2022: máis recortes en pensións
A partir de setembro a reforma das pensións vai ocupar un espazo maior na axenda. O Goberno ten comprometidos importantes recortes, que poden ser aínda maiores tras aprobar uns Fondos Europeos que lonxe de ser una solución máxica aos nosos problemas estabelecen una clara condicionalidade
Este verán anunciouse que a Comisión Europea desembolsará o segundo tramo dos Fondos Europeos ao estado español, ao dar por boa a execución dos compromisos asinados polo Goberno de Pedro Sánchez. Pero iso é só una parte da realidade.
En primeiro lugar, iso corrobora que os Fondos Europeos están condicionados a aplicar determinadas políticas, entre elas as políticas de axustes. En segundo lugar, a mensaxe oficial agocha que o documento da Comisión Europea incorpora tres páxinas sobre a reforma das pensións, dicindo, basicamente, que a reforma aprobada en 2021 quedou curta, e que iso se debe compensar na reforma que está comprometida este ano.
Parece «o día da marmota», mais cómpre lembrar que o Goberno español se comprometeu a aprobar una reforma de pensións en dúas fases, unha en 2021 e outra en 2022. Si ou si, en 2022 deberá haber una nova reforma de pensións. Non é un bo sinal que este tema non ocupe espazo e se obvie no debate político, social ou mediático.
O asinado entre o Goberno de Sánchez e a Comisión Europea recolle o compromiso explícito de que a reforma de 2022 aumente o número de anos que se teñen en conta para calcular a pensión (actualmente 25, cifra que se foi aumentando nas sucesivas reformas de pensións). E por tanto, canto máis anos de cotización se teñen en conta, máis baixa é a contía das novas pensións. Ese é o obxectivo da medida, baixar as pensións.
Ademais, o mencionado documento da Comisión Europea fainos presaxiar que a situación pode ser aínda máis grave. A Comisión indica que o Goberno se comprometeu a unha reforma en dúas fases para «asegurar a sustentabilidade financeira do sistema, a curto, medio e longo prazo», e que as medidas aprobadas na reforma das pensións do ano pasado poden pór en risco esa sustentabilidade financeira. Para xustificar esta afirmación sinalan tres elementos: o primeiro, que a inflación se disparou, o que fai que a revalorización das pensións supoña un forte aumento do gasto; o segundo, que os recortes aprobados na xubilación anticipada non son demasiado altos; o terceiro, que o Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI) vai supor menos aforro que o Factor de Sustentabilidade (que era un axuste automático das pensións iniciais) ao que substitúe. E ademais, destaca que o MEI non foi avalado pola patronal (pero o Goberno comprometeuse a acordar a reforma, como a laboral, no diálogo social, un práctica que outorga dereito de veto á patronal).
Tras iso, a Comisión expresa, con total clareza, que o Goberno español ten que cumprir os compromisos asinados, polo que a reforma de 2022 debe compensar a «insuficiencia» da reforma de 2021. Así que de cara a esta reforma é máis que probábel que se volvan discutir cuestións como a revalorización das pensións en función do IPC, ademais das que xa están na axenda (o aumento do número de anos que se teñen en conta para calcular a pensión, entre outros).
A partir de setembro a reforma das pensións vai ocupar un espazo maior na axenda. O Goberno ten comprometidos importantes recortes, que poden ser aínda maiores tras aprobar uns Fondos Europeos que lonxe de ser una solución máxica aos nosos problemas estabelecen una clara condicionalidade. A Comisión Europea explicitou que os próximos desembolsos van estar condicionados ao cumprimento dos compromisos, é dicir, ao recorte das pensións. Non será que non o denunciamos de todas as maneiras posíbeis, incluíndo a mobilización social. Imos ter que seguir denunciando estas políticas, nos medios de comunicación e na rúa.
[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 14 de setembro de 2022]