Galiza é quen máis medra, de que nos queixamos
Resulta evidente que se os datos fosen unha radiografía da realidade (sen ningún condicionante para unha lectura rebuscada), o trato que dá o Estado español a Galiza sería outro, máis favorábel ao país, evidenciando que os galegos e galegas nos queixamos de vicio
Hai uns días os xornais Faro de Vigo e La Opinión da Coruña, que responden ao mesmo grupo editorial, mais tamén podería ser un artigo de La Voz de Galicia, ou outro xornal sistémico do país que non queda curto nas análises parciais que gaban o labor das clases dominantes, destacaban que durante este século o noso país foi o que atinxiu un maior crecemento do PIB por persoa, un 26%. Agora ben a/o xornalista que realiza o artigo e a dirección do medio non se preguntan entón: por que a poboación da Galiza está conxelada neste período, 2.702.000 habitantes en xaneiro de 2000, e 2.693.000 en xullo de 2022, mentres que o conxunto do Estado español (EE) medrou en 7.200.000 habitantes?
Resulta evidente que, se o salto cualitativo en materia de ingresos fose tamén tan positivo, non habería razóns para que se mantivese tan forte a emigración da mocidade galega e que os inmigrantes non se dirixirían esencialmente a outras partes do EE, como Madrid, Cataluña, Valencia, Baleares, Navarra... Non se deberá a que este medre do PIB por habitante foi consecuencia de que se forzou a emigración da poboación rural, rematando co que restaba da economía de subsistencia, e desenvolvendo unha industrialización parcial e subalterna? Daquela as peores condicións de traballo e salariais, e o saldo demográfico negativo en relación con outras autonomías. Ou sexa, que o medre do PIB por habitante máis que produto do crecemento da economía foi consecuencia da emigración e caída da natalidade. Sería como se nunha familia de cinco persoas, na que traballan tres, botasen da casa as dúas que non choian, aumentando automaticamente a renda por persoa. As contas, se non se valoran no contexto, serían así aparentemente positivas nesta ollada tan limitada e interesada. En ningunha análise se pode obviar o conxunto, a evolución.
Resulta evidente que se os datos fosen unha radiografía da realidade (sen ningún condicionante para unha lectura rebuscada), o trato que dá o Estado español a Galiza sería outro, máis favorábel ao país, evidenciando que os galegos e galegas nos queixamos de vicio. Polo tanto os partidos sistémicos que gobernaron o Estado e Galiza, todos eles para alén da súa liña política, serían os construtores dun enorme avance económico, que só ignoran as persoas que son preguizosas, porque non traballan abondo ou lles falta atrevemento, e os partidos e forzas do nacionalismo que ven unha realidade dependente, colonial, subalterna na cadea de valor, por puro egoísmo e ideoloxismo. Resulta evidente que non é así, a demografía, a emigración, a caída da natalidade, unha renda máis baixa malia a potencialidade e riqueza do territorio, a exportación de capital... o asoballamento da cultura propia e da lingua... que se agoche o relativice o papel histórico da Galiza... son datos todos eles que reflicten un lugar secundario na cadea de valor que non se pode ignorar nin obviar en ningunha análise, por máis parcial que sexa.
Moitas persoas só len das notas de política e economía os titulares, e con iso abonda dado que poucas veces entran no fondo dos temas, e cando o fan é para reducilo ao ámbito da empresa e sector, poucas veces contextualizan a situación. Porque, do que se trata, a inmensa maioría das veces, é de crear no subconsciente colectivo unha realidade parcial, limitada e virtual, favorábel aos intereses das clases dominantes. Por exemplo, para que nos momentos decisivos condicione o voto, ou free a mobilización social, especialmente cando non é sobre cuestións moi persoais e concretas,... para que a ignorancia do contexto axude a manter un sistema que centraliza e concentra riqueza e poder, alongando a vida deste capitalismo e imperialismo senil. En fin, cando leamos algo, mesmo que sexa pouco atractivo, sempre é necesario analizalo uns minutos por todos os ángulos, e comparalo coa práctica cotiá.
[Galiza, 9 de xaneiro de 2022]