Folga e mobilización en dinahosting pola readmisión dun compañeiro despedido
O persoal de dinahosting secundaba esta mañá a xornada de folga, que daba comezo as 7:00 horas de hoxe e remata ás 7:00 horas de mañá, convocada polo comité de empresa en demanda da readmisión dun compañeiro cun despedimento disciplinario que consideran “absolutamente arbitrario e inxusto”. A folga fíxose sentir, sobre todo, no departamento de Soporte, precisamente no que desenvolvía a súa actividade este traballador.
“A empresa quería enviar un aviso a navegantes co despedimento deste compañeiro”, afirma o presidente do comité de dinahosting, Alexandre Espinosa. E é que o comité considera que o que levou á empresa a adoptar esta medida foi a recente loita polo convenio colectivo de empresa que esta decidiu deixar decaer unilateralmente, “unha loita na que o compañeiro se significou claramente”, mais tamén porque ía formar parte da candidatura da CIG para as eleccións sindicais.
Espinosa considera ademais que se o despedimento non se produciu antes foi porque o compañeiro estaba de baixa por ansiedade e agardaron a que regresara –el mesmo solicitou a alta- para efectivizala.
Sen reunión coa empresa
A pasada semana o comité de empresa solicitou unha reunión con dinahosting para tratar especificamente deste asunto pero dinahosting “simplemente contestou que estaba ben despedido”, explica o presidente. “A empresa non quere falar co comité deste tema, cando era vox populi que ía ir nas listas da CIG”.
Para Espinosa a actitude da empresa é “inadmisíbel” polo carácter “exemplarizante” deste despedimento e cualifica de “surrealista e falsa” nas súas conclusións a forma de xustificalo.
A esta xornada de folga chégase tras da convocatoria de numerosas mobilizacións convocadas polo comité, composto na súa totalidade por membros da central nacionalista, en demanda da inmediata readmisión do traballador.