Folga na automoción galega para esixir medidas urxentes que garantan o emprego e condicións laborais dignas

A CIG-Industria anunciou hoxe a convocatoria dun paro de 24 horas en todas as empresas do sector para o xoves 28 de novembro
Vigo - 18 Out 2024

Os cadros de persoal de todas as empresas da automoción galega están chamados a unha xornada de folga o vindeiro xoves 28 de novembro ante a “situación límite” que atravesa o sector como consecuencia do proceso de ‘reconversión’, deslocalización e precarización no que está inmerso dende a irrupción do vehículo eléctrico. O paro de 24 horas convocado pola CIG-Industria tanto na empresa principal Stellantis como no arredor de 50 compañías auxiliares e de compoñentes ubicadas nas comarcas de Vigo, Pontevedra e Ourense ten por obxecto esixir medidas urxentes que garantan os postos de traballo e unhas condicións laborais dignas.

O anuncio da folga foi feito polo secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, durante a protesta desenvolvida hoxe por delegados/as da central sindical ás portas de Stellantis en Vigo, que coincidiu coa folga convocada na fábrica italiana de Stellantis.

Bouzas fixo fincapé en que a convocatoria é un paso máis do “intenso traballo” que a central sindical leva varios anos facendo en defensa do emprego e das condicións laborais nun sector que se atopa “en situación de emerxencia” pola fonda crise que atravesa, o que está a intensificar a precarización das condicións de traballo e a perda de dereitos sociais.

“Dende a pandemia os traballadores/as padecen ERTE continuos de 30, 60 ou 90 días de duración que sufragan coas súas prestacións por desemprego; ao que hai que sumar a pregresiva desregulación da xornada laboral, até o punto de que agora se traballa fins de semana, domingos e festivos e despois descánsese durante a semana”, sinalou.

Outra consecuencia desta situación é o aumento da flexibilidade interna nas empresas, “que provoca que a maioría dos cadros de persoal non saben cales van ser os seus horarios a semana que vén nin cantos días van traballar a última semana de outubro, por exemplo”. Unha flexibilidade que impide -tal e como denunciou o responsábel sindical- a conciliación da vida persoal e laboral. Este proceso “imparábel” de precarización das condicións de traballo contrasta co feito de que Stellantis rexistrase 18.600 millóns de euros de beneficio o ano pasado, tal e como detallou.

“Carlos Tavares, director executivo de Stellantis, di que hai que abaratar custes, pero o seu salario de 36 millóns de non o baixa. E dispara a desconfianza dos traballadores/as cando asegura que se ten que pechar fábricas vaino facer”, censura o secretario nacional da CIG-Industria. Precisamente para amosar o seu rexeitamento á xestión e ás declaracións do empresario luso os delegados/as da CIG que participaron na protesta diante da fábrica viguesa ían ataviados/as con monos brancos e levaban postas caretas coa faciana de Tavares.

Bouzas cargou tamén contra CEAGA, o clúster que agrupa as empresas da automoción galega, ao que tamén fixo responsábel da situación e acusou de “tirar pedras contra o seu tellado”, xa que non cuestionan as directrices de Stellantis que obrigan a abaratar custes, “e o único que fan é recortar empregos, salarios e dereitos”.

Por todo isto, fixo un chamamento ao conxunto dos cadros de persoal do sector e aos comités das distintas empresas a secundar a xornada de folga “para dicir alto e claro que até aquí chegamos, porque non pode ser que as persoas traballadoras da industria galega do automóbil estean a ingresar salarios inferiores a antes da pandemia por culpa de paradas constantes da produción; unhas paradas que antes eran supostamente consecuencia da situación derivada da covid, logo da crise dos microchips, e agora xa non se sabe de que porque as empresas xa non dan explicacións e semella que os ERTE se normalizaron no sector.”