Estado español: O mercado de traballo un ano despois da reforma laboral
A precariedade laboral é só un reflexo da precariedade á que nos condena o sistema económico e o modelo produtivo español, fundamentado na extracción de plusvalor absoluto. Derrogar a reforma laboral de 2012 era só un paso para combater a precariedade á que está condenada a maior parte da clase traballadora, mais a nova reforma laboral constituíu sobre todo un branqueamento estatístico da precariedade, que continúa a ser a norma xeral
Pasou un ano desde que o 30 de decembro de 2021 se aprobase a última reforma laboral, votada no Congreso o día 3 de febreiro. Desta maneira cumpríase unha das principais esixencias da Comisión Europea, que supeditaba a transferencia dos fondos Next Generation Europe a realizar reformas na regulación laboral e no sistema de pensións, entre outras. Desde diferentes institucións e diversos medios de comunicación este ano escoitouse falar dos bos resultados da devandita reforma, sobre todo no que se refire á redución da temporalidade e a creación de ocupación. Estes bos resultados tamén se cuestionaron, nomeadamente desde a dereita política coa intención de desgastar o actual goberno con fins partidistas. Por este motivo resulta necesario facer unha análise exhaustiva sobre o que sucedeu no mercado de traballo español no último ano, unha análise que bote luz sobre a cuestión e se afaste da propaganda.
Unha promesa incumprida e unha loita errática contra a precariedade
En primeiro lugar e como cuestión previa, cómpre ter en conta que esta reforma laboral é o resultado do incumprimento dunha promesa electoral. Cando se conformou o actual goberno, PSOE e Unidas Podemos comprometéronse a derrogar a reforma laboral de Rajoy de 2012. Esta reforma comportaba toda unha serie de recortes importantes en dereitos laborais e sociais, con especial relevancia da estatalización da negociación colectiva, a supresión da autorización administrativa dos despedimentos colectivos, un abaratamento substancial das indemnizacións e a supresión dos salarios de tramitación. A medida que avanzaba a lexislatura, mesmo desde a á esquerda do goberno se avanzaba que unicamente se derrogarían os aspectos máis lesivos da reforma de 2012, mais finalmente isto tampouco foi así: a maioría destes elementos, que fixeron decantar a balanza da negociación colectiva entre capital e traballo claramente a favor do primeiro esta última década, consolidáronse na reforma de hai un ano ao deixalos intactos. Perdíase así unha oportunidade de reverter boa parte do marco institucional que provoca que a maior parte da clase traballadora no Estado español viva en situación de precariedade.
Con todo, esta reforma si levou a cabo mudanzas importantes que puñan o foco sobre unha das principais causantes da precariedade: a temporalidade dos contratos. É necesario ter en conta que o Estado español se caracterizou historicamente pola alta temporalidade do traballo, e foron os traballos temporais os que máis creceron en 2013, cando a economía española parece que comeza a deixar atrás a destrución da ocupación producida pola crise de 2008, e os datos previos á reforma laboral de 2021 sinalaban que unha de cada catro persoas asalariadas era temporal; o cal situaba o Estado español entre os países da Unión Europea que tiñan unha maior temporalidade. Así, un dos obxectivos desta reforma era acabar con este exceso de traballo temporal. Actualmente só é posíbel realizar contratos temporais en caso de substitución dun traballador e por circunstancias imprevistas ou previstas da produción (por exemplo, campañas agrícolas ou de Nadal). Ademais, o tempo máximo durante o cal se poden encadear contratos temporais antes de ser contratado indefinidamente pasou de ser de dous anos a ano e medio. A maioría de persoas que até o momento eran contratadas con contratos de obra e servizo preténdese que se contraten na modalidade fixa-descontinua, que contempla os mesmos dereitos que amparan o contrato indefinido, incluída a indemnización por despedimento.
Mais o traballo precario creado pola economía española a partir de 2013 non é só temporal; tamén é parcial, o que se coñece como subemprego ou subocupación. Os traballos a tempo parcial, cun salario necesariamente máis baixo, non sempre son ocupados por persoas interesadas nel no que a horarios ou salario se refire.
