Gadisa e Froiz terán que aplicar mecanismos de control de xornada
A CIG-Servizos denunciou esta mañá, en rolda de prensa, a enorme precariedade que padecen as traballadoras do sector de comercio-alimentación, con salarios que non chegan a ser nin mileuristas e xornadas interminábeis. Unha situación que se manterá logo de que UGT e USO asinaran un convenio na provincia da Coruña que nin sequera recolle mecanismos de control de xornada, cando mesmo o TSXG vén de obrigar a Gadisa e Froiz a iniciar o proceso para a súa implantación.
O secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, que compareceu acompañado por Lucía Freire, delegada da sección sindical da CIG en Froiz, e Begoña Martínez, delegada da sección sindical da CIG en Gadis, fixo unha radiografía do sector denunciando que “as traballadoras e traballadores sofren unha extrema precariedade, con xornadas que superan as 40 horas semanais. Teñen salarios que, de media, están arredor dos 900€/mes”.
Rubido denunciou que, ademais, “este é un sector feminizado e, polo tanto, secundarizado” e chamou a atención sobre o elevado número de traballadoras/es que del dependen. Nese sentido afirmou que “só nas dúas principais empresas, Gadisa e Froiz, traballan 3.500 persoas na provincia da Coruña”.
Convenio colectivo
O secretario nacional da CIG-Servizos lembrou que cando se afrontou a negociación do convenio colectivo a previsión sindical era resolver ás dúas principais carencias: salario e xornada (que é das máis altas, 1.812 horas/ano) e, nomeadamente, a falta de control de xornada para detectar as horas extra que se fan e non se pagan.
Denunciou que, porén, “USO e UGT renunciaron a defender estes aspectos da plataforma, quedando a xornada tal e como estaba e sen ser sequera quen de negociar a implantación dos mecanismos de control de xornada cando xa hai sentenzas nas que se contempla como obrigatorio establecer estes mecanismos”.
Canto a incrementos salariais, o convenio que vén de se asinar non prevé, durante os seus catro anos de vigor, a revisión en función do IPC real “o que vai supor unha perda de poder adquisitivo que só no primeiro ano xa foi de 100 euros, en salarios xa de por si miserentos”.
Control de xornada
Para a federación de Servizos é tan grave a situación que só a través de dúas denuncias da CIG no TSXG se conseguiu obrigar a Gadisa e a Froiz, o pasado día 2 de febreiro, a iniciar o proceso de implantación dos mecanismos de control de xornada.
Máis alá das medidas de carácter legal a CIG-Servizos anunciou o inicio de mobilizacións para denunciar o que Rubido cualificou como “tan lamentábel” convenio e o “nefasto papel de colaboradores necesarios de UGT e USO”. Así anunciou que este venres, día 10 de febreiro, entre as 11:30 e as 13:00 horas, terá lugar a primeira concentración diante do GADIS de Arteixo, na Avda. Arsenio Iglesias.