Euskal Herria: Os mitos do (des)concerto vasco

Joseba Permach - 31 Xan 2024

Non podemos regular a metade dos impostos, na outra metade a nosa marxe é bastante reducida, pagamos o cupo por algo que non queremos pagar e actualízannos o pagamento ao seu gusto. Da seguridade social, nada de nada, e o gasto público? segundo quen estea na Moncloa e o que diten os funcionarios neoliberais de Bruxelas

 Hai xa un tempo tiven a sorte de compartir un foro con militantes soberanistas doutras nacións do Estado e chámome a atención como se valoraba por parte dalgúns dos asistentes o Concerto Económico Vasco (Convenio, no caso de Nafarroa). Non tiven tempo naquela ocasión de mostrar o meu punto de vista. A verdade, non é tarefa breve[1]. Por iso, decidín escribir este pequeno decálogo, tanto para aquelas persoas que, desde a distancia descoñecen algunhas realidades ou peculiaridades do concerto, así como para facer fronte a aqueles que, en Euskal Herria, elevan esta ferramenta a un nivel de soberanía que na miña opinión non se corresponde en absoluto coa realidade.

 Imos con iso e o primeiro preguntémonos: que é o Concerto Económico? Como breve definición, podemos dicir que “o Concerto Económico é o sistema de financiamento propio do País Vasco, en virtude do cal se estabelecen e regulan as relacións financeiras e tributarias entre este e o Estado español”. Ou, por dicilo noutras palabras, é a ferramenta que, por unha banda, define que parte dos impostos podemos lexislar, regular e xestionar e, por outra banda, concreta a achega que deben realizar as administracións vascas aos gastos non transferidos do Estado (Defensa, Casa Real, Grandes Investimentos, Pagamento da débeda, etc.). No caso de Nafarroa os contidos son practicamente os mesmos.

 Definido nos seus grandes termos, vaiamos ao miolo e tentemos deconstruír os mitos que aquí e acolá se utilizan para valorar ou opinar sobre o Concerto Vasco ou o Convenio Navarro. En primeiro lugar reflexionaremos sobre as principais características que se lles adoitan atribuír:

