GES de Guitiriz: o Concello aplica un ERTE ilegal e o SEPE négalle o dereito ao paro ao persoal afectado
A CIG concentrouse este mércores diante do Concello de Guitiriz para esixir do Goberno local que suspenda de inmediato a execución do ERE temporal para os traballadores do Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES), por ser ilegal e manifestamente nulo, tal e como así recoñece o Servizo Público de Emprego. Pero isto provoca, ademais, que o SEPE lle denegue ao persoal afectado o dereito á cobrar a prestación por desemprego, deixándoos na máis absoluta precariedade e indefensión.
"Os traballadores do GES teñen o contrato suspendido dende o pasado 30 de xaneiro, pero non poden cobrar o paro porque o SEPE considera nulo o ERTE", subliña o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña. Lois Neto reclama que o Concello, principal responsábel desta inxustiza, "debe ser tamén o primeiro en actuar para dar unha saída á situación de precariedade e desamparo na que están os traballadores".
Por iso, demanda do Goberno municipal que suspenda a execución do ERTE e dea de alta os traballadores a todos os efectos desde a data de inicio do expediente, así como que proceda a regularizar a súa situación pondo ao día o pago dos salarios.
Os traballadores totalmente desamparados
A decisión do SEPE denegando o dereito a cobrar a prestación por desemprego xa foi recorrida por vía administrativa, mais a autoridade laboral volveu confirmar a súa negativa, amparándose na manifesta ilegalidade do ERTE, posto que as Administracións Públicas non son competentes para iniciar procedementos de suspensión dos contratos ao amparo do artigo 47 do Estatuto de Traballadores/as, tal e como fixo o Concello de Guitiriz.
A este respecto, o secretario de Organización da CIG de Lugo critica a actuación do SEPE por exceder as súas competencias, xa que é o xulgado quen deben determinar a nulidade ou non dun expediente de regulación de emprego.
"Aínda compartindo a valoración dos servizos de emprego sobre o ERTE, non se pode cargar as consecuencias desta acto nulo sobre os traballadores, que son os grandes prexudicados. Hai un feito obxectivo: o persoal ten os contratos suspendidos e non pola súa vontade; polo que, en todo caso, o SEPE debería recoñecerlle o dereito a cobrar o paro e logo pasarlle a liquidación ao Concello", apunta.
As mobilizacións continuarán
Cómpre lembrar que o Concello de Guitiriz renunciou a asinar o Convenio do GES da Terra Chá para o período 2019-2021 e a seguir prestando este servizo de emerxencias, que atende tamén aos municipios Begonte, Xermade ou Friol. O Goberno puxo en marcha entón un ERTE para o persoal adscrito a este servizo, cuxa temporalidade fica condicionada a que outro concello asuma a xestión do GES, e partindo dunha subrogación que o persoal non ten garantida.
A CIG ten denunciado no xulgado do Social tanto a suspensión dos contratos como a decisión do SEPE de denegarlle a prestación por desemprego aos traballadores e continuará coas mobilizacións até que se lle dea unha solución ao persoal afectado.