O impacto da reforma laboral de 2022 en cifras
Nos Països Catalans os contratos indefinidos duplicáronse entre xaneiro e decembro de 2022: rexistraron un aumento total do 112,92%, cun aumento do 108,26% entre os homes e un 119,11% entre as mulleres.
Este crecemento é especialmente pronunciado no caso dos contratos fixos descontinuos, que se multiplican case por 5 e que son, por tanto, os principais contratos fixos que medraron en número. Trátase dunha modalidade de contratos parciais concentrados en meses determinados do ano. O crecemento destes contratos foi maior no caso das mulleres. Os contratos fixos a tempo parcial tamén creceron, aínda que a unha taxa máis moderada que os contratos fixos descontinuos: un 118,83% entre xaneiro e decembro de 2022, e no caso das mulleres un pouco por riba dos homes.
Pero como xa se comentou, o obxectivo desta reforma laboral era acabar coa temporalidade. Podemos dicir que se reduciu a temporalidade? Só o 31% dos contratos creados no Estado español no ano 2022 foron indefinidos, aínda que esta proporción era bastante máis baixa nos anos anteriores: o 6,33% en 2021, o 5,83% en 2020-2019 e o 6,44% en 2018. Nos Països Catalans esta porcentaxe foi do 35,77%, tamén por riba das cifras de anos anteriores. Isto significa que o 69% dos contratos que se crearon durante 2022 a nivel estatal e o 64,33% nos Països Catalans foron temporais, a maioría por circunstancias da produción.
Cómpre salientar que o territorio dos Països Catalans (e de todo o Estado) onde máis medrou a ocupación indefinida foi Mallorca, Menorca e as illas Pitiusas. Porén, estes contratos foron na súa maioría fixos descontinuos, non superando así a estacionalidade asociada á economía das illas, onde os sectores asociados ao turismo -principalmente os servizos e a construción- acaparan a maior parte do seu valor bruto engadido.
Desincentivos á creación de emprego?
Aínda que esta Reforma Laboral foi recentemente eloxiada por Antonio Garamendi, presidente da patronal española, nos seus inicios foi duramente criticada por diversas voces provenientes do sector académico máis ortodoxo. Estas apuntaban á rixidez que causaría no mercado laboral e, por tanto, ás duras consecuencias no que se refire á ocupación. Precisamente é gabando a flexibilidade que implica o contrato fixo descontinuo que recentemente Antonio Garamendi puxo en valor a nova norma e a consecuente creación de ocupación.
Certamente, coincidindo o despregamento da nova reforma laboral e a eliminación do contrato de obra e servizo no Estado español produciuse un claro descenso do paro, que pasou dun 13,65% no primeiro trimestre de 2022 ao 12,48% no terceiro trimestre. É xusto despois cando vemos que a taxa de paro volve aumentar e que tamén descende a taxa de ocupación. Esta destrución de ocupación dáse en absolutamente todas as modalidades de contratos, aínda que de forma máis pronunciada no caso dos fixos descontinuos. En total, durante o primeiro semestre de 2022, en termos de contratos iniciais por mes, nos Països Catalans o crecemento dos contratos indefinidos é do 330,12%, pero durante o segundo semestre experimentan un decrecemento neto do 44,45% (43,45% os homes, 45,67% as mulleres).
Os contratos fixos descontinuos caen un 61,90% o segundo semestre nos Països Catalans, sendo novamente as mulleres as que reciben o maior golpe: un 67,19% contra o 57,06% no caso dos homes.
Por tanto, á hora de determinar se a reforma laboral foi un incentivo ou un desincentivo para a creación de ocupación, débese contar coa correlación que existe entre a creación de ocupación coa dinámica de crecemento económico. Neste sentido, é necesario ter en conta que o aumento da ocupación durante os tres primeiros trimestres de 2022 coincide cunha conxuntura marcadamente alcista da economía, que saía da recesión que comportou a pandemia da COVID-19 e o paro forzoso e desorganizado de diversos sectores e ámbitos económicos a escala mundial. Este crecemento moderouse, incluso chegando á recesión técnica nalgunhas zonas como Alemaña, e coincidindo con esta conxuntura a partir do terceiro trimestre de 2022 o paro no Estado español volveu aumentar. Non podemos afirmar por tanto que a Reforma laboral desincentivase a creación de ocupación, pero os datos a día de hoxe tampouco nos permiten afirmar o contrario.
