Folga indefinida na empresa ourensá UNVI a partir de marzo se a dirección insiste en propostas regresivas

O cadro de persoal suspendra tres das cinco últimas xornadas de paros convocados como mostra de boa vontade durante a negociación
Ourense - 30 Xan 2026

A asemblea de persoas traballadoras da compañía ourensá UNVI decidiu convocar folga indefinida a partir do mes de marzo no caso de que a dirección insista en achegar propostas regresivas como manter o réxime sancionador ou desregular a xornada laboral.

O persoal da empresa do sector da automoción do Grupo Pérez Rumbao apostou por suspender as tres primeiras xornadas de paros das cinco últimas convocadas (15, 21, 22, 28 e 29 de xaneiro) como mostra de boa vontade durante a negociación do convenio, mais finalmente fixo efectivas dúas despois de que a empresa “dese marcha atrás e volvese ao punto de partida”.

Ao mesmo tempo, dende a representación sindical anuncian a convocatoria de concentracións diante das dúas gasolineiras do Grupo Pérez Rumbao na cidade os próximos días 5 e 12 de febreiro para rexeitar a intención da empresa de manter medidas de flexibilidade laboral, unha bolsa de horas extraordinarias e un réxime sancionador represivo.

O comité (4 representantes da CIG, 3 da CUT e 2 da UGT) optou por iniciar unha dinámica mobilizadora a finais de nobembro cunha xornada de folga e manifestación que continuou en decembro e xaneiro con novos paros e protestas nas rúa.

Tras a convocatoria das últimas cinco xornadas de folga as negociación continuaron, optando o persoal primeiro por suspender os paros e despois por facer efectivos os dos pasados días 28 e 29 de xaneiro, que novamente volveron ter un amplo seguimento.

A medidas de presión serviron até o de agora para forzar a compañía a dar marcha atrás na súa pretensión de modificar o calendario laboral para impedir que o cadro de persoal, integrado por unhas 150 persoas repartidas en dous centros de traballo, puidese gozar de tres semanas de vacacións no mes de agosto.