As traballadoras das escolas infantís privadas irán á folga o 29 de xuño por un convenio digno con salarios xustos
As organizacións sindicais acordaron iniciar mobilizacións nas escolas infantís privadas e de xestión indirecta ante as propostas de miseria trasladadas pola patronal na mesa de negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil, etapa 0-3.
As negociacións do convenio, de ámbito estatal, iniciáronse hai máis dun ano, pero neste tempo foi imposíbel avanzar nun acordo a causa do inmobilismo das patronais. Por iso, as organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO, UGT Servizos Públicos, SNEP de G e USO, acordaron convocar concentracións e unha xornada de folga nesta segunda quincena de xuño en defensa dos dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras.
As concentracións terán lugar o próximo 22 de xuño ás 20 horas no Obelisco da Coruña e diante do MARCO de Vigo. Ademais, o 27 de xuño realizaranse concentracións de protesta nas escolas nas que os e as participantes levarán cartaces, faixas, camisetas etc. con lemas reivindicativos.
Estas mobilizacións servirán para quentar a xornada de folga que terá lugar o xoves 29 de xuño en todo o sector das escolas infantís, tanto privadas como de xestión indirecta. Para ese día, está convocada tamén unha manifestación en Santiago de Compostela que sairá da Alameda e rematará na Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), na rúa do Vilar.
A patronal pretende manter a precariedade
As organizacións sindicais denuncian que nas máis de nove reunións da mesa negociadora, as patronais "non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas".
Máis aínda, o empresariado busca atrasar e evitar afrontar a actualización dos salarios, que actualmente xa se atopan por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), "impedindo así que as traballadoras poidan recuperar o poder adquisitivo perdido". Ademais, negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e tamén se opoñen á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector.
Neste senso, denuncian que as patronais causaron un grave prexuízo ás traballadoras do sector da xestión indirecta ao impedir o asinamento dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos. Esta negativa priva as traballadoras dunha remuneración xusta e acorde coas súas responsabilidades laborais.
Critican o inmobilismo e o involucionismo das patronais, "que está a causar unha constante perda de poder adquisitivo e a permanente intención de recortar os dereitos laborais e sociais. Exiximos, con urxencia, un cambio de rumbo que garanta o futuro do sector e valore e recoñeza o labor socioeducativo que realizan as traballadoras. É fundamental que se tomen medidas para asegurar unha situación laboral digna e xusta para todas as profesionais do sector das escolas infantís".