A Asemblea Galegas 8M convoca a marcha deste domingo en Vigo “para amosar a nosa forza e a capacidade de espallar a loita feminista”
A Asemblea Galegas 8M, que integran 30 colectivos -entre eles a CIG-, presentou hoxe en Vigo a manifestación nacional unitaria que percorrerá as rúas da cidade este domingo 4 de marzo “para amosar a nosa forza e nosa capacidade de espallar a loita feminista”. Durante a comparecencia diante dos medios de comunicación fixeron un chamamento a participar tamén na folga de mulleres e nas mobilizacións convocadas o 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.
» Accede aquí ao especial con toda a información sobre o 8 de Marzo
A marcha central coa que o feminismo galego conmemorará o Día Internacional da Muller Traballadora arrincará de Vía Norte ás 12:00 horas e rematará por volta das 14:00 horas na Praza do Berbés, onde haberá unha carpa con postos de comida, actuacións musicais, recitais poéticos e actividades para as crianzas. Paralelamente, durante a xornada desenvolveranse mobilizacións en moitos puntos do país.
Co obxectivo de facilitar a asistencia á manifestación fretaranse até unha vintena de autobuses dende distintas localidades, que achegarán até Vigo a máis de 600 persoas “coa intención de amosar a nosa forza e a nosa capacidade de espallar a loita feminista e de xuntar forzas para dar visibilidade á ampla rede de mulleres galegas”.
Ao mesmo tempo, lembran que a marcha fai parte do traballo mobilizador cara á folga de laboral, de coidados e de consumo do 8 de marzo e pretende tamén darlle pulo ás convocatorias locais que terán lugar o propio durante esa xornada nas diferentes localidades do país.
“As mulleres sairemos ás rúas e faremos folga este e todos os 8 de marzo que fagan falta porque temos a forza para conquistar ese mundo tamén noso, xusto e igualitario; porque o noso camiño cara a eses obxectivos foi, e será sempre, continuar sendo insubmisas, rebeldes e loitadoras; para transformar a vida das mulleres, folga laboral, de coidados e de consumo”, sosteñen.
Apoio dos homes
Raquel Pérez, da CIG de Vigo, sinalou durante a rolda de prensa que a convocatoria de folga foi posíbel grazas á colaboración entre as centrais sindicais e as organizacións feministas e insistiu na necesidade de que todas as mulleres participen para “visibilizar a dura realidade que padecemos e para poñer a nosa vida por diante das mercadorías e da produción”.
En canto ao papel dos homes durante estas xornadas de loita, indicou que poden apoiar as reivindicacións do colectivo e participar tanto na manifestación do día 4 como nas mobilizacións que se convocan o propio día 8 pola tarde. “Mais tamén é necesario que nos apoien os 365 días do ano coidando as fillas/os, as persoas maiores e as enfermas e facendo os labores do fogar”.