Entregan máis de 5.600 sinaturas de profesorado de ensino concertado en demanda de negociación

Delegados/as dos cinco sindicatos concentráronse este mércores diante da Consellaría de Educación
Nacional - 25 Abr 2018

Máis de 200 delegados e delegadas de toda Galiza das cinco organizacións sindicais máis representativas do ensino concertado, concentráronse este mércores ante o edificio da Consellaría de Educación para reivindicar melloras salariais e laborais avalados por 5.620 sinaturas deste colectivo.

Os/as representantes da CIG-Ensino e de todos os demais sindicatos do Ensino Concertado (FSIE, FeSP-UGT, CCOO Ensino e FEUSO) continúan coas súas accións reivindicativas ante a falta de resposta por parte da Xunta ás súas peticións.

Hoxe concentráronse ante a Consellería de Educación e entregaron por rexistro 5.620 sinaturas recollidas entre o persoal docente para esixir unha negociación sobre as súas condicións laborais. Ademais fixeron entrega dun escrito solicitándolle unha reunión ao conselleiro de Educación coa finalidade de desatascar o inmobilismo do seu departamento e de buscar solucións para o sector.

 

O día 4 deste mes xa se solicitou por escrito no rexistro da Consellería a convocatoria da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado (CTEPC) e o silencio segue sendo a única resposta da  administración até o de agora. Por iso, os sindicatos volven á rúa para facer escoitar as peticións dos máis de 7.000 traballadores e traballadoras deste sector en Galiza, que levan 8 anos perdendo salario e dereitos.

Entre os principais temas que se queren tratar na mesa de negociación están as seguintes:

  • Acordo Mantemento de Emprego (non existe un AME desde setembro de 2009), o cal entendemos indispensábel para o mantemento dos postos de traballo ante unha situación de perda de unidades. Á Consellaría non lle suporía incremento no gasto, ou este sería mínimo.
  • A (PEA), Paga Extraordinaria de Antigüidade de 25 anos na empresa non é aboada desde o derradeiro acordo en novembro de 2010, sendo Galiza a única comunidade autónoma do Estado que non a paga, dereito recoñecido por xurisprudencia reiterada.
  • Negociación da revitalización do Acordo Plurianual de 24 de abril de 2008 sobre condicións laborais e de calidade do ensino, suspendido en 2010 co inicio dos recortes, quedando pendente unha revalorización do 2% do Complemento Retributivo Autonómico e de 45 € por xornada completa. Este acordo foi asinado co bipartito, aprobado en Consello da Xunta e publicado no DOG o 30 de maio de 2008.
  • Recorte 5% no salario realizada en 2011 vía Lei de Orzamentos que se consolidou nas nóminas das traballadoras e traballadores do ensino concertado afectando á súa base de cotización. Posteriormente outro recorte do 4,5% en 2012, que tamén se consolidou rebaixando as bases de cotización cando o RD 20/2012 recollía claramente que non podía afectar ás bases. Non é o mesmo quitar unha paga extra que facer unha rebaixa do salario con efectos retroactivos consolidándose en nómina e afectando á base de cotización do/a traballador/a. Posterior recorte do Complemento Retributivo Autonómico en 2013.
  • A Consellería só paga dous complementos de cargo, a dirección e a xefatura de estudos, incumprindo a súa propia lexislación porque non aboa o complemento por ser coordinador/a do equipo de dinamización lingüística, dereito económico recollido no RD 79/2010 do Plurilingüismo tanto para o persoal do ensino público como para o persoal da concertada.

Tendo en conta esta situación, cunha recuperación macroeconómica da que tanto fala o goberno da Xunta de Galiza, que non perciben aínda as traballadoras e os traballadores, entendemos que é o momento de abordar desde a responsabilidade estas cuestións, empezando por eliminar na próxima Lei de Orzamentos para o ano 2019 o parágrafo terceiro do artigo 53.2 e a disposición adicional novena.

Esta eliminación posibilitaría empezar a negociar un acordo de abono da PEA ou un calendario de recuperación e de equiparación salarial, así como un novo Acordo de Mantemento do Emprego e o abono do complemento de coordinador/a do equipo de dinamización lingüística, sen esquecer a posibilidade de facer unha modificación do regulamento de funcionamento da CTEPC para que sexa unha verdadeira mesa de negociación e de interlocución do sector.