Froiz despide a unha traballadora 15 días despois de reincorporarse dunha baixa por enfermidade
A CIG realizou unha concentración este venres ás portas dun supermercado Froiz de Pontevedra para denunciar o despedimento dunha traballadora que se acababa de reincorporar dunha baixa por enfermidade de longa duración. A central rexeita os argumentos esgrimidos pola compañía e esixe a súa inmediata reincorporación.
Dende CIG-Servizos de Pontevedra denuncian que, despois súa incorporación, a empresa tardou apenas 15 días en comunicarlle o despedimento alegando baixo rendemento. Algo que dende a central sindical negan rotundamente, tendo en conta que a traballadora leva máis de 15 anos neste supermercado (primeiro baixo a marca Moldes e agora como Froiz) e nunca tivera problemas laborais até que caeu de baixa médica.
Por iso, nas follas informativas que se repartiron durante a concentración pediuse a solidariedade da clientela e que trasladaran á empresa a á responsábel da tenda o seu rexeitamento a este despedimento inxusto. Hai que destacar que os despedimentos inxustificados improcedentes, inxustos e arbitrarios en Froiz están á orde do día e non é a primeira vez que a empresa utiliza a escusa dunha suposta baixada do rendemento para despedir ao persoal por ter collido unha baixa.
A central reitera que a unha empresa como Froiz, que obtén inxentes cantidades de beneficios a custo do traballo do seu persoal, "non se lle pode consentir que despida a unha traballadora por coller unha baixa, que é ao fin o que ocorreu neste caso”.