Extrema dereita e democracia ou fascismo e democracia?

Ángeles Diez Rodríguez - 20 Set 2022

O capitalismo español (dependente e subvencionado) creou xa as condicións para que o fascismo deixe de ser un fenómeno marxinal. Até o de agora era marxinal como ideoloxía e como movemento porque o capital non o necesitaba, polo menos na dose que agora si parece necesitalo

“Hoxe, en que tanto en España como en moitos outros países do mundo está en xogo máis unha vez o destino dos pobos fronte ao rexurdimento das pulsións máis negativas da especie, eu sinto que non sempre facemos o esforzo necesario para nos definir inequivocamente no plano da comunicación verbal, para nos sentir seguros das bases profundas das nosas conviccións e das nosas condutas sociais e políticas. E iso pode levarnos en moitos casos a loitar na superficie, a baternos sen coñecer a fondo o terreo onde se libra a batalla e onde debemos gañala”. (Cortázar, ‘Liberdad y democracia para Argentina’, discurso en Madrid, 1981)

 Cando sinto falar de partidos de “extrema dereita” teño a impresión de que detrás hai un medo contido que nos inhibe de usar os termos “partidos fascistas”. Certamente podemos atopar moitas diferenzas entre os partidos que na década dos 30 do século pasado etiquetamos, xenericamente, como fascistas e os partidos de ultradereita actuais. Así todo, tamén podemos atopar moitas semellanzas, e o uso dun termo ou outro xa supón un cambio de significados que ten consecuencias. A primeira delas, normalizar e homologar a ideoloxía fascista a outras ideoloxías. Tamén, construír un imaxinario no que partidos socialdemócratas son presentados como a “extrema esquerda” e, entre ambos, os liberais aparecen como moderados.

 Doutra banda, ao pór o termo ultradereita á beira o termo democracia, de forma inconsciente seguramente, estamos a sinalar que a extrema dereita forma parte dun sistema democrático -a conxunción coordinada “e” implica adición, suma ou coexistencia-, o cal, tamén é interesante, porque supón que non pensamos que haxa contradición entre “extrema dereita e democracia”.

 Tamén existe una tendencia entre os militantes, historiadores e especialistas, a argumentar que se se chama a todo “fascismo” se perden os matices e non podemos analizar con rigor a situación política actual; e, dado que son partidos que aceptan presentarse ás eleccións e as regras da representación parlamentaria, son algo moi distinto dos partidos nazis e fascistas históricos.

 Neste texto pretendo argumentar que os eufemismos que utilizamos para describir e falar das nosas democracias liberais -xunto coas condicións de crise económica e crise política-, preparan a posibilidade de que conflúan vellos e novos fascismos e se convertan nunha alternativa política apoiada por un movemento de masas desesperadas. Una saída totalitaria que cada vez será máis plausíbel para o reinicio capitalista de Occidente.

1.-Se os fascistas non son fascistas, non será que a democracia non é democracia?

 Hai un par de anos o profesor Robert O. Paxton en Anatomía do fascismo dicíanos que centrarnos na imaxe do “ditador omnipotente personaliza o fascismo e crea a falsa impresión de que podemos entendelo perfectamente investigando só o dirixente”, mais a realidade é que desvía a atención das persoas, os grupos e as institucións que os axudaron. Este autor tenta crear un modelo que permita explicar o fascismo máis en profundidade, fóra dos estereotipos, e que “explore a interacción entre Caudillo e Nación e entre Partido e Sociedade civil”. 

 Ante a pregunta de se é posíbel o fascismo hoxe, Paxton conclúe que non se dará da mesma forma que se deu no período de entreguerras, e que, no fondo, todo depende de que entendamos por fascismo. De feito, se preguntásemos aos dirixentes e militantes dos partidos de ultradereita hoxe, non se recoñecerían como fascistas, negaríano radicalmente. Até o de agora, eran grupos marxinais que se movían fóra da institucionalidade con actuacións violentas que impedían que medrase a súa base social. Porén, formando xa parte das institucións dos nosos sistemas políticos e aceptando a mercadotecnia do voto para acceder ao poder, saben o rexeitamento que causan os símbolos fascistas, de xeito que asumiron os discursos, os procedementos e as regras electorais.

