Entrevista a Nancy Fraser: “O neoliberalismo como filosofía hexemónica está morto”

Florencia Angilletta - 29 Set 2021

A débeda xoga un papel especial no capitalismo neoliberal. Nas formas anteriores, as finanzas eran unha rama da economía entre outras. Apoiaban a rama produtiva, fornecendo créditos que permitían a innovación e o crecemento. Pero ese non é o caso no neoliberalismo. Agora os tentáculos das finanzas despréganse por todas as partes da economía

- Ante a pandemia ocorre certo paradoxo entre a igualdade (todas as persoas son vulnerábeis ao virus) e a diferenza (as persoas pódense protexer segundo o capital que teñan), atravesada pola xestión estatal que abala entre a volta do Estado (como marco normativo e institucional) e a crise do Estado (os Estados están limitados pola distribución xeopolítica das vacinas). De que xeito é posíbel seguir pensando acerca da desigualdade estrutural e a intervención estatal?

 É unha pregunta excelente e comezarei a miña resposta dicindo que vexo a COVID-19 como unha tempestade perfecta de irracionalidade e inxustiza capitalista. A pandemia é o punto no que converxen todas as fallas e contradicións do sistema, incluídas as que mencionas. Con frecuencia dise, e con razón, que o virus serviu de diagnóstico perverso, ao iluminar todas as fendas da nosa sociedade. Pero non oímos falar o suficiente do sistema social que xera esas fendas, aínda que é o mesmo sistema que nos trouxo o virus en primeiro lugar e que está bloqueando os nosos esforzos para enfrontalo. Así que quero insistir neste punto: o que a pandemia diagnostica, en realidade, é a disfuncionalidade profundamente arraigada do capitalismo.

 Para ver por que, consideremos de onde veu o virus. Resulta que o SARS-CoV-2 fora albergado polos morcegos desde hai moito tempo en covas remotas sen efectos nocivos para o ser humano. Porén, recentemente o virus pasou a unha especie intermedia e logo a nós. Entón, que causou esta “transferencia zoonótica”? Que pasou para que os morcegos entren en contacto coa especie intermediaria e logo connosco? Dúas cousas, ambas resultado directo do capitalismo: o quecemento global, en primeiro lugar, e a deforestación tropical. Xuntos, estes dous procesos, obrigaron a numerosos organismos a saír dos seus hábitats naturais e a entrar noutros novos, onde empezaron a interactuar con especies que nunca antes atoparan, incluídas algunhas que están en contacto connosco. O resultado foi toda unha serie de epidemias de virus entre os humanos, non “só” a COVID-19, senón tamén a SIDA, o Ébola, o SARS e o MERS. Podemos estar seguros de que virán máis, mercé á persistencia do cambio climático e a deforestación, que son impulsados implacabelmente polo “desenvolvemento” capitalista.

 De feito, o sistema capitalista está deseñado para destruír o planeta. Incentiva as empresas a que se apropien da riqueza biofísica da forma máis rápida e barata posíbel, á vez que as exime da responsabilidade de reparar o que danan e repoñer o que consumen. Empeñadas en aumentar as súas accións e beneficios, danan as selvas tropicais, bombardean a atmosfera con gases de efecto invernadoiro e desencadean unha enxurrada crecente de pragas letais. En resumo, é o capitalismo o que nos xerou a pandemia, e traeranos moitas outras, a menos que o deteñamos.

