Endesa queda sen convenio de referencia ao non existir ultraactividade por mor da reforma laboral
Despois de máis dun ano de negociación sen acordo do V Convenio Marco Grupo Endesa, a finais de decembro a empresa disolveu a Mesa Negociadora e, por mor da reforma laboral ao non existir ultra-actividade, dende xaneiro quedamos sen Convenio de referencia.
Aproveitando esta situación, a Empresa decide unilateralmente eliminar os beneficios sociais (salario en especie) que tiñan todo o persoal pasivo: Xubilación, Incapacidade, Orfandade, Viuvez.
Podería ser o relato da negociación dun convenio calquera, pero neste caso ten máis calado político. Lembrar que Endesa foi unha empresa estatal, privatizada nos sucesivos gobernos do PSOE e do PP para, finalmente, volver ser unha empresa pública, pero agora italiana, hoxe é Enel España, aínda que comercialmente siga mantendo a marca Endesa.
Para branquear a toma do goberno italiano dunha empresa do sector eléctrico do Estado Español, na OPA tamén participou a empresa Acciona de Entrecanales; a presenza de Acciona en Endesa apenas durou ano e medio e, como pago da súa colaboración, fíxose coa división de xeración renovábel de Endesa.
Enel posúe o 70% das accións
Unha vez asentada Enel en Endesa, posúe o 70% das accións, segregou os activos de Endesa en Latinoamérica, que pasaron a ser de Enel en exclusividade.
Estas dúas actuacións deberían espertar o interese político sobre como se descapitaliza unha empresa que no seu día foi estatal, pero non se coñece ningunha reacción dos gobernos do Estado; por iso, Enel continuou o seu particular saqueo de Endesa, como maior accionista impuxo unha extra xenerosa política de dividendos, obrigando a que todos os beneficios de Endesa pasen directamente a dividendos que, a súa vez, son cobrados porEnel e o que obriga a Endesa a endebedarse para os novos investimentos.
Como continuidade da súa política de baleirado, Enel quer entrar agora nos compromisos que Endesa ten co seu cadro de persoal, particularmente co persoal pasivo e que, por obriga das auditorías, debe provisionar no seu balance económico.
A súa pretensión é trasladar as cantidades consignadas directamente a beneficios para poder trasladalos ao balance de Enel como ingresos por dividendos. Un chanzo máis na saqueo.
O cadro de persoal activo é de 8.000 traballadores/as
É unha situación novidosa que unha empresa da dimensión de Endesa quede sen convenio, e as actuacións de Enel están planificadas no tempo, pois nestes momentos o cadro de persoal activo de Endesa está nos 8.000 traballadores/as e o persoal pasivo en 27.000; pero que Enel aproveite este marco legal é tamén responsabilidade do goberno que aprobou a reforma laboral e de quen na derrogou.
O conflito está na súa fase inicial, As Pontes sempre se mobilizou na defensa dos sucesivos convenios colectivos, nada do que hai escrito neses convenios, nin un punto nin unha coma, foron regalados, por iso, non imos permitir que agora Enel pretenda eliminar os beneficios sociais do persoal pasivo, o mércores 9 de xaneiro imos realizar Asembleas conxuntas co resto das organizacións sindicais e o día 11 unha Manifestación no pobo de As Pontes; tamén imos demandar a implicación dos partidos políticos, chegou a hora de pararlle os pés a Enel.