Endesa reunirase o xoves co persoal das auxiliares, que urxe coñecer a previsión de traballo para 2020
Coincidindo co terceiro mércores consecutivo de protestas, a dirección territorial de Endesa concretaba, por fin, a data da reunión solicitada pola representación social para coñecer que previsións de traballo manexa a eléctrica de cara ao próximo ano e valorar a situación do emprego na industria auxiliar. A xuntanza, explica Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria, terá lugar o próximo xoves, día 28, nas oficinas da central térmica.
Na reunión estará a representación social, o director territorial da zona noroeste de Endesa, o director de xeración térmica e o novo director da central das Pontes e permitirá coñecer que previsión de carga de traballo manexa a empresa para o vindeiro ano "e polo tanto, cal será a situación do emprego nas auxiliares, tendo en conta que só garantiu os actuais niveis de traballo até finais de decembro".
Concentración e apagón este xoves nas Pontes
Á espera da información que Endesa achegue neste encontro, o persoal das auxiliares hoxe animou a participar na concentración que o comité de crise ten convocada para este xoves, ás 20 horas, na Praza do Carme e que estará acompañada do apagado xeral do alumeado da vila. De aí que se recomende asistir a protesta con candeas.
Con esta mobilización (prevista nun inicio para a semana pasada, pero que foi aprazada a causa da alerta meteorolóxica) o comité de crise quere denunciar "o desprezábel" silencio de Endesa-Enel, que continúa sen atender a petición de xuntanza coa alta dirección da empresa, co obxectivo de coñecer que plans ten a eléctrica a respecto da central das Pontes.
Neste senso, Alberte Amado subliña que saber que prazos e alternativas manexa Endesa é prioritario "porque non se pode falar de futuro cando non estamos aínda no proceso de peche e polo tanto estamos fóra das axudas e proxectos destinados ás zonas afectadas polo proceso de descarbonización". Engade que As Pontes está sufrindo as consecuencias da paralización da actividade na central, pero ao tempo "perdemos un tempo valiosísimo porque Endesa aínda non solicitou formalmente o peche e tampouco sabemos que plans de futuro ten nin como pretende compensar o cese da actividade produtiva".
Intervención da Xunta
Amado critica a buscada ambigüidade na que se mantén a filial española de Enel, deixando na incerteza absoluta a toda a comarca. Neste contexto, a CIG demanda a intervención da Xunta como parte importante neste proceso de transición, atendendo ao feito de que o municipio non ten chan industrial acaído para a instalación de novos proxectos industriais "a un ou dous anos vista".
Reitera que, no caso de que haxa un peche definitivo da central térmica, As Pontes non pode quedar a expensas de que o chan que ocupan actualmente as instalacións quede liberado. "A participación da Xunta neste proceso é básica, pero até agora non trasladou un compromiso neste sentido", lamenta.
De igual xeito, o representante sindical denunciou que, malia os compromisos existentes, non se celebrou aínda a segunda reunión no Ministerio para a Transición Ecolóxica na que se tería que presentar a valoración oficial das probas realizadas para produción de enerxía con materias alternativas ao carbón, e que contan coa supervisión do IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía).
Mobilización comarcal o xoves 28
Doutra banda, a central sindical fai un chamamento a participar na manifestación que CIG, CCOO e UGT teñen convocada para o vindeiro xoves, 28 de novembro, ás 20 horas, con saída da Praza de España de Ferrol, ante a grave crise industrial e social que atravesan as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, e para esixir políticas de reindustrialización que doten de futuro a esas bisbarras.
Para facilitar o traslado a Ferrol, habilitaranse autobuses gratuítos con saída na estación das Pontes, nos que as persoas interesadas se poden anotar no rexistro do Concello ou chamando ao teléfono 66712925.