  1. “É un réxime histórico” dinnos en primeiro lugar. Non hai obxección ningunha en recoñecer que o Concerto da CAV e o Convenio de Nafarroa se remontan ao século XIX e que, por tanto, se poden caracterizar como históricos e herdanza do que foron os nosos foros (restos de soberanía?). Pero, por favor, non esquezamos que ambos foron recoñecidos precisamente tras perder as guerras carlistas e, por tanto, son froito dunha derrota, con todo o que iso significa.
  2. “É un réxime pactado”. Os defensores do Concerto adoitan dicir que as decisións se toman de común acordo entre as institucións vascas (ou navarras) e a administración do Estado e que o devandito acordo se dá nun marco paritario (Comisión Mixta) e de igual a igual. Ademais engaden, e é certo, que as decisións alí tomadas non poden ser “cepilladas” (diría Alfonso Guerra) posteriormente no Congreso onde deben ser aprobadas. É certo que non poden ser “cepilladas” mais tamén o é que o Congreso pode botar atrás unha decisión da Comisión Mixta. Daquela, a soberanía reside, en última instancia, no Congreso español e non nun acordo entre iguais. Por exemplo, a negativa a negociar a actualización do cupo en determinados momentos históricos puxo en evidencia que quen ten a tixola polo mango é Madrid e non Iruñea ou Gasteiz.
  3. “É solidario” dinnos. Ben, si, efectivamente, os cidadáns de Hego Euskal Herria (a que está baixo administración española, ndr) financiamos mediante o cupo máis ou menos o 8%[2] dos gastos estatais daquelas materias que non foron transferidas e participamos no fondo de compensación autonómica. Pero digo eu que para chamalo solidariedade debería ser un exercicio voluntario e non imposto. Imaxina alguén o que diría a gran maioría da cidadanía vasca se lle preguntásemos se a nosa solidariedade debe pasar por financiar o 8% do orzamento de defensa, da Garda Civil, da Coroa ou se temos que pagar a débeda pública do rescate bancario ou obras faraónicas cos nosos cartos? Iso é solidariedade ou imposición?
  4. “É un réxime de responsabilidade ou risco unilateral” di a cuarta característica atribuída ao Concerto e aquí xa estamos a nos poñer máis de acordo. Por que? Porque iso significa que o pagamento do cupo se calcula con base nos gastos do Estado, sexa a nosa recadación boa, mala ou peor. Ou dito de forma simple e entendíbel: o Estado pode decidir unilateralmente o que gasta e nós pagamos o devandito 8%, gústenos ou non, recademos moito ou pouco, teñamos nese momento outros gastos ou non. Ao Estado dálle igual, eles deciden e nós recadamos e pagamos.
  5. E como se actualiza o cupo? É complexo o tema, pero subliñemos o importante: as variábeis que interveñen na súa actualización non teñen que ver co que nós recadamos senón co que recada Madrid. Ou dito doutro xeito, dá igual se nós recadamos máis ou menos, porque o incremento do cupo se calcula conforme variábeis sobre as que nós non temos competencia ningunha. Unha vez máis, eles deciden e nós pagamos.
  6. “Ben, Joseba, es un pouco esaxerado, o que dixeches será así, pero non é menos certo que vós, como acabas de dicir, ‘regulades e recadades os impostos’ a diferenza doutras comunidades do Estado” diríame coloquialmente alguén con ganas de rebater. E é certo, as deputacións da CAV e Nafarroa recadan a maioría dos impostos directos (IRPF, Imposto sobre Sociedades, Patrimonio...) e os indirectos (IVE e impostos especiais). Pero recadar non é lexislar ou regular. No ano 2022, sirva como exemplo, as tres deputacións recadaron un total de 16.000 millóns de euros mediante os impostos ou tributos concertados. Pois ben, desa cantidade, exactamente a metade corresponde a impostos indirectos como o IVE onde nós non podemos decidir absolutamente nada. Madrid decide absolutamente todo e nós limitámonos a recadar. E nos impostos directos? Aí si, as institucións vascas poden lexislar pero con dúas excepcións que entendo resultan clarificadoras: “O sistema tributario concertado debe respectar a estrutura xeral impositiva vixente no resto do Estado”; daquela, o tipo de impostos non pode variar substancialmente. E por outra banda, débese “manter unha presión fiscal efectiva global equivalente á do resto do Estado”, logo dentro do mesmo tipo de imposto a marxe de manobra é tamén reducida. En suma, que nin podemos lexislar na metade de impostos e onde o podemos facer, repito, o tipo de impostos estatais e a presión fiscal global teñen que ser practicamente as mesmas. Esa é a nosa capacidade lexisladora en materia tributaria e o demais, andrómenas.
  7. “Ben si, pero polo menos recadades vós e logo pagádeslle ao Estado a posteriori o cupo que mencionamos”. Pois tampouco iso é así. Certamente, nós recadamos os impostos mencionados, pero o Estado recada unha parte dos impostos que nos corresponde a nós. En concreto o IVE das nosas importacións e tamén outra parte dos impostos indirectos (sobre todo o IVE) que, aínda que o soportaron os consumidores finais vascos, se ingresaron na Facenda española (tamén ocorre ao revés, pero nun importe notabelmente menor). E, de feito, eses fluxos que o Estado axusta ao noso favor son máis do que hai que pagar polo cupo. Tal é así que, certamente, o cupo non se paga materialmente, senón que, máis concretamente, queda con el o Estado desas cantidades que recadou previamente. Por dicilo de forma fácil: as administracións vascas non fan un ingreso do cupo na conta do Estado, senón que é este o que nos devolve o que recadou previamente polos axustes de IVE e antes de o facer queda co cupo. Unha vez máis xa vemos quen ten a tixola polo mango.
  8. E a seguridade social? Pois nada de nada. As achegas á seguridade social son un dos ingresos fundamentais de calquera sistema de tributación e financiamento público, pero neste caso o Estado resérvase para si o conxunto das decisións tanto en materia de ingresos (achegas mensuais de traballadores e empresarios) como de gastos (pensións…). Para termos unha idea do montante que supoñen as cotizacións á seguridade social, hai que dicir que estas supoñen en torno ao 40% da nosa contribución ao sector público (o 60% restante corresponde aos impostos). Pois ben, dese 40% tampouco temos nada que decidir e, neste caso, nin recadar. “Caixa única da Seguridade Social” teiman en chamala, pero á vista de que en menos de dez anos se gastaron os 60.000 millóns do peto das pensións, eu chamaríao o “buraco único”. Sexa “caixa” ou “buraco”, aí tampouco nin pintamos nin decidimos nada.
  9. E se todo o anterior sobre ingresos públicos fose pouco, debemos mencionar tamén os gastos. Desde a reforma constitucional do 2011 que dita dar prioridade ao pagamento da débeda a calquera outro gasto público ou social as cousas cambiaron moito. Tanto a devandita reforma como a posterior Lei de Estabilidade Orzamentaria (2012) supuxeron un varapau total á pouca autonomía en materia de gasto que puidesen ter de antemán as nosas administracións, desde os concellos até os gobernos de Iruñea ou de Gasteiz. Exemplos? Neste momento, o incremento salarial dos traballadores públicos vascos decídese en Madrid, pasamos anos nos que non puidemos nin facer ofertas públicas de emprego por non ter permiso de Madrid para iso, o déficit no que podemos incorrer decídeo Madrid (E Bruxelas!) e un longo etcétera que demostra que non só en materia de ingresos, senón que tamén no apartado de gastos a nosa capacidade de decidir é, certamente, moi reducida.
  10. Por tanto, non podemos regular a metade dos impostos, na outra metade a nosa marxe é bastante reducida, pagamos o cupo por algo que non queremos pagar e actualízannos o pagamento ao seu gusto. Da seguridade social, nada de nada, e o gasto público? segundo quen estea na Moncloa e o que diten os funcionarios neoliberais de Bruxelas. Non é ouro todo o que reloce e o Concerto (ou Convenio) desde logo está rodeado de mitos que non se corresponden coa realidade, en absoluto.

