O metal da Coruña dá unha mostra de forza no primeiro día de folga por un convenio digno

Milleiros de persoas participan nos piquetes e nas mobilizacións realizadas na Coruña, Ferrol e Compostela
A Coruña/Ferrol/Compostela - 19 Mai 2026

Coas empresas máis importantes pechadas e a actividade industrial dos principais polígonos paralizada, as centrais sindicais cualifican de rotundo éxito a primeira das tres xornadas de folga convocadas no siderometal da provincia da Coruña por un convenio digno. Do amplísimo respaldo á folga da boa conta a elevada participación nos piquetes informativos e os milleiros de persoas que acudiron ás mobilizacións realizadas na Coruña, Ferrol e Compostela en reposta ao bloqueo patronal e á negativa a incorporar melloras laborais e salariais. A xornada de folga coincidiu ademais co cuarto día de paro convocado na provincia de Pontevedra.

A xornada transcorre con absoluta normalidade e sen incidentes e só hai que lamentar a detención arbitraria dunha sindicalista da CIG en Compostela durante a actividade ordinaria dos piquetes no Polígono do Tambre. Unha actuación policial que a CIG rexeita polo seu carácter desproporcionado, inxustificado e que ademais se produciu nun momento de total tranquilidade no decurso da xornada de folga. 

Sobre a participación no paro, o secretario da CIG-Industria da Coruña, Eduardo Caamaño, subliña que nas empresas de cen ou máis persoas traballadoras da comarca o seguimento é practicamente total, nas de menos de cen que están organizadas sindicalmente hai un seguimento de arredor do 80% e “nas firmas e talleres máis pequenos é difícil facer unha cuantificación, aínda que en moitas puidemos acceder a facer asembleas coas traballadoras e traballadores”.

En liñas similares se pronuncia Serxio Martínez, secretario da CIG-Industria de Ferrol, quen destaca a parálise total nos estaleiros e na actividade da maioría dos polígonos da bisbarra, “nos que non fixo nin falta a actuación dos piquetes informativos”. O única nota discordante, apunta, “foi a actuación prepotente e agresiva dalgunha patronal, como a dirección Megamalla, pretendendo impedir que se informara aos traballadores dos motivos da folga”.

Tamén de éxito total cualifica o secretario da CIG-Industria de Compostela, Benedicto Blanco, o seguimento da folga, que eleva a practicamente o 100% na comarca, agás en casos puntuais que atribúe ás presións da patronal.

Unha resposta contundente que debe facer reflexionar á patronal

Os tres representantes da CIG entenden que a masiva participación nas mobilizacións deste primeiro día de folga evidencia a forza obreira e á disposición do sector a loitar por un convenio digno, “algo que debe facer reflexionar á patronal sobre as súas posturas inmobilistas”. Critican o secuestro do convenio por parte do empresariado, que se nega a negociar ningunha das propostas da parte social e pretende dilatar no tempo a posibilidade de chegar a un acordo.

“Pero o metal demostrou hoxe que non vai tolerar que aconteza o mesmo que no anterior convenio, queremos un convenio con melloras e queremos que haxa acordo antes do verán”, advirten. Por iso agardan que, con dúas xornadas de folga máis xa previstas para os días 26 e 27 de maio, a patronal reaccione e “nos chame a negociar con vontade real de chegar a entendemento dentro dun calendario de reunións áxil”.

Melloras salariais e laborais

Entre as demandas máis urxentes, a CIG-Industria sinala un incremento salarial xusto que permita afrontar a carestía da vida, o estabelecemento dunha cláusula de revisión salarial ao IPC que opere a 1 de xaneiro, reducir a xornada máxima anual ás 1.712 horas, combater a precariedade derivada da contratación fixa-descontinua e a o abuso das ETT ou limitar a subcontratación en cadea.

Outros dos obxectivos para este convenio son ampliar a máis actividades o dereito de subrogación, garantir o acceso á xubilación parcial, mellorar a prevención e a seguridade, e adecuar os pluses de toxicidade, penosidade e perigosidade para que realmente os poidan percibir as persoas que traballan nestas condicións.

Porén, única proposta que a patronal puxo enriba da mesa consiste nun convenio a cinco anos cun incremento salarial do 8%, “o que significa condenar o sector ao empobrecemento e aínda por enriba recortando dereitos xa consolidados”.

A CIG-Industria lembra que este é un sector concienciado, unido e que ten un dos mellores convenios provinciais de siderometal “porque as compañeiras e compañeiros así o pelexaron durante anos en folgas e mobilizacións multitudinarias, e non van permitir agora nin un só retroceso nos seus dereitos nin un convenio que non supoña avances reais nas condicións de traballo”.