 Non é estraño atopar na súa retórica palabras como liberdade, resistencia, ideais, pluralidade, irmandade, dereitos humanos, etc. Mesmo reivindicar a Antonio Machado e todas as linguas do Estado español, como fixo o líder de Vox, Santiago Abascal, no seu discurso do 9 de outubro de 2021 (https://www.youtube.com/watch?v=Ninf1Scr6D8).

 Aquí, non podo senón lembrar novamente as palabras de Julio Cortázar en 1981 en Madrid: “Se algo distingue o fascismo e o imperialismo como técnicas de infiltración, é precisamente o seu emprego tendencioso da linguaxe, a súa maneira de se servir dos mesmos conceptos que estamos a utilizar aquí esta noite para alterar e viciar o seu sentido máis profundo e propolos como consigna da súa ideoloxía. Palabras como patria, liberdade e civilización saltan como coellos en todos os seus discursos, en todos os seus artigos xornalísticos. Pero para eles, a patria é una praza forte destinada por definición a menosprezar e a ameazar a calquera outra patria que non estea disposta a marchar ao seu carón no desfile dos pasos de ganso. Para eles, a liberdade é a súa liberdade, a dunha minoría entronizada e todopoderosa, sostida cegamente por masas realmente masificadas. Para eles, a civilización é o estancamento nun conformismo permanente, nunha obediencia incondicional. E é logo que a nosa excesiva confianza no valor positivo que para nós teñen eses termos pode colocarnos en desvantaxe, fronte a ese uso diabólico da linguaxe.”

 Os partidos fascistas hoxe preséntansenos como liberais, sen dúbida elixen chibos expiatorios internos e externos, pero xa non son os xudeus, no noso caso poderían ser os “menores non acompañados”, como fixo Vox nas eleccións autonómicas de Madrid, por exemplo. Os fascistas de hoxe non van vestidos coa camisa azul e a gorra vermella senón con chaqueta e gravata. Os fascismos históricos adaptáronse aos espazos políticos nos que tiñan que prosperar, e o mesmo fan os partidos de ultradereita hoxe.

 No canto de nos centrar en que é ou quen son fascistas, ou se a ultradereita é ou non fascista propoño que distingamos entre “réximes fascistas” e “políticas fascistas”. Esta distinción axudaranos a entender como se crearon as condicións para que partidos de ultradereita como Vox en España, ou o FN en Francia, ou Irmáns de Italia (HDI) (Giorgia Meloni), o mesmo que ocorreu no período entre guerras- poidan alcanzar o goberno; e como é posíbel que os traballadores vexan como algo natural votar partidos de ideoloxía fascista.

 O fascismo, como movemento de masas, non xorde de forma espontánea senón cando xa están creadas as condicións obxectivas e subxectivas, cando xa arraigou una forma de vida, e una forma de sentir e de pensar, que o fan natural e cotián. Os partidos de ultradereita e as políticas “liberais” son só síntomas da enfermidade, non a enfermidade en si.

 No caso do Estado español hai que manexar ademais un dato importante, a diferenza de Italia e Alemaña, o fascismo non xorde como un movemento popular (o máis parecido foi a Falanxe), senón como resultado dun golpe militar. O fascismo impleméntase desde o Estado permitindo a confluencia das elites españolas (burguesía e terratenentes) e a súa institucionalización. Foi a alianza político-militar a que deu un golpe de estado que ao fracasar sentou as bases para unha longa guerra de exterminio que continuou mesmo tras o triunfo militar fascista.

 O réxime parlamentario que xorde tras a morte do ditador non depura nin liquida as institucións franquistas. Estas xa comezaran un proceso de adaptación (o tardofranquismo). Tampouco se acabou cos grupellos nostálxicos franquistas; pola contra, estes grupos son orientados (utilizados) para conter o movemento obreiro que desde principios dos 70 daba mostras de gran fortaleza; algúns formaban parte do aparello político-institucional. Tamén foron utilizados para lexitimar a adopción de posturas reformistas por parte da “esquerda” que xa estaba comprometida na substitución. É dicir, para desactivar a potencialidade revolucionaria do movemento obreiro, o estudantil e o veciñal que estaba en auxe debido á forte crise económica. (Os grupos neofascistas, alimentados desde o interior e desde o exterior, cumpriron o seu papel para impedir un proceso revolucionario).

