Folga indefinida en BorgWarner polos intentos da empresa de pactar un convenio con peores condicións
A parte social da mesa negociadora do convenio colectivo da empresa BorgWarner Emissions System Spain, con sede en Vigo, anunciou onte unha convocatoria folga indefinida a partir do vindeiro luns 9 de outubro para rexeitar os intentos da dirección precarizar as condicións laborais. Diante disto, o cadro de persoal iniciou onte mesmo as primeiras mobilizacións en defensa dos seus dereitos, e desenvolveu unha concentración nas instalacións da compañía.
A decisión de convocar as mobilizacións e o paro -que dará comezo ás 6:00 horas e que afectará a todas as quendas de traballo- foi adoptada tras a asemblea informativa das persoas traballadoras realizada o pasado venres 29 de setembro no parque forestal de Zamáns. A acordouse co obxectivo de desbloquear a negociación colectiva, enquistada logo de 40 xuntanzas “pola falta de responsabilidade e mala fe amosada pola dirección durante estes meses”.
Dende a parte social denuncian que as pretensións da empresa pasan por empeorar as condicións socioeconómicas do cadro do persoal, nun momento en que a fábrica de BorgWarner Vigo “está a pasar por uns momentos de bonanza e de gran carga de traballo, acadando facturacións e beneficios récord, ampliando o seu negocio coa apertura dunha nova planta de 4000 m2 no polígono da Granxa, no Porriño, que comezou a súa produción en agosto deste ano”.
Ademais, a empresa informou semanas atrás da compra dun terreo duns 8000 m2 no polígono industrial de Porto do Molle, en Nigrán, para a construción dun novo centro de traballo con subvencións publicas que albergará o desenvolvemento para o deseño e os ensaios de vehículos eléctricos.
Por iso os traballadores/as “non podemos entender que a dirección siga propoñendo perdas de poder adquisitivo na negociación do convenio colectivo”. Neste senso, responsabilizan a dirección de abocalos/as ao conflito pola súa insistencia en pactar un convenio a longo prazo (cinco anos de vixencia), con perdas de poder adquisitivo e con propostas de empeoramento das condicións laborais (diminución dos tempos de descanso, recortes no complemento das baixas, aplicación da xornada irregular, licenzas, contratación indefinida, etc).
“A elevada cantidade de reunións e a baixa frecuencia destas polo pouco interese da dirección en querer chegar a un acordo motivou que finalmente se bloquee a negociación e se inicie un conflito que levará á folga indefinida”.