Folga en Ilunion Lavanderías, hoxe venres e mañá sábado, tras fracasar a mediación no CGRL

O comité advirte de que se convocarán máis xornadas de folga no mes de maio, ante a actitude da empresa
Compostela - 02 Mai 2025

Tras fracasar as xuntanzas celebradas durante 2 días cun mediador na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, segue sen haber acordo para o convenio da empresa Ilunion Lavanderías. Por iso, durante a xornada de hoxe e a de mañá sábado, o persoal está chamado á folga e, coincidindo co paro, celébrase neste intre unha concentración ás portas da empresa, no polígono do Tambre, desde as 11:00 horas de hoxe e teñen previsto volver a concentrarse hoxe ás 18:00 horas, repetindo mañá, nos mesmos horarios, as mobilizacións.

Segundo explica o representante da CIG-Servizos, Roberto Alonso, inicialmente estaban previstos dous días de folga para o luns e martes, 28 e 29 de abril, pero ante o iniciou dunha mediación non se secundaron eses días de folga en aras a chegar a un acordo. Porén, “ante a actitude da empresa convocaranse máis xornadas de folga durante o mes de maio”. As concentracións van ser diante da empresa ás 11:00 horas e ás 18:00 horas.

Centro especial de emprego

Ilunion Lavanderías, pertencente ao grupo Once, é un centro especial de emprego que conta con arredor de 200 traballadoras e traballadores, dos cales o 90% ten algún tipo de discapacidade. O persoal presta servizos de lavandería industrial para hospitais, hostalaría e empresas, en xornadas intensas de luns a domingo, incluíndo festivos.

As súas condicións están reguladas por un convenio provincial de lavanderías da Coruña, desactualizado desde 2012, que fixa salarios base de 964 euros, complementados administrativamente ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI).

As negociacións para un novo convenio non avanzaron debido á proposta insuficiente da empresa, que incluía un incremento salarial mínimo, unha pequena suba nos complementos por festivos e domingos, e a ampliación de horas para consultas médicas.

Demandas

O comité de empresa considera estas medidas inadecuadas e reclama a redución da xornada laboral, esencial para un colectivo que realiza tarefas fisicamente esixentes, permanecendo 8 horas de pé en condicións de altas temperaturas e con riscos bacteriolóxicos. O incremento do salario base nas categorías máis baixas, incorporando o SMI nas táboas salariais para cumprir a legalidade e a mellora das condicións laborais, recoñecendo a penosidade, perigosidade e toxicidade do traballo.

A CIG-Servizos de Compostela lembra que Illunion recibe importantes axudas públicas da Xunta de Galiza e da Unión Europea, que financian boa parte dos salarios e apoian a contratación e melloras na planta. Porén, persisten problemas como a dificultade para exercer dereitos de conciliación e a necesidade de recorrer á folga para garantir salarios dignos. De non haber avances, o comité estudará convocar novas xornadas de folga.