Exlavesa despide a todo o persoal temporal contratado a través de ETT por correo electrónico
Exlabesa Extrusión Padrón S.L., está despedindo a todo o persoal temporal contratado por medio de ETTs, nomeadamente Iman Temporing, cunha simple comunicación por correo electrónico. Segundo denuncia a CIG-Industria, a multinacional do aluminio xustifica estes despedimentos por fin de obra, dada a situación de estado de alarma, cando o traballo segue desenvolvéndose con normalidade. Así o asegura o secretario comarcal da federación, Benedicto Blanco, quen lembra que nas últimas contas feitas públicas, a empresa obtivo 117,4 millóns de euros das ventas só no estado español.
Blanco denuncia que con esta modalidade de carta de despedimento, remitida por medio dunha aplicación interna “o persoal non só non pode asinar cun non conforme, senón que ademais dá directamente como conforme ao aceptar a comunicación”.
O secretario comarcal da CIG-Compostela denuncia que o persoal que está sendo despedido leva entre 2 e máis de 9 meses traballando na empresa. Por iso considera inadmisible que agora esta recorra ao pretexto de que non se pode saír a traballar para rematar a relación laboral.
Blanco entende que fronte esta opción, “a ETT podía intentar facer un ERTE ou buscar outra alternativa en lugar de comunicar deste xeito as baixas porque non se xustifica o fin de obra cando o traballo continúa con normalidade”.