 Imos estar mirando sempre ao do lado e comparándonos con quen menos ten, cando é urxente e necesario reivindicar a soberanía plena en materia económica, financeira ou fiscal? Imos seguir defendendo uns mitos que non fan outra cousa que limitar o noso horizonte reivindicativo e, por tanto, a nosa capacidade de mellorar o noso sistema fiscal e de financiamento público? En tempos onde os ricos son cada vez moitísimo máis ricos[3] non é necesario dotar os pobos e nacións de máis soberanía económica para construír un futuro máis igualitario? Se a resposta a esta última pregunta é que si, deberiamos en primeiro lugar deixar de sacralizar o Concerto (ou o Convenio) e en segundo lugar reivindicar e traballar por dotármonos dunha maior soberanía (neste caso tributaria e financeira) para ter un sector público capaz de estar á altura dos retos e transicións aos que irremediabelmente nos imos enfrontar.

_____________________________________________________________________________

[1] Nin é breve nin é doado, e por iso quero agradecer a Helena Franco (ex deputada de Facenda Pública de Gipuzkoa) a súa axuda na elaboración deste artigo.

[2] 6,24% para a CAV e 1,6% no caso de Nafarroa.

[3] Oxfam acaba de públicar un informe que fala de que o 1% da poboación nos arrebatou o 63% da riqueza producida desde o 2020.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 30 de xaneiro de 2024]