Feministas e combativas, en loita pola nosa dignidade. Este 8 de Marzo mobilízate coa CIG
Este 8 de Marzo, Día internacional das mulleres traballadoras, a CIG ten convocada unha manifestación nacional que sairá ás 11:30 horas da estación intermodal de Compostela baixo o lema “Feministas e combativas. En loita pola nosa igualdade!”. Cento dezaseis anos despois de celebrarse a Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, orixe da conmemoración, a central nacionalista fai un chamamento a debater sobre a situación social e política que atravesan as mulleres traballadoras galegas e a expoñer que medidas deben adoptar os gobernos e as patronais para rematar coa situación de discriminación e precariedade.
Se no ano 1910 as mulleres denunciaban a carestía dos alimentos, as duras condicións laborais, os baixos salarios e a fin dos conflitos bélicos, non será até o ano 1977 cando as Nacións Unidas proclamen o día para os dereitos das Mulleres e a Paz Internacional.
A CIG mantén a perspectiva de clase e a orixe que deu lugar á xornada de loita internacional denunciando que:
- Pese a que as mozas galegas puideron acceder de maneira masiva a estudos superiores, seguen abocadas a emigrar se queren emanciparse e acceder a unha profesión acorde aos seus coñecementos e a unha vivenda digna.
- Un posto de traballo nas distintas administracións públicas (sectores claramente feminizados) non garante hoxe en día un salario nin condicións dignas, como tampouco superar a fenda salarial. A falta de persoal precariza as condicións de traballo.
- O recorte de persoal no ensino público, nomeadamente en atención á diversidade, así como a precarización do servizo e das condicións laborais nos sectores de infantil 0-3, centros de menores e de atención á discapacidade, afondan na desigualdade social.
- O desmantelamento da atención primaria, as listas de agarda e a falta de camas nos hospitais, xunto cun enfoque da saúde que non ten en conta os procesos físicos e psicolóxicos que afrontan as mulleres, a falta de recoñecemento de doenzas relacionadas con enfermidades profesionais, e a inexistencia de coeficientes redutores de cara á xubilación en ocupacións feminizadas dificultan unha vellez digna.
- O modelo privatizador do PP non só afecta a sanidade. Os continuos recortes e a privatización dos servizos sociais, para a igualdade e atención á dependencia deterioran o servizo público, imposibilitando que as persoas maiores ou con doenzas incapacitantes poidan acceder aos coidados, precarizando o tipo de empregos que se crean para este fin e obrigando as mulleres a que asuman ese rol coidador de balde.
- As traballadoras galegas seguen ocupando maioritariamente traballos temporais e a tempo parcial. A fenda salarial acúrtase só por mor da suba do salario mínimo. Pero cada vez hai máis traballadoras pobres, o cal vai determinar as prestacións futuras (lembremos que as pensións da Galiza seguen a ser as máis baixas do estado).
- Os traballos feminizados seguen a ser minusvalorados económica e socialmente malia os intentos lexislativos para identificar e diminuír a fenda salarial. Cómpre o incremento salarial das profesións feminizadas e esixir que o réxime especial de persoas empregadas do fogar sexa regulado dentro do sistema ordinario da Seguridade Social, con retribucións acordes a importancia dese labor.
- Os permisos e licenzas deben axustarse aos novos modelos familiares. Tanto a recuperación do parto como a situación de lactación natural debe garantirse até os 12 meses que recomenda a OMS por medio dunha prestación económica específica para amparar ambas as situacións. A incorporación ao traballo ten que ter lugar con todas as garantías tamén en canto á protección de riscos laborais.
- As denuncias de acoso e violencia no traballo deben ser investigadas con celeridade e concluír con sancións exemplarizantes no caso de comprobarse os feitos, e naquelas situacións que non fique acreditado por falta de probas, farase un seguimento dos riscos psicosociais asegurando que non se produce máis dano. Os protocolos de prevención e actuación existentes deben revisarse e simplificarse para garantir a axilidade dos trámites. E debemos esixir, naquelas profesións cun alto risco de sufrir violencia no traballo, que se dispoña dun dispositivo de alerta xeolocalizado que permita facer unha chamada de emerxencia, alén dos protocolos e plans de prevencións correspondentes.
Fronte a esta situación, a secretaría das Mulleres da CIG chama á mobilización e rematar co silencio fronte aos ataques porque “só cunha acción combativa nos lugares de traballo, nas urnas, na negociación colectiva, nos fogares e nas rúas poderemos avanzar”.
Aí están os exemplos das antergas nas manifestacións populares xurdidas contra o descontento coa situación económica e social da época loitando por obter produtos básicos a prezos xustos, denunciando os abusos no traballo (como a folga das cigarreiras en 1857, a das lavandeiras de 1907, as “revoltas da fame” e as “revoltas das pedradas” do ano 1918); ou en datas máis recentes, as loitas contra o peche de empresas e o ataque ao medio de vida, como o conflito da conserveira Odosa, na Illa de Arousa no 1989, a loita de Caramelo en 2009, das teleoperadoras contra a deslocalización en 2017, das dependentas de Inditex, das folgas de mulleres de 2018, 2019 e 2021, o conflito da limpeza de Lugo no ano 2024, as do SAF e residencias, ou do profesorado e da sanidade pública no ano 2025, entre outras.
Desde o feminismo galego e de clase comprometémonos a loitar contra as discriminacións incorporando a perspectiva de xénero na nosa acción sindical, animando as mulleres traballadoras de calquera sector a afiliarse á CIG, participar nas candidaturas ás eleccións sindicais, combatendo o capitalismo, o imperialismo, o colonialismo, o machismo, o racismo e o fascismo con rebeldía.