Formación sindical sobre os procesos de descarbonización, dixitalización e automatización no sector do automóbil
A CIG celebra este venres 31 unhas xornadas de formación sindical para delegados/as e traballadores/as do sector galego do automóbil nas que se abordarán as transformacións e os retos de futuro aos que se enfronta esta industria coa chegadas dos vehículos eléctricos. O encontro, organizado pola federación de Industria e a Secretaría de Negociación Colectiva, Industria e Emprego, terá lugar no hotel Los Galeones (avenida de Madrid, 21) de 10:00 a 14:00 horas.
O secretario de Negociación Colectiva, Industria e Emprego, Paco Sío, será o encargado de presentar e moderar unhas xornadas arredor dun sector fundamental para a comarca de Vigo e estratéxico para o conxunto do país que se celebran baixo o título de 'Os procesos de descarbonización, dixitalización e automatización no sector do automóbil de Galiza' e nas que tamén participará o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
As intervencións correrán a cargo de Mario Rísquez Ramos, doutor en Economía e profesor asociado no departamento de Economía Aplicada, Estrutura e Historia da Universidade Complutense de Madrid, e de Xosé Enrique Vázquez Vicente, catedrático da Universidade de Vigo do departamento de Organización de empresas e profesor de Estratexia e Innovación.