 Agora vexamos o aspecto que mencionaches, é dicir, o Estado. O que se xoga aí é o aspecto político da crise, que converxeu co aspecto ecolóxico dun xeito que exacerbou ambos, e púxonos en perigo. É certo, por suposto, que a pandemia sería horríbel para os seres humanos en calquera caso. Con todo, foi moito peor debido aos 40 anos de financeirización neoliberal que afectaron as capacidades políticas que, doutro xeito, poderiamos utilizar para controlar a COVID. Durante este período, “os mercados” esixiron e recibiron masivamente investimento estatal da privatización da infraestrutura pública. Isto é certo para a infraestrutura en xeral, e para a infraestrutura de saúde pública en particular. Agás algunhas excepcións, os Estados reduciron as reservas de equipos para salvar vidas, destruíron as capacidades de diagnóstico e reduciron as capacidades de coordinación e tratamento. E o que acompañou a falta de investimento público foi a privatización. Ademais, unha vez destruídas as infraestruturas públicas, os gobernantes transferiron funcións sanitarias vitais a provedores e aseguradoras, empresas farmacéuticas e fabricantes con ánimo de lucro. Estas empresas agora controlan parte desas capacidades, incluíndo a man de obra e as materias primas, a maquinaria e as instalacións de produción, as cadeas de fornezo e a propiedade intelectual, as institucións de investigación e o persoal. E centrados unicamente nos seus beneficios e no prezo das súas accións, impórtalles moi pouco o interese público. Os resultados son tráxicos, pero non sorprendentes. Un sistema social que somete os asuntos da vida e a morte á “lei do valor” estaba estruturalmente preparado desde o principio para abandonar a millóns de persoas á súa sorte fronte á COVID-19.

 Tamén aludiches á desigualdade, que se fixo moi evidente baixo as condicións da pandemia. Un dos aspectos que quedou á vista é o racismo estrutural, que impregna todos os aspectos da crise actual. A nivel global, tingue a vertente ecolóxica, xa que o capital sacia a súa sede de “natureza barata” en gran medida arrebatando a terra, a enerxía e a riqueza mineral ás poboacións racializadas, privadas de protección política e de dereitos procesábeis. Desproporcionadamente vulnerábeis aos refugallos tóxicos, ás “catástrofes naturais” e aos múltiples impactos letais do quecemento global, agora están na última fila da vacinación. Entrementres, a nivel nacional, ás comunidades migrantes e BIPOC [en inglés, negras, indíxenas e de cor] negóuselles durante moito tempo o acceso ás condicións que promoven a saúde: acceso a unha atención médica de alta calidade, auga limpa, alimentos nutritivos, condicións de traballo e de vida seguras. Non é de estrañar, pois, que os seus membros se infecten e morran de forma desproporcionada a causa da COVID. As razóns non son misteriosas: pobreza e atención sanitaria inferior; condicións de saúde preexistentes relacionadas co estrés, a mala nutrición e a exposición a toxinas; sobrerrepresentación en traballos de primeira liña que non poden realizarse a distancia; falta de recursos que lles permitan rexeitar traballos inseguros e de dereitos laborais que lles permitan gañar proteccións; vivendas que non permiten o distanciamento social e facilitan a transmisión; acceso reducido á vacina. En conxunto, estas condicións ampliaron o significado do lema Black Lives Matter (‘As vidas negras importan’), facendo sinerxía coa súa referencia orixinal á violencia policial e contribuíndo a alimentar as protestas actuais.

 A cor, ademais, está profundamente entrelazada coa clase, no sistema mundial capitalista en xeral e no período actual en particular. De feito, ambas son inseparábeis, como demostra a categoría de “traballador esencial”. Se deixamos de lado a profesionais da medicina, esa designación abrangue traballadores agrícolas migrantes, traballadores inmigrantes dos matadoiros e do empaquetado de carne, traballadores dos almacéns de Amazon, condutores de UPS (un sistema de envío de paquetes), auxiliares das residencias de anciáns, limpadores dos hospitais, repositores e caixeiros dos supermercados, quen reparte comida para levar. Especialmente perigosos en tempos de COVID, estes traballos son na súa maioría mal retribuídos, non sindicalizados e precarios, desprovistos de prestacións e proteccións laborais, suxeitos a unha supervisión intrusiva e a uns ritmos implacábeis. Aínda que hai diversidade de persoas, están ocupados de forma desproporcionada por mulleres e persoas afroamericanas. En conxunto, estes traballos, e quen os desempeña, representan o rostro da clase traballadora no capitalismo financeirizado. Xa non se personifica na figura do home branco mineiro, operario da fábrica e traballador da construción, senón que esa clase tamén inclúe os traballadores e as traballadoras de servizos con salarios baixos e a gran maioría de coidadores/as. Pagados por baixo dos seus custos de reprodución, cando se lles paga, son expropiados/as e explotados/as. A COVID sacou á luz tamén ese sucio segredo. Ao xustapor o carácter esencial do traballo desa clase coa infravaloración sistemática que o capital fai del, a pandemia evidencia outra das principais contradicións da sociedade capitalista: a incapacidade do mercado da forza de traballo para calcular con precisión o valor real do traballo.

