Falta man de obra?
O relato da falta de man de obra ignora a existencia dunha taxa de desemprego e precariedade tan altas, e esquece a forte emigración da mocidade galega en busca de saídas laborais
Dende a última reforma laboral, apoiada tanto polos sindicatos sistémicos, como pola patronal (neste caso por unanimidade), hai dúas consignas que ocupan titulares nos medios de comunicación, que fan de divulgadores dos intereses do gran capital: o medre dos contratos indefinidos e que non se dá cuberto boa parte do emprego ofertado polas empresas. En poucas palabras, o relato que se baralla polo capital, co apoio ou consentimento do Goberno central e da Xunta de Galiza, é que: malia que hai máis de 135.000 persoas no paro na Galiza seica falta man de obra. É dicir, hai moita xente que non quere traballar. Ou sexa: cómpre alentar a entrada de inmigrantes para axustar a man de obra de reserva ás demandas do mercado laboral, e non frear o medre do PIB e a creación de emprego.
Esta ofensiva da patronal sen dúbida está condicionada polo auxe da mobilización laboral na negociación colectiva, co obxectivo da recuperación dos salarios, por mor do medre da inflación. Resulta evidente que este aumento da conflitividade cuestiona o crecemento dos beneficios do capital (que na últimas décadas non deixou de medrar), e por suposto pasa por riba das limitacións pactadas pola reforma laboral.
Forzar a entrada masiva de emigración, coa escusa de que non se cobre a oferta de emprego, aumentaría a man de obra de reserva, facilitando que se ocupen aqueles empregos que hoxe se desbotan, ben sexa pola súa extrema eventualidade, baixos salarios, ou horas extras polas que non se paga e cotiza... Ou sexa, búscase ampliar aínda máis o mercado baseado na precariedade e, mesmo a medio prazo; este retroceso tería como obxectivo estendelo a empresas nas que existe presenza sindical e se respectan as condicións laborais pactadas. Lembremos que as grandes corporacións axustan constantemente á baixa os custos intermedios na cadea de valor, non só mediante os avances tecnolóxicos senón tamén premendo para diminuír custos nas pequenas empresas locais, países cun papel subalterno, etc. (imperialismo, centralismo; concentración e centralización da riqueza e do poder; a globalización neoliberal).
Este relato, da falta de man de obra, ignora a existencia dunha taxa de desemprego e precariedade tan altas, e esquece a forte emigración da mocidade galega en busca de saídas laborais. Mais este argumentario colleu novo pulo coa reforma asinada hai uns meses que lavou a cara, tanto no contido como nas formas, ao relato da CEOE. Esta reforma laboral forma parte dunha estratexia alternativa da patronal, que por unha banda acepta aumentos consensuados limitados e maquilla a precariedade, e pola outra, dá novas escusas para acusar a clase traballadora de preguiceira (agochando a precariedade). Deste xeito alenta un escenario a medio prazo que busca reducir a conflitividade e a mobilización da clase traballadora para debilitar a súa capacidade reivindicativa no económico, porén sobre todo como clase cun proxecto político propio. No caso de Galiza ademais de centrado na xustiza social, na defensa ecolóxica, na igualdade... na autoorganización, na soberanía nacional. Os datos son claros: falta emprego!, e moito do que existe é precario, a tempo parcial e mal pago, ou sexa: subemprego.
[Galiza, 19 de xuño de 2023]