Endurécense as protestas na folga do metal por un convenio digno
O metal da provincia da Coruña está a intensificar a folga en demanda dun convenio digno que garanta o poder adquisitivo dos salarios fronte á carestía da vida e que lle poña freo á precarización laboral do sector. Nesta sexta xornada de loita, que rexistra un seguimento maioritario, os piquetes continuaron a súa acción informativa polos polígonos industriais e as empresas e o persoal en folga amosou nas rúas a súa firme disposición a pelexar por un convenio xusto para o siderometal.
Mobilizacións para a xornada de folga do xoves 9
- A Coruña: ás 6:30h comezará o piquete informativo no Polígono de Cerceda. E ás 11:30h haberá manifestación na Coruña con saída das instalacións da empresa Sarpel (Polígono de Agrela) até a sede da patronal coruñesa en Monelos.
- Ferrol: ás 5:30h comezarán os piquetes informativos nas portas dos estaleiros de Ferrol e Fene e no polígono das Lagoas. Ao longo da mañá os piquetes irán visitando tamén o resto de polígonos da comarca.
- Compostela: ás 08:00h comezará o piquete informativo no polígono do Tambre.
Auxiliares do naval paradas e acción dos piquetes en Narón
Así o subliñou o secretario da CIG-Industria de Ferrol, Vicente Vidal, na mobilización que percorreu o Polígono de Río do Pozo de Narón, lanzando un chamado a reforzar os piquetes e a seguir presionando na rúa durante as restantes catro xornadas de folga que están convocadas para este mes de xuño. Por iso, instou a que, malia o cansazo, "temos que estar animados e animadas e animar o resto de traballadores/as para que sumen á folga, porque só coa loita podemos defender os nosos dereitos".
Vidal lembrou que o grande escollo coa patronal "é que se negan a levar a táboas a suba do 6,5%", correspondente ao IPC de 2021". Unha demanda que considerou perfectamente asumíbel polo empresariado, máis tendo en conta que a parte social xa fixo concesións na súa plataforma. A este respecto, referiuse ás diferenzas que existen entre a propia patronal á que demandou responsabilidade e acusou a unha parte do empresariado de "ter secuestrado o convenio", malia a súa pouca representatividade no sector.
Vidal tamén se referiu á paralización total da actividade nas auxiliares de Navantia durante todas as xornadas de folga e durante a pasada fin de semana -ao cortarse a realización de horas extraordinarias-, a pesar das fortes presións exercidas pola empresa pública naval.
Sobre as propostas dalgunhas empresas da comarca, as máis grandes, de negociar convenios propios, Vidal instou a non caer nesta trampa, porque o único que se busca é dinamitar o sector e que os traballadores e traballadoras non teñan no futuro forza nin capacidade de presión para negociar. "Se a patronal está dura, nós temos que estar firmes. Nada disto é doado, pero á clase traballadora nunca lle regalaron ningún dereito", concluíu.
Peche total no polígono de Carballo
Na comarca da Coruña, este mércores o piquete informativo trasladouse ao completo até o polígono industrial de Bértoa, en Carballo, onde a actividade das empresas do metal ficou paralizada. Por volta das 11:30 horas, o persoal en folga saía en manifestación dende o parque empresarial até a Casa do Concello baixo a consigna "convenio do metal, solución".
O secretario da CIG-Industria da Coruña, Eduardo Caamaño, indicaba que nas propias asembleas do persoal se acordou visitar e ampliar a presenza dos piquetes cada vez a máis polígonos "co obxectivo de intensificar a folga e incorporar a máis compañeiros e compañeiras a esta loita para conseguir un convenio digno" e rachar coa teima da patronal de non garantir o poder adquisitivo dos salarios nin a subrogación sen limitacións, as dúas liñas vermellas da parte social.
Caamaño cualificou de éxito a folga no polígono de Bértoa e criticou a actitude prepotente e provocadora que algúns empresarios/as están tendo ao paso dos piquetes informativos. Neste senso, reiterou a vontade negociadora da CIG-Industria "que nunca nos negamos a seguir negociando, mais mantendo as mobilizacións previstas".
Caamaño apuntou que, se despois das catro primeiras xornadas de folga a parte social, por responsabilidade, instou a patronal a convocar unha reunión da mesa, "agora é a patronal a que nos ten que chamar e moverse das súas pretensións, porque a parte social xa non pode rebaixar máis as súas reivindicacións".
"A reunión do día 6 non deu máis de si e por esa razón estamos en folga. O que nos separa na parte económica é o 6,5% para 2021, e non imos parar até conseguir ese incremento e que se consolide nas táboas salariais", advertiu. Nesta liña, avanzou que para este xoves, o persoal en folga levará as súas reivindicacións novamente ás portas da sede da patronal na Coruña, cunha manifestación que sairá ás 11:30h de diante de Sarpel, unha das empresas que está na mesa de negociación.
Mobilización do piquete en Cortizo
En Compostela, os piquetes percorreron a primeira hora da mañá o polígono do Tambre para logo trasladarse a STAC, do grupo Cortizo, en Padrón, e despois á sede principal do grupo en Rois.
A sede estaba blindada, rodeada por un valado que impedía os accesos, custodiada por gardas de seguridade e Garda Civil. Aínda así o piquete superou o valado e traballadoras e traballadores do Metal permaneceron baixo a chuvia, durante máis dunha hora, lembrando a Cortizo e ao persoal que permanecía no interior que "estamos en folga por un convenio digno".
Alí mesmo Benedicto Blanco, secretario da CIG-Industria de Compostela, denunciou as prácticas do empresario e as reiteradas chamadas do persoal denunciando as ameazas que sofren e as presión ás que están sometido, até o punto de que obrigou a traballadores a poñerse diante do piquete a gravar con cámaras aos manifestantes para comprobar se entre eles había algún traballador/a do grupo.
A presión do piquete obrigou a representantes da dirección do grupo a permitir que, por vez primeira, tanto Blanco como Cebei entraran nas instalacións da empresa e celebraran unha asemblea na que explicaron aos traballadores e traballadoras as razóns polas que están convocadas estas xornadas de folga e as melloras que se demandan na mesa de negociación do convenio.