 Reinhard Kühnl, no seu libro, Liberalismo e fascismo. Dúas formas de dominio burgués, dinos que o fascismo é a forma que adopta o dominio capitalista en determinadas circunstancias cando periga a reprodución capitalista. Coido que hoxe, coa crise de hexemonía mundial do capitalismo occidental estamos nese punto. Por iso é polo que, como sinala Giorgio Agamben, o Estado de excepción converteuse na paradigma das democracias occidentais. Cada vez é máis frecuente que se declaren estados de excepción nos que se suspenden todos os dereitos e garantías, supostamente para salvar o dereito (a Constitución), ou para salvarnos dun virus (a Covid-19), ou protexernos do terrorismo etc. No Estado español temos moitos exemplos como a aplicación do 155 en Catalunya, o Estado de alarma coa pandemia, o decreto lei para paliar as consecuencias da guerra en Ucraína, etc.

 E, efectivamente, os executivos toman as rendas e desprazan frecuentemente o lexislativo, gobérnase mediante decretos e, co avance da crise global -que non ten a súa orixe no conflito bélico en Ucraína como nos queren facer crer-, van callando as insatisfaccións alimentadas de empobrecemento e non tardarán en xurdir movementos de masas fascistas que non se limitarán a ser meros votantes. Dicía o profesor Capella que “… os movementos e os réximes fascistas poden volver en determinadas condicións”, que nunha situación de crise grave para a dominación do capital é perfectamente factíbel un réxime fascista; que nin sequera é necesario que exista un movemento fascista para que se impoña o fascismo pois [o Estado] pode substituír por funcionarios os pequenos burgueses no novo contexto histórico. No canto de histerizar as masas pode cretinizalas.

 A clave está en que tanto o fascismo como o liberalismo son elementos estruturantes do capitalismo e por tanto condicionan a estrutura política e xurídica das nosas democracias. No caso español, ademais, non deixaron de formar parte da institucionalidade política.

2.-Tres políticas no camiño cara ao fascismo

 “A tradición dos oprimidos apréndenos que o ‘estado de excepción’ que vivimos é a regra” (W. Benjamin)

 Doutra banda, hai tres áreas políticas nas que, non só no Estado español senón en toda Europa, que podemos cualificar de totalitarias moi parecidas ás que puxeron en marcha os gobernos fascistas de entreguerras:

1.- Políticas económicas: A financeirización da economía deixa en mans dos bancos centrais, de facto, as decisións sobre políticas sociais, e por tanto os dereitos dos cidadáns.

2.- Política migratoria: As mortes dos emigrantes, en “pateras” e nos valos, na que os poderes públicos se parabenizan de obrar como deben converten seres humanos en simples números, vidas espidas das que os nosos sistemas poden dispor con total impunidade.

3.- Políticas de defensa: A seguridade como motivo, ou escusa -sen que se explique que ou a quen se está asegurando- para declarar o estado de excepción.  Dentro destas últimas destacan:

a) A pandemia que se expón como problema de bioseguridade.

“… cando o que está en cuestión é una ameaza á saúde, os seres humanos parecen estar dispostos a aceptar limitacións da liberdade que non soñaran que poderían tolerar, nin durante as dúas guerras mundiais nin baixo as ditaduras totalitarias” (Agamben, A epidemia como política, 2020:11). As democracias burguesas están a ser substituídas polo “despotismo tecnolóxico sanitario”.

b) A ameaza do colapso enerxético que permite subordinar os dereitos e a política á economía, e que tamén se formula como un problema de seguridade. A guerra en Ucraína xorde como a escusa perfecta para xustificar ese colapso e a propaganda de guerra fai esquecer que os prezos da enerxía levaban una carreira ascendente moito antes da guerra.

c) O control da emigración, entendida tamén como un problema de seguridade. A ideoloxía fascista estabelece una xerarquía de seres humanos: un nacional vale máis que un estranxeiro, un home máis que unha muller, un emigrante ucraíno máis que un senegalés. Mais as políticas migratorias da Unión Europea xa estabeleceran esta xerarquía e os refuxiados ucraínos pona en evidencia aínda máis.

