Galiza perdeu poboación activa e ocupada no cuarto trimestre de 2022 segundo a EPA
O cuarto trimestre de 2022 rematou en Galiza con 1.104.500 persoas ocupadas, un total de 9.200 menos que no trimestre anterior (- 0,83%), segundo a EPA do IV trimestre. O mesmo ocorreu co número de persoas activas, que diminuíron en 12.700, o 1,02% menos que o trimestre anterior. Así as cousas, o ano rematou con 131.400 persoas desempregadas e unha taxa de paro do 10,6%, un 0,2% menos que no trimestre anterior.
Diante destes datos, o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, considera que aínda que a situación do paro en xeral “podemos dicir que ten unha tendencia positiva”, hai que ir ao fondo da cuestión e “ver como a taxa de actividade galega é a segunda máis baixa do Estado, despois de Asturias e, polo tanto, ao haber menos persoas activas evidentemente a taxa de paro é máis baixa”.
Para Sío ese é o verdadeiro problema, “un problema estrutural demográfico e do mercado de traballo de Galiza, onde o envellecemento da poboación e a emigración das persoas máis preparadas que se ven obrigadas a marchar a outras zonas do Estado e a outros países”. Por iso advirte que “estamos perdendo poboación e, polo tanto, poboación activa, coas consecuencias que iso ten para a nosa economía e para Galiza como país”.
Nesta liña, segundo o IGE, a diferenza entre homes e mulleres persiste. De feito hai 568.500 homes ocupados dos que 61.800 están desempregados, polo que a taxa de actividade masculina é de 56,17% e a taxa de paro é de 9,81%. Porén, no caso das mulleres, hai 536.000 ocupadas e 69.600 desempregadas, co que a taxa de actividade é de 49,49% e a taxa de paro do 11,49%.
A este respecto, o secretario confederal de Emprego subliña que no caso do desemprego e actividade das mulleres, os datos constatan que “tamén neste caso temos a segunda taxa de ocupación máis baixa do Estado, só con Asturias por debaixo”, o que implica que “novamente son as mulleres as que teñen máis dificultade para entrar no mercado de traballo e para atopar un emprego”, explica.
Diferenzas entre provincias
As provincias da Coruña e Pontevedra son as que teñen as taxas máis altas de actividade, co 53,13% e o 53,97% respectivamente, fronte a Ourense, que ten unha taxa de actividade do 47,61% e Lugo, onde está no 52,32%. Do mesmo xeito, as taxas de paro difiren dunhas provincias a outras, na Coruña é do 10,11%; en Lugo, do 8,41%; en Ourense do 11,64% e en Pontevedra do 11,70%.
Tamén sobre estas diferenzas chama a atención González Sío, quen entende que isto podería ter que ver “co Camiño de Santiago, polo Camiño francés”, no caso da Coruña e Lugo, mentres que no caso da provincia de Pontevedra o vincula coa cada vez maior destrución de emprego industrial.
A Industria segue perdendo ocupados
Os datos por sectores así o confirman e, de feito, foi na Industria onde máis poboación ocupada se perdeu, con 6.800 persoas menos (-4%), seguida da Construción, cun 5.000 persoas ocupadas menos (-6,7%) respecto do trimestre anterior, mentres que aumentou na Agricultura nun 3% e en Servizos un 0,1%.
Con todo, cómpre salientar que respecto do mesmo trimestre do ano pasado a Industria perdeu un total de 10.700 persoas ocupadas (-6,2%) e a Construción un total de 1.300 (-1,8%), mentres que aumentou en 20.200 a poboación ocupada no sector Servizos (+2,6%).
A este respecto, o secretario confederal de Emprego entende que os datos configuran un panorama en Galiza, do plano laboral e económico, como “un país no que o sector Servizos cada vez colle máis peso e onde perdemos poder industrial, ben coa marcha de empresas, ben coa destrución de emprego”.
Unha situación que “leva a un mercado de traballo no que a precariedade e a parcialidade cada vez é máis grande” e que se pode ver, segundo González Sío “cos datos agochados dos fixos e dos eventuais, onde o que se está facendo é enmascarar eses contratos de obra e servizo en contratos fixos descontinuos” que, lembrou, “son persoas traballadoras que non traballan todo o ano, que teñen o seu salario parcializado e que durante etapas da súa vida laboral anual están no desemprego, se o teñen”.
O panorama global que deixa a EPA do cuarto trimestre de 2022 complétase cun aumento do número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro en 1.500, situándose nun total de 52.300, cun incremento do 2,8% respecto do cuarto trimestre de 2021.
Paro xuvenil
A taxa de paro xuvenil (entre os 16 e os 29 anos) situouse neste trimestre no 19,8%, máis de 9 puntos por riba da taxa de paro en Galiza. A taxa de temporalidade para este colectivo está, ademais, no 39,9%. Unhas condicións laborais que explican por que a mocidade ten que optar por emigrar á busca dunha vida digna.
Respecto dos grandes concellos, Ferrol é o que presenta a peor situación, cunha taxa de actividade do 46%, de ocupación do 38,7% e de paro do 15,9%, mentres que, porén, Lugo ten unha taxa de actividade do 58,3%, de ocupación do 52,7% e de paro do 9,7%.