A precariedade, materia pendente
A temporalidade é unha das causas principais da precariedade que vive o conxunto da clase traballador no Estado español e nos Països Catalans, nomeadamente nos territorios máis turistificados, e pódese afirmar que esta reforma laboral acabou cunha das moitas caras que esta tomaba: o contrato de obra e servizo. Con todo, é necesario ir máis aló, xa que tras a precariedade non só se atopan este tipo de contratos.
En primeiro lugar, convén ter presente que no Estado español o despedimento segue sendo moi sinxelo e sobre todo barato, por moito que o contrato sexa indefinido. A reforma laboral de 2012 flexibilizou os supostos segundo os cales un despedimento individual ou colectivo se podía realizar de forma procedente, até o punto que as empresas non necesitan nin ter perdas. Tampouco é necesaria a autorización administrativa para os despedimentos colectivos, ou, o que é o mesmo, o empresario pode decidir despedir tantos traballadores como queira de forma unilateral. Abonda con que unha empresa vexa como os seus ingresos se reducisen durante 9 meses para poder despedir libremente pagando unha indemnización moi baixa. Non só isto, senón que se un xulgado determina que un despedimento non se podía realizar (que era improcedente, de forma máis precisa), a empresa xa non está obrigada a pagar os salarios de tramitación (todos os salarios que tería que pagar ao traballador desde o momento en que vai ser despedido e até que a xuíza ou xuíz dita unha sentenza favorábel ao traballador). Neste caso sinxelamente se terá que pagar unha indemnización, máis elevada que no caso dun despedimento procedente pero máis baixa que antes de 2012. Concretamente, despois da reforma laboral de 2012 a indemnización por despedimento improcedente pasou de ser de 45 días por ano traballado cun máximo de 42 mensualidades a 33 días por ano traballado cun máximo de 24 meses, sen salarios de tramitación.
En segundo lugar e como se apuntou anteriormente, esta reforma tampouco acabou co subemprego. O crecemento dos contratos indefinidos concentrouse nos contratos fixos descontinuos, un tipo de contrato que non é aventurado cualificar de subocupación. Aínda que debemos ser máis coidadosas á hora de identificar todos os contratos a tempo parcial como subocupación (poderían estar ocupados por persoas que por cuestións persoais necesiten traballar menos horas, co nesgo de xénero que ten esta cuestión), no caso dos contratos fixos descontinuos a cuestión é máis clara: trátase de persoas que deixan de traballar porque a empresa deixa de necesitalos durante unha tempada ao ano, meses durante os cales non constan como persoas en paro e non cobran ningún tipo de salario. Trátase así de persoas que teñen dispoñibilidade e que queren traballar, pero que por decisión da empresa o deixan de facer durante unha tempada.
En terceiro lugar, non se acabou tampouco co nesgo de xénero desta precariedade. Os contratos temporais e a tempo parcial foron onde máis mulleres traballadoras se concentraron desde 2013, e agora concéntranse tamén naqueles contratos máis precarios, sexan temporais, parciais ou fixos descontinuos.
Finalmente, cómpre ter en conta que a precariedade laboral é só un reflexo da precariedade á que nos condena o sistema económico e o modelo produtivo español, fundamentado na extracción de plusvalor absoluto. As mulleres séguense concentrando naqueles sectores onde peores salarios se pagan e onde a loita sindical está menos articulada, aínda que recentemente con signos esperanzadores. Derrogar a reforma laboral de 2012 era só un paso para combater a precariedade á que está condenada a maior parte da clase traballadora, un paso que se fixo con timidez e con tanta propaganda contra o discurso da dereita que se eliminou por completo a autocrítica. As cifras son as que son, e un ano despois as conclusións son claras: que unha reforma alarme -temporalmente- os seareiros da patronal non significa que sexa un acerto ou que marque claramente un antes e un despois. Esta reforma laboral constituíu sobre todo un branqueamento estatístico da precariedade, que continúa sendo a norma xeral.
[Artigo traducido do sitio web catalán Catarsi, do 27 de febreiro de 2023]