 En todos estes casos estabelécese una xerarquía de valores: a economía por riba da vida humana, da saúde e do benestar; a estabilidade económica por riba das necesidades básicas, o control das fronteiras por riba da vida dos emigrantes, o individuo por riba do colectivo.

 Estas tres políticas públicas, que se despregan en distintas leis e actuacións coordinadas, conforman una estratexia de deshumanización, ben cara a un grupo concreto de persoas como os emigrantes, ou cara ao conxunto da sociedade que aprende a centrar os seus esforzos na simple supervivencia. Se de deshumanizar a certos grupos sociais falamos, non deshumaniza continuamente o capital os traballadores para os poder explotar mellor?

 A política subordinada á economía é a lóxica política na que levan instaladas as nosas democracias desde mediados do século pasado. Afacernos a vivir nun mundo onde o único valor é a simple supervivencia é a antesala do novo mundo dominado polo totalitarismo e a brutalidade. Os partidos fascistas son só a súa imaxe máis descarnada. 

 Finalmente, gustaríame apuntar outros trazos dos réximes fascistas que hai xa tempo que atopamos nas nosas democracias, e que non son patrimonio dos partidos fascistas aos que chamamos de ultradereita:

 Por exemplo, una particular relación co pasado ou digamos coa memoria histórica. No noso Estado, ningún goberno, nin de dereitas nin de esquerdas resolveu o problema da memoria, nin se saldaron contas co franquismo. Nin houbo verdade, nin xustiza nin reparación. Nin a lei da memoria de 2007 nin a actual lei da “Memoria democrática” do 2022 ten como obxectivo acabar cun dos principais atrancos para que se faga xustiza coas vítimas do franquismo (e da transición), a lei de amnistía de 1977 e, por tanto, a impunidade segue sendo a norma.

 Un segundo factor cada vez máis xeneralizado na nosa sociedade é o antiintelectualismo, é dicir, o empobrecemento da cultura e a linguaxe política, o desprezo polas análises, polo rigor, pola comprensión do mundo. Sen dúbida, os medios de comunicación masivos, os faladoiros, abriron o camiño, pero tamén o desprezo pola teoría fronte á praxe, o movementismo que callou entre os militantes de esquerdas, nomeadamente na xente nova.

 Semella que sen querer todos asumiron a máxima da propaganda que propuxo A. Hitler no 'Mein Kampf': “Toda acción de propaganda ten que ser necesariamente popular e adaptar o seu nivel intelectual á capacidade receptiva do máis limitado daqueles aos que vai dirixida. Cando máis grande sexa a masa que hai que convencer, máis pequeno ten que ser o esforzo mental. A capacidade receptiva das masas é limitada e a súa comprensión escasa; ademais teñen gran facilidade para esquecer. Tendo en conta estes antecedentes, toda propaganda eficaz debe concentrarse en moi poucos puntos e sabelos explotar como slogans”.

 Un terceiro trazo é a censura como norma que converte en inimigo a calquera que cuestione o relato oficial, xa sexa sobre a guerra en Ucraína, ou sobre as vacinas, ou sobre as causas da inflación ou da crise. Para lexitimar a censura xeneralizada, que xa non é só a que practican os medios masivos, senón a practicada por todas as canles institucionais empréndese a campaña de “loitar contra as ‘fake news’”, toda narrativa crítica pode ser acusada de ‘fake news’ ou de negacionista.

 Finalmente, o medo, aliado fundamental do fascismo. Os medos e as paixóns irracionais son explotados polos partidos fascistas mais tamén os gobernos, incluídos ‘os máis progresistas da historia’ que levan anos difundindo o discurso da seguridade e a necesidade da estabilidade (económica). Un exemplo próximo foi a Cimeira da OTAN e o seu “concepto estratéxico”, a seguridade converteuse nun mantra: seguridade enerxética, seguridade ecolóxica, ameaza sistémica… Ambos os discursos, o da seguridade e o da estabilidade, parecen estar dirixidos especialmente cara ás corporacións.