 En xeral, a COVID é unha tempestade perfecta de irracionalidade e inxustiza capitalista. Ao aumentar os defectos inherentes ao sistema até o punto de ruptura, fai brillar un raio de luz punxente sobre todas as contradicións estruturais da nosa sociedade. Sacándoas das sombras e mostrándoas á luz, a pandemia revela o impulso inherente do capital de canibalizar a natureza até o mesmo punto da conflagración planetaria; de desviar as nosas capacidades dos labores verdadeiramente esenciais da reprodución social; de eviscerar o poder público até o punto de non poder resolver os problemas que o sistema xera; de alimentarse da riqueza e a saúde cada vez menores das persoas racializadas; de non só explotar, senón tamén expropiar, a clase traballadora. Non poderiamos pedir unha mellor lección de teoría social.

- Das distintas medidas de illamento anunciadas polo goberno en Arxentina, unha das que xera máis expectativa foi a vinculada ás traballadoras domésticas, se poden ou non trasladarse e ir aos seus lugares de traballo. Como atinxe esta crise e esta pandemia á revalorización do que chamaches a ‘reprodución social’ e o problema das ‘cadeas globais de coidado’ que advertías xunto a Cinzia Arruzza e Tithi Bhattacharya no Manifesto do feminismo para o 99 por cento?

 Do mesmo xeito que as demais dimensións da crise, o aspecto de xénero tamén ten as súas raíces no capitalismo, que infravalora cronicamente as tarefas de coidado e fomenta as crises de reprodución social. Hoxe vémolo claramente. O mesmo réxime neoliberal que se desprendeu da infraestrutura dos coidados públicos tamén crebou os sindicatos e reduciu os salarios, obrigando a aumentar as horas de traballo remunerado por fogar, mesmo de coidadores/as principais. Deste xeito, descargou o traballo de coidados nas familias e as comunidades xusto no momento en que tamén estaba requisando as enerxías sociais que necesitabamos para realizar ese traballo. O efecto foi unha crise de coidados aguda, que xurdiu mesmo antes da pandemia e que se intensificou. Como sabemos, a COVID descargou novas e importantes tarefas de coidados nas familias e comunidades, xa que o coidado da nenez e a escolarización trasladáronse aos fogares das persoas durante o confinamento. A carga recaeu sobre todo nas mulleres, que seguen realizando a maior parte das tarefas de coidado non remuneradas. Non é de estrañar, xa que logo, que moitas mulleres empregadas acabasen deixando o seu traballo para coidar dos seus fillos/as e outros familiares, mentres que outras moitas foron despedidas polos seus empregadores. Ambos os grupos enfróntanse a importantes perdas de posición e de salario se se reincorporan ao traballo. Un terceiro grupo, que ten o privilexio de conservar o seu emprego e traballar a distancia desde a súa casa, á vez que realiza tarefas de coidado, mesmo de crianzas confinadas na casa, levou o multitasking [multitarefas] a novos niveis de tolemia. Un cuarto grupo, que inclúe tanto a mulleres como a homes, integra con honor os “traballadores esenciais”, pero págaselles unha miseria, e son tratados coma se fosen desbotábeis, e esíxeselles que desafíen diariamente a ameaza de infección, xunto co medo a levala á casa, para producir e distribuír as cousas que permiten a outros/as refuxiarse no seu lugar.

 Está claro, pois, que as tarefas de coidado entrecrúzanse coa organización do mercado laboral, a economía política, o coidado social e as prestacións do Estado. O problema principal é que a sociedade capitalista posúe unha profunda tendencia a aproveitarse da gratuidade do traballo de coidados e a canibalizar as capacidades de coidados. Isto vale para o capitalismo en xeral. Con todo, o actual capitalismo neoliberal é especialmente predatorio neste aspecto. E a pandemia deixou en claro canto de importante é o traballo de coidados, canto o necesitamos e canto de irracional é vivir nunha sociedade que non o valora.

