Éxito de seguimento na segunda xornada de folga en Aludec Pontevedra por unhas condicións laborais dignas
A segunda xornada de folga en Aludec Pontevedra en demanda de convenios colectivos dignos está rexistrando un seguimento masivo, con tres da cinco plantas paralizadas e as outras dúas instalacións funcionando só co 50% dos traballadores e traballadoras, a maioría persoal de oficinas.
Dende primeira hora da mañá, os piquetes informativos, formados por un nutrido grupo de persoas, fóronse despregando nos distintos centros de traballo situados no polígono da Reigosa, en Ponte Caldelas, onde se denunciou a precariedade que padece o persoal desta compañía e se reivindicaron melloras reais das condicións laborais.
O secretario da CIG-Industria de Pontevedra, Anxo Lúa, cualificou de exitoso este segundo día de folga e lembrou que para este xoves, 17 de xullo, está convocada outra xornada de folga, xa que na reunión da pasada semana a empresa “non modificou as súas posturas negociadoras e seguiu sen atender as demandas trasladadas polo comité”. De feito, Lúa criticou a escasa vontade negociadora da dirección, posto que malia o masivo seguimento dos paros, adiou a convocatoria da mesa até pasar estas dúas xornadas de folga.
Manifestación en Pontevedra o xoves 17
Co obxectivo de darlle máis visibilidade a súa loita, o persoal aproveitará a folga do xoves 17 para manifestarse polas rúas de Pontevedra. A mobilización sairá ás 10:30 horas do aparcamento de Mollavao e rematará diante do edificio da Xunta de Galiza, por volta do mediodía, onde se dará lectura a un comunicado.
Demandas do persoal
Para enfrontar a precariedade que padece o persoal desta empresa do sector da automoción, a CIG elaborou unha plataforma de convenio propia que recolle unha serie de demandas para garantir, entre outras cousas, que ao remate do convenio os salarios estean un 5% por enriba do que establece o convenio de Químicas, que é o de referencia para o sector. Ademais, reclama que a revisión salarial a final de cada ano se faga con respecto ao IPC e que leve aparellado o dereito a cobrar os atrasos.
Tamén esixe a adopción de medidas para rematar co alto nivel de precariedade existente na empresa, até o punto de que arredor de 300 das 900 persoas que integran o cadro de persoal son contratadas a través de ETT. Isto pasaría, entre outras cousas, por arrincar o compromiso da empresa para volver regular a clasificación profesional, xa que no Grupo 1 (categoría de entrada) a xente de ETT non cobra o plus, mentres que si o fai o resto do persoal.
Esta discriminación tamén se dá entre persoas traballadoras das distintas fábricas da empresa, xa que categorías como serigrafía ou soldadura atópanse en grupos diferentes, polo que non ingresan o mesmo salario. Outras demandas teñen que ver coa necesidade de reducir a xornada laboral ou con que as baixas por enfermidade común deixen de computar á hora de ter dereito ao plus de absentismo.