 Todos estes trazos prosperan en condicións de incerteza económica, sen dúbida, mais podemos dicir que no Estado español nunca deixaron de estar presentes. Como di Isaac Rosa no prólogo do libro de Stanley: “… a española é a única democracia de Europa que non se construíu sobre a derrota do fascismo. É dicir, a única democracia que non naceu antifascista. Aínda máis: o único país onde “antifascista” levanta máis receo (asimilado a violento, radical e antidemocrático) que o propio termo “fascista” (Introdución, xix). Poderiamos dicir que o “fascismo sociolóxico” endexamais nos abandonou; tampouco o sinal fascista das institucións.

3.- A ter en conta para construír una folla de ruta antifascista

 O capitalismo español (dependente e subvencionado) creou xa as condicións para que o fascismo deixe de ser un fenómeno marxinal. Até o de agora era marxinal como ideoloxía e como movemento porque o capital non o necesitaba, polo menos na dose que agora si parece necesitalo. Tanto co PSOE como co PP a acumulación económica das elites estaba asegurada (os Albertos, Koplowitz...). Mais coa crise do 2008 agudízanse 2 problemas: a) a repartición do pastel económico para as elites, b) a pauperización social que eleva a protesta social do económico ao político (15M, desafiuzamentos, marcha pola dignidade…).

 O franquismo creou a súa base social, tanto ideolóxica como económica. O PSOE dá continuidade a esa base social (clase media) coa especulación inmobiliaria, a fragmentación territorial (as autonomías duplican e crean novas administracións de xeito que rompen cunha parte das fontes de poder franquistas e crean as súas propias redes de poder). O PSOE vai fidelizando territorios. Vaise formando un novo “fascismo social” na reconfiguración da estrutura social e o desmantelamento do tecido industrial. Os gobernos do PP e o actual goberno PSOE-Unidas Podemos que se autodenomina “o máis progresista da historia” non variaron as políticas que constitúen o núcleo do proceso de acumulación capitalista, e tampouco a dependencia e subordinación político-militar ao eixo OTAN-UE.

 Por todo iso, cómpre identificar os principais problemas aos que nos imos a enfrontar en pouco tempo. Una síntese coa que iniciar una folla de ruta antifascista podería ser a seguinte:

1) Non é doado identificar o fascismo hoxe. Os eufemismos e a transformación da linguaxe son atrancos para esta identificación.

2) As condicións de vida actual van en contra da democracia, máis ben van en contra da democracia entendida como poder do pobo (participación ou autogoberno -como dicía Platón na República, non é una inclinación natural do ser humano-).

3) As políticas fascistas naturalizaron o fascismo. Os partidos de ultradereita (fascistas) convertéronse, xa o foron no seu día, nun instrumento necesario para o control social.

4) A falta de cultura política, a fragmentación e atomización organizativa favorecen o xurdimento do fascismo como movemento de masas.

5) No Estado español o fascismo pódese converter facilmente nun movemento de masas, dado a débeda pendente coa nosa memoria histórica.

6) A socialdemocracia coas súas consignas baleiras deu aos fascistas ferramentas ideolóxicas que se volven na súa contra.

7) A política como espectáculo mediático. As institucións convertéronse en espazos de representación e propaganda.

8) Os principios liberais, entre eles a liberdade, convertéronse en consignas da ideoloxía fascista. A ultradereita clama pola liberdade. Os ‘progres liberais’ dubidan e dan a palabra aos fascistas en nome da liberdade de expresión. Mais nunca hai un debate en igualdade de condicións porque tampouco hai un público o suficientemente formado para construír a súa propia opinión.

9) A realidade virtual, substituír a propia experiencia pola imaxe construída, pola propaganda é máis doado cando se ten a unha poboación conectada desde que se ergue até que se deita á realidade virtual.

10) A linguaxe sufriu una profunda transformación, nuns casos baleirouse de significados e noutros encheuse de sentimentos. Moitas palabras xa non serven para entender o mundo senón para anular o outro. Outras veces cárganse de significados máxicos para activar emocións.

_____________________________________________________________________________

Ángeles Diez Rodríguez é Dra. CC. Políticas e Socioloxía

_____________________________________________________________________________

*Este artigo foi redactado utilizando como base a conferencia impartida o 25 de xullo, Día da Patria Galega, no marco da III Escola Soberanista, organizada polo Fórum Soberanista e a Fundation Coppieters.

_____________________________________________________________________________

 

[Galiza, setembro de 2022]