Estado español: catro comentarios sobre o debate das pensións

Albert Recio Andreu - 03 Abr 2018

O neoliberalismo arruinou á vez a posibilidade do pleno emprego e erosionou os sistemas públicos. Garantir pensións dignas esixe unha nova “arquitectura social”, esixe mudanzas profundas no financiamento público e a organización da vida laboral

 O debate sobre o futuro das pensións é un tema crucial para o futuro da sociedade, un dos campos de batalla onde se dirime o noso modelo social. E ao que en anos recentes temos que volver nunha ou outra ocasión […] Simplemente tento discutir catro cuestións que considero chave para o debate e para construír un discurso alternativo á vez sólido e realista. Non entro nunha das cuestións na que teñen incidido os defensores do sistema público, o de que detrás da súa demolición están os intereses do sector financeiro, a súa vontade de participar da torta co fin de desenvolver os plans de pensións. E non entro porque por unha banda a cuestión é obvia e xa está ben explicada por moita xente (Miren Etxezarreta e a xente de Taifa publicou bos traballos nesta dirección). Pero, tamén, porque creo que máis aló deste punto hai cuestións cruciais que merecen por si mesmas atención e propostas.

  1. Pensións e demografía

 O elemento máis usado polos defensores de aplicar un recorte fundamental ao sistema de pensións, o que xustificou a reforma do PP, é a demografía. Ten a vantaxe, para os seus defensores, que aparece como un problema “natural”, doado de explicar e de asimilar por moita xente. O argumento foi repetido até a saciedade: nos próximos anos vaise xubilar moita xente, quedará moita menos xente no mercado laboral e, xa que logo, os empregados do futuro deberán aturar unha carga insoportábel para manter a esta masa de xente ociosa que cada vez vive máis anos.

 O argumento demográfico ten a súa parte de verdade e a súa parte de falacia. A parte de verdade é que vai haber unha masa crecente de xubilados que requirirá renda e atencións. E que suscita por si mesma dous retos: a necesidade de transferir renda para o seu sustento e, ao mesmo tempo, forza de traballo para garantir bos coidados a unha parte desta mesma poboación.

 O que en cambio resulta falaz é que a base laboral quede diminuída polo simple efecto das xubilacións masivas e a chegada de cohortes pouco numerosas ao mercado laboral. Este escenario só é posíbel nun mundo sen inmigración (ou se o mesmo proceso se dese a escala planetaria). Até o de agora, sempre que se produciu un estreitamento do mercado laboral a escala local, rexional ou nacional tivo lugar unha masiva inmigración, e non hai razóns para pensar que agora as cousas van ser distintas. Pensar que agora non se vai dar implicaría supoñer, por exemplo, que os hoteis pecharán por falta de persoal. Isto non quere dicir que a resposta vaia ser sinxela. Un proceso masivo de inmigración require cando menos de tres políticas combinadas: educativo-laboral (para garantir un bo reemprazo das capacidades laborais), de políticas sociais nun sentido amplo (para acoller axeitadamente a xente) e político-cultural (para evitar que o proceso dea lugar á aparición de xenofobias e racismo).

 Negar que hai un elemento demográfico que paira sobre o debate das pensións paréceme estúpido. Denunciar o seu uso abusivo e falaz non nos pode levar a “tirar o neno coa auga do baño”. O que hai que explicar á xente é que unha sociedade avellentada ten un enorme potencial de atraer persoal, e que canto mellor se organice este proceso migratorio mellor e de xeito máis xusto se garantirá o bo funcionamento social.

  1. Pensións e aforro

 En gran parte da percepción social persiste a visión de que as pensións constitúen unha cantidade aforrada no pasado que simplemente se recupera tras a xubilación. Máis ou menos como as formigas que acumulan alimentos no verán para pasar o inverno. Tamén esta formulación me parece errónea. As pensións páganse sempre coa renda anual. Tanto no sistema de reparto, onde se pagan a partir das contribucións presentes, como no sistema de capitalización, onde se financian coas rendas de capital acumulado polo fondo.

 Se a actividade económica presente decae os dous sistemas se enfrontan a parecidos problemas de liquidez. A única forma de garantir pensións suficientes no presente é garantindo unha actividade económica e unhas normas de distribución da renda adecuadas. O que fan as contribucións presentes é, fundamentalmente, consolidar un compromiso social que hai que manter en cada momento.

 Esta confusión é a que por unha banda permite aos defensores do sistema de capitalización facer crer que polo feito de que se acumule un capital se aumentan as garantías de rendas futuras, sen explicar que os mil elementos que converten en inestábel a actividade económica baixo o capitalismo poden propiciar un cúmulo de adversidades que poden ir desde problemas de liquidez até a simple destrución do capital monetario acumulado. Pero tampouco é aceptábel pensar que no sistema de reparto acumulamos algún fondo, cando en realidade estivemos simplemente adquirindo o dereito a ser tratados igual que os xubilados presentes. Xa que logo, o reto real é deseñar un modelo de distribución da renda que garanta pensións dignas, facendo visíbel que a súa garantía depende do bo funcionamento social.

