“A automoción galega non se está a preparar para afrontar os retos que ten por diante”
O secretario nacional da CIG-Industria alertou hoxe do perigo ao que se expón a automoción galega ante a falta de preparación para enfrontar os retos que ten por diante, como a Lei de Transición Ecolóxica que penalizará a fabricación de vehículos diésel, ou a aplicación de novas tecnoloxías nos procesos de produción. Por iso chamou a participar na manifestación convocada este martes 18 entre as empresas Trevès e Aludec, no polígono pontevedrés do Campiño.
Xoán Xosé Bouzas compareceu en rolda de prensa no local do sindicato en Pontevedra xunto á responsábel da automoción da CIG-Industria, María Xosé García, para explicar os detalles dunha protesta que se desenvolverá de 14:00 a 15:00 horas nas dúas principais empresas do sector na comarca e nas que traballan arredor de 500 persoas.
O máximo responsábel da CIG-Industria lembrou que a central está a desenvolver dende hai un ano unha campaña de información e mobilizacións en defensa dun sector estratéxico para o país e fundamental para as comarcas de Vigo, Ourense e Pontevedra. “Estamos preocupados porque a automoción galega non se está a preparar para afrontar os retos que ten por diante; o sector está en transformación pero nin as empresas nin a Administración están a facer nada para adaptarse aos cambios e mellorar a súa competitividade”.
Neste senso, sinalou que a propia PSA Citroën recoñeceu nunha xuntanza mantida no marco desta campaña que a adaptación ao novo escenario leva tempo pero que non se está a facer, “até a punto de asegurar que no resto de Europa van por diante neste sentido”. Fixo fincapé en que o 70% dos vehículos que se fabrican en Vigo son de gasóleo, “polo que non sabemos os custes que vai a ter cando se penalice a fabricación de coches diésel”.
A isto hai que sumar o feito de que a industria galega do automóbil está orientada cara ao vehículo low cost, “cando o futuro pasa por desenvolver vehículos de alto valor engadido que sexan menos contaminantes, como os eléctricos e os híbridos, pero sobre todo os de gas”.
Neste punto denunciou que as empresas están a recibir subvencións da Xunta para investigar nesta dirección, “mais o certo é que logo desenvolven os proxectos fóra do noso país”. De feito, o proceso de deslocalización é outra das ameazas que poñen en perigo o futuro do sector.
Tanto a CIG como os grupos parlamentarios da oposición reclamáronlle ao Goberno de Feijóo que faga públicas estas axudas, “pero néganse a dicir cantos cartos lles están a dar ás compañías”.
Crecente precarización
Bouzas Aboi criticou que o único xeito co que as compañías pretenden ser competitivas é a través da redución dos custes salariais, o que se está a traducir nunha crecente precarización das condicións laborais “mediante o abuso das empresas multiservizos e dos Centros Especiais de Emprego (CEE)”.
Explicou que por iso mesmo a CIG non vai asinar o convenio de PSA Citroën, xa que esta precarización repercute logo no resto de empresas auxiliares. “Cando a compañía principal pacta unhas condicións laborais á baixa o resto aposta por precarizar aínda máis os convenios”.
Para rematar, sinalou que a campaña que desenvolve a CIG en defensa do sector está a combinar a información e a mobilización coas xestións institucionais. Ademais da xuntanza con PSA, a central trasladoulle as medidas que propón para o sector -recollidas nun documento- aos grupo parlamentarios e tamén solicitou unha reunión co cluster de empresas da automoción de Galiza (Ceaga), “pero aínda non obtivemos resposta”.
Mais tamén presentou mocións en todos os Concellos das comarcas de Pontevedra, Vigo e Ourense nos que hai empresas do sector reclamando apoio para as reivindicacións da CIG e o compromiso da Administración cunha industria da que dependen milleiros de familias no noso país.
Propostas para o sector
Pola súa banda, a responsábel da automoción da CIG-Industria, María Xosé García, debullou as principais reivindicacións e propostas sectoriais que a central recolleu no documento, que pasan en primeiro lugar creación dunha mesa galega do automóbil integrada polo Ceaga, as centrais sindicais e as tres universidades.
Tamén por impulsar un plan galego para a automoción no que se recollan medidas de apoio a I+D+i, especialización para a produción de vehículos de alto valor engadido e optimización de procesos produtivos, “pulando polo aproveitamento das sinerxías entre as factorías principais e a industria secundaria”.
E por un compromiso de todo o sector no sentido de non afondar na precariedade laboral, comprometéndose a non abusar da contratación por ETT, multiservizos ou CCE, así como aplicar o convenio sectorial ou da empresa principal a todos os traballadores/as.
Finalmente, a central aposta por adoptar medidas encamiñadas ao rexuvenecemento dos cadros de persoal e a ampliar a formación dos novos/as traballadores/as, así como á posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega que reduza o gasto enerxético e que permita aumentar a competitividade das empresas.