12.000 persoas claman en Verín por unha sanidade pública de calidade, próxima e sen esperas na comarca
Na manifestación deste sábado denunciouse a perda de servizos e profesionais e exixíronselle solucións urxentes á Consellaría e a Xerencia
Arredor de 12.000 persoas participaron na tarde do sábado na manifestación en defensa do Hospital de Verín e da Atención Primaria na comarca e para exixir unha sanidade pública de calidade e proximidade. A mobilización, convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei – da que a CIG fai parte- resultou nun clamor multitudinario contra o deterioro progresivo do sistema público e na demanda de solucións urxentes á Consellaría e á Xerencia da área sanitaria.
Baixo o lema “non pedimos privilexios, pedimos sanitari@s” e ao berro de “Verín non se pecha”, a manifestación saíu do centro de saúde e rematou nunha ateigada Praza de García Barbón, onde se denunciou que a saúde é un dereito “que se está vulnerando día tras día na nosa comarca”.
No manifesto lido ao remate da marcha, a Plataforma criticou o desmantelamento progresivo que sufriu a comarca nos últimos anos e a perda de servizos sanitarios fundamentais como a Hospitalización a Domicilio -“deixando ás persoas máis vulnerábeis e ás súas familias sen unha atención digna”-, ou Cardioloxía. A falta deste servizo obriga a centos de persoas “moitas delas maiores e con problemas de mobilidade, a ter que desprazarse a Ourense para consultas e probas que antes realizaban aquí”.
Ao tempo que mingua a carteira de servizos, medran as listas de espera “sen control”, faltan profesionais, pechan consultas, a Atención Primaria está desbordada e as urxencias reciben “unha presión insoportábel”. O deterioro da sanidade na bisbarra resulta tan evidente “que non se pode ocultar con promesas nin con discursos”, e non obstante a administración continúa sen asumir responsabilidades nin pór solucións.
Neste senso, a Plataforma considerou de especial gravidade que o pasado mes de xuño a comarca quedara sen cirurxiá de garda e cuestionou que tería pasado se algunha persoa precisara dunha intervención urxente. “Non queremos esperar a que aconteza unha desgraza para que alguén tome decisións”, aseveraron. “Non estamos falando de números, estamos falando de persoas”.
Fronte a isto, o colectivo exixiu unha sanidade pública e de calidade sen esperas, que se recuperen todos os servizos públicos, que haxa consultas da dor, reincorporar Cardioloxía no hospital e a Hospitalización a domicilio cos recursos humanos necesarios; reforzar a Atención Primaria; estabilidade para os e as profesionais; planificación e “respecto”.
Dende a Plataforma quíxose agradecer a todo o persoal que, malia a falta de medios, “seguen sostendo a sanidade pública co seu esforzo, coa súa profesionalidade e co seu compromiso”. E no outro lado, enviouse unha mensaxe á Consellaría e á Xerencia da área sanitaria para que cumpran coa súa responsabilidade “porque gobernar tamén significa garantir que todas as persoas, vivan onde vivan, teñan acceso á mesma asistencia sanitaria”.
Neste liña, denunciaron que “recortar en sanidade é poñer vidas en risco” e advertiron que non cesarán na mobilización contra os recortes e para reivindicar o dereito a recibir unha sanidade pública de calidade.