Folguistas de Constellium mobilízanse na ETT Adecco contra a vulneración do dereito de folga
Traballadores/as de Constellium Automotive, empresa do sector da automoción con sede no Porriño, mobilizáronse hoxe diante da ETT Adecco en Vigo para denunciar a vulneración do dereito de folga mediante a contratación de persoal externo. O comité (integrado por cinco delegados/as da CIG) detectou cando menos seis casos (tres por quenda), que puxo en coñecemento da Inspección de Traballo.
Na CIG-Industria agardan agora que a autoridade laboral emita a pertinente resolución sobre unha manobra que lle permitiu a Constellium completar as dúas quendas de traballo que mantén na actualidade, xa que o elevado seguimento do paro indefinido obrigáraa nun primeiro momento a unificar as tres quendas nunha única, que recentemente ampliou a dúas botando man de persoal eventual.
A dirección da compañía opta por este tipo de estratexias no canto de intentar un achegamento coa representación duns traballadores/as que acordaron iniciar unha folga indefinida o pasado 1 de abril para rexeitar a imposición de altos ritmos de traballo e o despido represivo dun compañeiro.
A convocatoria chegou despois de que Constellium decidise romper as negociación que mantiña coa representación sindical para determinar os tempos de produción e optase por comunicar o despido dun traballador “coa intención de amedrentar o cadro de persoal”.