- Dous extremos para considerar con respecto á política e a economía son a débeda e os subsidios. Arxentina, por exemplo, está negociando as súas capacidades de pagamento. Por outra banda, vimos este ano os anuncios históricos de Joe Biden sobre os subsidios. Cales son as posibilidades deste capitalismo entre o equilibrio macroeconómico e a necesidade da economía inxectada ao peto?

 A débeda xoga un papel especial no capitalismo neoliberal. Nas formas anteriores, as finanzas eran unha rama da economía entre outras. Apoiaban a rama produtiva, fornecendo créditos que permitían a innovación e o crecemento. Pero ese non é o caso no neoliberalismo. Agora as finanzas non son simplemente unha rama discreta da economía capitalista. Pola contra, os seus tentáculos despréganse por todas as partes da economía. Este é un exemplo diso: os fabricantes de automóbiles hoxe en día gañan menos producindo e vendendo autos que ofrecendo empréstitos aos compradores para que compren coches. Noutras palabras, están no negocio do crédito, que é un negocio máis rendíbel que o da produción. A débeda circula por todo o sistema económico, non só a través dos bancos, senón tamén a través das empresas, os Estados, os fogares e as institucións financeiras mundiais. Falamos de “débeda soberana”, pero é irónico porque son os posuidores de bonos os que determinan que é o que teñen que facer os Estados para que siga fluíndo o crédito. Vimos moitos destes exemplos na crise financeira de 2008, cando a Unión Europea lle soltou a man a Grecia para compracer os acredores. Esta forma de capitalismo cambiou dramaticamente o equilibrio de poder entre os Estados e os investidores, as corporacións e os mercados financeiros.

 Ao mesmo tempo, houbo un gran aumento da débeda privada. As familias traballadoras non gañan o suficiente como para soportar os seus gastos de manutención a través dos seus salarios. Dependen de tarxetas de crédito, de débedas estudantís, hipotecas e créditos para o coche. Este é outro trazo definitorio do capitalismo actual, que non só explota as clases traballadoras, senón que simultaneamente as expropia mediante o endebedamento. Pais e nais xa non poden esperar que os seus fillos vivan mellor ca eles. Pola contra, en moitos casos estarán peor. A débeda é unha gran parte desa historia.

- Analizaches o capitalismo non só como un sistema económico, senón desde o que denominaches a ‘visión expandida do capitalismo’. As crises que vivimos na actualidade non son só parte dun sistema económico. Como construír logo horizontes emancipadores?

 O capitalismo non é só un sistema económico; é unha forma de organizar a relación do sistema económico con outras rexións da sociedade nas que se apoia a economía. Organiza a relación da economía coa natureza, coa vida familiar e a reprodución social, e coa esfera política. Todos estes elementos son soportes necesarios ou condicións de fondo para unha economía capitalista. Non pode existir sen o traballo non remunerado que sostén os/as traballadores/as, os procesos naturais que sosteñen os sistemas ecolóxicos e unha gran variedade de bens públicos, incluíndo os marcos legais, as forzas represivas, a oferta de diñeiro, as infraestruturas e as comunicacións.

 Con todo, a sociedade capitalista posúe unha relación perversamente contraditoria entre a súa economía e estes apoios necesarios. Incentiva os capitalistas a canibalizar as mesmas condicións de fondo das que dependen, para devorar as nosas capacidades políticas, ecolóxicas e asistenciais. Por iso, a nosa crise actual éo todo. Non é “só” unha crise económica. Tamén é unha crise ecolóxica, política e de reprodución social. Non podemos entender o que está pasando a menos que adoptemos unha visión ampliada do capitalismo, que problematice a relación da economía coas súas condicións de fondo non económicas. A visión tradicional do capitalismo como sistema económico non pode aclarar a situación actual.