 Deste argumento deduzo dúas cuestións prácticas. En primeiro lugar, que o nivel de pensións non é independente dos avatares da actividade económica e, xa que logo, nun contexto de decrecemento ou estancamento o que debe producirse é o debate xeral sobre as rendas. En segundo lugar, paréceme perigosa a demanda de eximir de impostos directos ás pensións co argumento que xa foron gravadas no pasado. Nin está claro que o fosen -dados os diferentes modelos fiscais e de rendas no transcurso dun lapso de tempo tan elevado- nin se trata dun argumento moi consistente. De feito, unha gran parte dos descontos fiscais que obtivo o capital nas últimas décadas baseáronse neste argumento da dobre imposición. Fai pensar que a principal resposta do Goberno aos pensionistas foi anunciar unha desgravación fiscal cando máis ben o reforzamento das pensións o que esixe é reforzar os ingresos públicos.

  1. O problema do financiamento

 Hai un evidente problema de financiamento. Non só porque hai máis xente que cobra pensións e, moitos dos novos xubilados, de maior importe. Tamén porque se adelgazou a base de achega pola caída do emprego e os salarios (sen contar co uso abusivo que fixo o PP da caixa da seguridade social para financiar xenerosas subvencións ao emprego). O problema que teñen moitos modelos de Seguridade Social é que basean os seus ingresos nos salarios, o que deixa o financiamento ligado aos avatares do emprego. Un cambio na distribución da renda en favor do capital, como o ocorrido nas últimas décadas, afecta negativamente á súa base de financiamento. E ao mesmo tempo, os sistemas de pensións acaban por incluír a persoas con moi diferente vida laboral, mesmo persoas que contribuíron moi pouco ao sistema (durante moito tempo o déficit do sistema xerábase en autónomos e agricultura).

 O que mostra a crise actual non é a non sustentabilidade do sistema de pensións, senón de seguir financiándoo exclusivamente a partir de salarios. Calquera sociedade decente debe garantir rendas adecuadas á súa poboación. Calquera sociedade con esperanzas de vida como a nosa debe pensar que unha parte desta poboación deberá deixar o emprego nalgún momento da súa vida (volverei máis tarde sobre iso). E, xa que logo, o que debe construírse é un modelo social que garanta este obxectivo. A vella política do estado do benestar, a que deseñaron os informes da Comisión Beveridge, confiaron en que políticas de pleno emprego combinadas cunha vaga de políticas de benestar (pensións de paro, enfermidade e xubilación) garantirían o logro deste obxectivo. Pero o neoliberalismo arruinou á vez a posibilidade do pleno emprego e erosionou os sistemas públicos. Garantir pensións dignas esixe unha nova “arquitectura social”, esixe mudanzas profundas no financiamento público e a organización da vida laboral. Sen eles, a crise das pensións vai ser recorrente. O mantemento do poder adquisitivo só é posíbel nun modelo diferente do actual. (E tampouco é necesariamente un obxectivo a longo prazo, onde o que hai que garantir son condicións de vida aceptábeis para todo o mundo, algo que supón combinar prestacións monetarias, prestacións directas e reorganización das formas de vida e consumo.)

  1. Problemas de equidade

 O debate sobre as pensións e as políticas de xubilación xera ademais problemas de equidade difíciles de obviar, e que teñen implicacións diversas. Centrareime en dous: a idade de xubilación e a contía das pensións.

 A idade de xubilación é outro dos temas que suscitan as actuais reformas, de novo cun argumento simplista: como a xente vive máis anos e con mellor saúde, pódese traballar máis tempo. O que agocha este argumento é que nin as condicións de saúde son homoxéneas nin as posibilidades de emprego a determinada idade son iguais para todo o mundo. Os defensores deste argumento son frecuentemente profesores universitarios que realizan traballos pouco estresantes e que efectivamente están en condicións físicas de manter unha actividade laboral. E se teñen algún prestixio, teñen mesmo posibilidades de atopar actividades complementarias tras a xubilación. Extrapolar esta situación ao conxunto social é unha mostra dunha enorme ignorancia social (cando non dun certo clasismo). Unha política equitativa debería recoñecer as desigualdades de saúde e doutro tipo que existen entre diferentes empregos, e modular a idade de xubilación en función diso. Algo que seguramente tamén implica mudanzas na propia organización do traballo.

 A segunda cuestión é máis complicada e simplemente a apunto. Unha resposta radical á cuestión das pensións (e posibelmente é unha das que ten probabilidades de se impoñer) pasa por garantir unha renda básica a todo o mundo. Un igualitarismo nas pensións que contrasta coas desigualdades laborais. Se o importe desta renda básica é suficiente, garantiría polo menos un estándar social aceptábel. Que iría acompañado de desigualdades en sistemas complementarios de pensións, seguramente de maior nivel que o sistema actual que as acouta. O peor é que cando se limita a un sistema de mínimos hai o enorme perigo de que o mínimo sexa insuficiente e acabemos tendo un sistema con pensións indignas que só unha minoría poderá complementar con plans privados. Se somos moi insistentes nun igualitarismo radical nas pensións e, sobre todo, se non abrimos o debate do formulado no punto anterior, existen enormes probabilidades de que acabemos tendo este último modelo. Avanzar cara ao igualitarismo en sociedades onde a desigualdade está socialmente tan lexitimada esixe posibelmente estratexias sofisticadas que eviten caer en solucións nefastas.

 

[Artigo tirado do sitio web Mientras tanto, núm. de abril de 2018]