.
- Acceso á reprodución asistida no sistema sanitario público galego en condicións de igualdade.
- Dotación orzamentaria que permita poñer en marcha a Lei de Igualdade 2/2014 de 14 abril pola igualdade e non discriminación de persoas LGBTI+ en Galiza, e o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, facendo as modificacións oportunas na lexislación vixente co obxecto de estabelecer un réxime sancionador, incluíndo a protección integral contra os delitos de odio, axilizando as denuncias e a protección das persoas afectadas, así como formación transversal en diversidade a todos os colectivos implicados (persoal sanitario, persoal do ensino, operadores/as xurídicos/as, forzas e corpos de seguridade do estado).
- Exiximos que todas as persoas, independentemente da súa orixe, do seu estado civil, ou da situación legal na que se atopen, poidan ser atendidas nos servizos públicos de saúde e teñan cubertos os seus tratamentos médicos durante todo o proceso sen interrupcións, sen que teñan que facer alusión ás súas prácticas sexuais.
- A promoción dun ensino laico e de calidade que integre a dignificación e o recoñecemento das diferentes opcións sexuais e a diversidade familiar, educando na liberdade para enfocar a vida persoal e sexual de cada quen, a través da visibilidade desta realidade diversa nas materias educativas, impulsando e apoiando aquelas producións culturais que inclúan a realidade LGBTI+ para potenciar referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transxeneridade, intersexualidade, ou a pertenza ao xénero non binario, facendo especial fincapé na súa divulgación nos centros de ensino primario, medio e superior.Con este fin, propoñemos a creación de equipos de igualdade e diversidade en todos os centros educativos dotados de recursos e crédito horario para poñelos en marcha.
- Que se aprobe unha Lei Galega de Identidade de xénero que garanta o recoñecemento e a existencia da comunidade trans, a través da posta en marcha de medidas no ámbito educativo, sanitario e xudicial.
- Programas de prevención da LGBTI+fobia, e de asesoramento LGBT+, dirixidos aos departamentos de orientación e equipos de igualdade e diversidade dos centros educativos e mesmo ás asociacións de nais e pais, combinando con campañas específicas para a prevención e erradicación do acoso escolar LGBTIfóbico, así como formación obrigatoria a todo o persoalsobre a atención e acompañamento ao alumnado LGBT+
- A modificación da composición do Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, garantindo unha maior representatividade e participación dos colectivos e de persoas expertas que formen parte da comunidade LGBTI+ na Galiza.
- A nivel laboral, a erradicación das actitudes homo/lesbo/bifóbicas/transfóbicas, instando a adoptar medidas que eviten calquera tipo de discriminación no acceso ao emprego, no mantementoe promoción, no acceso ás licenzas e permisos retribuídos (para aquelas parellas que non encaixen coa heteronorma), que garantan que eviten e persigan o acoso laboral, propiciando a igualdade de oportunidades e de trato de todo o persoal, con independencia da súa orientación, identidade ou expresión de xénero. Para tal fin, promoverase a negociación dun protocolo de prevención e actuación ante o acoso por identidade nas empresas, do que se fará seguimento periódico e se avaliarán os seus resultados.
Mobilizacións polo día do Orgullo
Desde a CIG facemos un chamamento a participar en todas aquelas actividades, concentracións e mobilizacións organizadas polos distintos colectivos na Galiza en torno ao 28 de xuño, pois é necesario denunciar as discriminacións e agresións que sufrimos as persoas por mor da nosa condición afectiva/sexual e ao tempo construírmos entre todas unha sociedade galega inclusiva para todas as persoas que vivimos neste país.
Mobilizacións convocadas polo movemento LGBT+ galego:
Mércores 28: A Coruña: Praza de Ourense ás 19:30h Compostela: Praza 8 de Marzo ás 20h Ferrol: Praza Amada García ás 20h Lugo: Praza da Horta do Seminario ás 20h Ourense: Praza Bispo Cesáreo ás 20h Cangas: Praza do concello ás 20:30h |
Venres 30 de xuño: A Rúa: praza do concello ás 12h O Barco de Valdeorras: praza do concello ás 19h |
Sábado 1 de xullo: Vigo: saída da Doblada ás 20:30h |