 En canto á emancipación, debemos estender a nosa idea de que conta como loita anticapitalista. Non son só as loitas nas fábricas entre os/as traballadores/as e patróns/as, aínda que estas sexan moi importantes. Son tamén as loitas pola educación pública, pola vivenda digna e pola saúde pública. Estas son loitas sobre a reprodución social, que atinxen ao sector público e ao privado. Son loitas sobre a disfunción capitalista, por un novo sistema social, que repensaría toda a relación entre a sociedade humana e a natureza non humana, entre a produción e a reprodución, entre a economía e a política.

- Nunha das túas últimas obras dedicácheste a unha análise dos ‘límites’, e un dos límites no teu traballo refírese ao que existe entre os feminismos e a política. Que ocorre nese ‘límite’?

 Desenvolvín esta idea sobre a loita de límites para tentar conectar con esta visión expandida do capitalismo. Hai loitas non só dentro do sector económico, entre o traballo e o capital. Tamén hai loitas de límites entre o sistema económico e o Estado, e non só o Estado, senón tamén sobre capacidades estatais e institucións públicas. Algunhas destas loitas ocorren a distintos niveis. O caso da produción e a reprodución é de especial interese para o feminismo porque ten que ver con límites de xénero. Historicamente, a reprodución era unha esfera feminina, e a produción unha esfera masculina. Hoxe en día, isto non está delimitado de xeito tan claro, e como as mulleres entraron de forma masiva no mercado laboral pago, teñen dobre quenda de traballo.

 Por que as mulleres hoxe en día en moitos países están á fronte desta loita de límites sobre a reprodución social? As mulleres que ensinan non só loitan por mellores soldos, máis clases e máis fondos para as escolas. Estanse aliñando cos pais e nais, que teñen traballos noutros sectores e que queren unha mellor educación para os seus fillos/as. As mulleres que traballan nestes sectores, a diferenza dos traballadores industriais que ás veces só loitan por mellores soldos, loitan pola calidade do servizo. As enfermeiras son outro exemplo: estiveron loitando non só por mellores soldos, senón tamén pola cantidade de doentes que poden tratar para brindar mellores condicións. Estes son casos interesantes, porque non son só loitas polas condicións laborais, senón tamén polos recursos e pola calidade dos servizos. Atinxe ao Estado e á reprodución social, á esfera económica e á social. Todo está relacionado. As loitas pola reprodución social son tamén as loitas laborais.

 Gran parte da militancia laboral non parte dos traballadores industriais, senón de quen fan traballo de reprodución social. Ese é un gran cambio na loita de clases, en que significa a loita de clases. Todos estes cambios están transformando a clase traballadora, que non consiste xa só nos/as traballadores/as das fábricas, senón tamén en quen traballa en servizos, reprodución social, nas comunidades ou fogares e que non reciben unha paga. Estas persoas tamén son parte da clase traballadora. Non só sofren explotación, senón que tamén sofren a expropiación mediante a débeda. O problema da débeda é tamén parte da loita de clases.

 De novo, cando temos esta visión ampliada do capitalismo, hai que ter en conta as formas de opresión, explotación e expropiación. Tense un panorama máis amplo de que tipo de loitas son potencial ou directamente anticapitalistas. E logo tense un panorama aínda maior de cales serían as alianzas posíbeis. Se esta forma de capitalismo é a raíz de todas as crises, irracionalidades e inxustizas, entón tense, polo menos potencialmente, a posibilidade de ter persoas que están situadas en diferentes lugares do sistema e polo tanto diferentes preocupacións existenciais polas que loitar; isto significa que segue habendo posibilidades de que estas persoas vexan as relacións entre si neste sistema predatorio.

- Tes escrito sobre onde achou o neoliberalismo o seu calvinismo, o seu carisma, e os vínculos entre neoliberalismo e progresismo. Cales son os desafíos en 2021 para seguir lendo desde a clase e desde a identidade, desde a ‘redistribución’ e o ‘recoñecemento’, alicerces do teu traballo?

 Teño un diagnóstico completo, unha sorte de diagnóstico ao Gramsci, de como unha filosofía económica tan daniña para tanta xente puido conseguir suficiente apoio político e lexitimidade para se converter na forza dominante e hexemónica para se apropiar dos gobernos en todo o mundo. A miña idea é que isto nunca podería ocorrer se a única historia valiosa fose o proxecto económico, xa que é prexudicial para os pobres, a clase traballadora e a clase media. Nunca podería haber ter éxito só a partir da súa filosofía económica. Necesitaban algo máis. E isto era o que Luc Boltanski e Ève Chiapello denominaron o “novo espírito do capitalismo”, e grazas ao cal o neoliberalismo logrou cooptar, ao meu ver, un sector importante dos novos movementos sociais que teñen carisma e lexitimidade: o feminismo, os dereitos LGBTQ, os dereitos civís, movementos antirracistas e ultimamente tamén os movementos ecoloxistas.

 O que fixo o neoliberalismo foi sacudir os sectores liberais convencionais dominantes, que nunca foron demasiado críticos nin anticapitalistas, e deulles unha palmadiña nas costas, facéndolles sentir que tiñan poder. Temos o feminismo corporativo liberal, por exemplo a Hillary Clinton, que fixo todo o que quería Wall Street e tamén promocionou un tipo de feminismo específico, enfocado en eliminar barreiras discriminatorias para que algunhas mulleres de talento ascendesen na xerarquía corporativa. Esta ollada feminista non ten que ver cunha igualdade social real; está relacionada coa meritocracia. Black faces in high places, un libro crítico sobre o racismo, sinala tamén estes conflitos a partir da presidencia de Obama. É a vella historia sobre como o neoliberalismo consegue o seu carisma. Denomino a esta alianza “neoliberalismo progresista”, porque é moi diferente ao que ocorre con Bolsonaro, que é un “neoliberal reaccionario”.

 Logo diso houbo algúns acontecementos importantes: 2016 foi un momento crucial en Estados Unidos e probabelmente afectou a todo o mundo. Nese momento, Bernie Sanders enfrontouse a Hillary Clinton pola nominación demócrata para a presidencia, e por outra banda estaba Trump, que non era o republicano neoliberal típico. Había dous desafíos para o neoliberalismo, desde a dereita e a esquerda. Por exemplo, algúns traballadores brancos que votaron por Sanders nas primarias, non votaron por Hillary Clinton nas eleccións e si votaron por Trump. Houbo un rexeitamento popular contra o neoliberalismo, que é o neoliberalismo progresista. A verdade é que o rexeitamento máis forte partiu da dereita. A esquerda tamén se manifestou, pero a dereita púidoo capitalizar mellor.

 Agora temos a pandemia, e como dixen ao principio, é unha gran lección de teoría social. A pandemia móstranos que o libre mercado non pode facer o que é necesario para garantir que vivamos de xeito decente. Coido que o neoliberalismo como filosofía hexemónica está morto: segue no poder, pero xa non ten credibilidade. Estamos nese “interregno” de Gramsci, no que aparecen todo tipo de síntomas mórbidos.

 Joe Biden non é un neoliberal progresista. O debate dáse no Partido Demócrata, entre a vella facción Clinton e a facción Sanders; Sanders ten moito máis control que antes, aínda que non ten todo o control. Esta é unha forma de ver o “interregno”. As contradicións son graves, pero é un momento importante e hai oportunidades reais para a esquerda. Non creo que o fascismo estea ao virar a esquina e que haxa que correr a pedirlle protección ao liberalismo. Se chegamos a ese punto, pelexarei xunto aos liberais contra o fascismo, pero iso depende do momento e agora non é o momento. O movemento de Sanders debería construír un novo bloque antihexemónico con todas as faccións anticapitalistas que xa mencionamos.

 Coido que temos unha marxe de acción, se non nos conformamos só coa política de recoñecemento. Hai que deixar de lado a cultura da cancelación e as microagresións. Serven como proteína para a dereita. Hai que centrarse na estrutura, nas institucións, nas demandas e loitas que poden realmente mellorar a vida no material para a clase traballadora. Hai unha oportunidade aí.

 

[Entrevista tirada do sitio web El Dipló, setembro de 2021]