En 1000 palabras, o (in)cumprimento español en materia salarial da Carta Social Europea (Nihil novum sub sole)
O Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) declara que a situación en España non é conforme con este artigo 4.1 porque, no período de referencia 01/01/2017-31/12/2020, non se estabeleceu un salario no sector privado que garanta un nivel de vida digno
- Como se sabe, o artigo 4 da Carta Social Europea ten por finalidade «garantir o exercicio efectivo do dereito a unha remuneración equitativa», razón pola que exixe aos Estados que se comprometan «a recoñecer o dereito dos traballadores a unha remuneración suficiente que lles proporcione a eles e ás súas familias un nivel de vida decoroso» (apartado 1). Nas súas Conclusións XXII-3 (2022), o Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) declara que a situación en España non é conforme con este artigo 4.1 porque, no período de referencia 01/01/2017-31/12/2020, non se estabeleceu un salario no sector privado que poida garantir un nivel de vida digno. Trátase dun incumprimento reiterado (ou ininterrompido, se se prefire) desde as Conclusións XIV-2 (1998, período de referencia 01/01/1992-31/12/1996), nas que o CEDS xa consideraba que o noso salario mínimo interprofesional era «manifestamente inxusto».
- Sempre segundo o CEDS, a remuneración xusta a que alude o artigo 4.1 é aquela que asegura un nivel de vida digno, o que supón que esta vaia máis aló de cubrir as necesidades básicas simplemente materiais (alimentación, vestimenta e vivenda) e permita contar tamén con recursos necesarios para participar en actividades culturais, educativas e sociais. En concreto, a remuneración é xusta cando o salario mínimo non é inferior ao 60% do salario medio nacional neto, baseándose a avaliación en importes netos (isto é, unha vez deducidos os impostos e as cotizacións de seguridade social), sen prexuízo de que se recorra ao salario medio nacional bruto cando os Estados soamente informan sobre a cantidade bruta do salario mínimo, sen facilitar cifras sobre o seu importe neto. Os datos económicos aos que recorre o CEDS para xustificar as súas decisións proceden da oficina estatística da Unión Europea (Eurostat) e obtéñense no seu sitio web, a través da sección «Ingresos netos anuais [Annual net earnings]», acudindo ao seu apartado «Estrutura de ingresos [Earnings structure]», que permite seleccionar por Estados os «ingresos brutos [gross earning]» e os «ingresos netos [net earning]», e ao seu apartado «caso de ingresos [earnings case]», en que hai que marcar «Persoa solteira sen fillos que gana o 100% dos ingresos medios [Single person without children earning 100% of the average earning]» [pódese consultar https://ec.europa.eu/eurostat/databrowser/view/EARN_NT_NET__custom_5951963/default/table?lang=en].
- De acordo con esta información, no noso caso as regras de cálculo aplicáronse por parte do CEDS sobre o salario medio bruto anual, porque España non quixo ou non puido facilitar información sobre o importe neto do salario, a pesar de llo ter demandado o CEDS con insistencia. E isto é o que determinou que a situación de España fose de non conformidade nas Conclusións XVI-2 (2004, período de referencia 01/01/1997-31/12/2000); nas Conclusións XVIII-2 (2007, período de referencia 01/01/2001-31/12/2004); nas Conclusións XIX-3 (2010, período de referencia 01/01/2005-31/12/2008); nas Conclusións XX-3 (2014, período de referencia 01/01/2009-31/12/2012); nas Conclusións XXI-3 (2019, período de referencia 01/01/2013-31/12/2016); e en fin, nas xa devanditas Conclusións XXII-3 (2022). Sen ter que se remontar moi atrás no tempo, a aplicación destas regras deu lugar aos resultados que figuran na seguinte táboa desde o ano 2000.
ANO |
SALARIO MEDIO BRUTO ANUAL € EUROSTAT |
60 % SALARIO MEDIO € EUROSTAT |
SALARIO MÍNIMO INTERPROFESIONAL € (IMPORTE ANUAL BRUTO) |
% SALARIO MEDIO EUROSTAT ALCANZADO POR ESPAÑA |
2000 |
17.319,06 |
60% (10.391,436) |
5.947,13 |
34,33% |
2001 |
17.919,30 |
60% (10.751,58) |
6.068,30 |
36,86% |
2002 |
18.600,78 |
60% (11.160,468) |
6.190,80 |
33,28% |
2003 |
19.384,71 |
60% (11.630,826) |
6.316,80 |
32,58% |
2004 |
20.045,37 |
60% (12.027,222) |
6.477-6.871,20 |
32,31%-34,27% |
2005 |
20.616,30 |
60% (12.369,78) |
7.182 |
34,83% |
2006 |
21.167,82 |
60% (12.700,692) |
7.572,60 |
35,77% |
2007 |
21.989,28 |
60% (13.193,568) |
7.988,40 |
36,32% |
2008 |
23.251,89 |
60% (13.951,134) |
8.400 |
36,12% |
2009 |
24.164,16 |
60% (14.498,496) |
8.736 |
36,15% |
2010 |
24.785,88 |
60% (14.871,528) |
8.866,20 |
35,77% |
2011 |
25.515,33 |
60% (15.309,198) |
8.979,60 |
35,19% |
2012 |
25.894,23 |
60% (15.536,538) |
8.979,60 |
34,67% |
2013 |
26.026,68 |
60% (15.616,008) |
9.034,20 |
34,71% |
2014 |
26.190,78 |
60% (15.714,468) |
9.034,20 |
34,49% |
2015 |
26.475,30 |
60% (15.885,18) |
9.080,40 |
34,29% |
2016 |
26.448,81 |
60% (15.869,286) |
9.172,80 |
34,68% |
2017 |
26.549,79 |
60% (15.929,874) |
9.907,80 |
37,31% |
2018 |
26.921,76 |
60% (16.153,056) |
10.302,6 |
38,26% |
2019 |
27.292,47 |
60% (16.375,482) |
12.600 |
46,16% |
2020 |
26.028,06 |
60% (15.616,836) |
13.300 [2020-2021 (31/08)] |
51,09% |
2021 |
27.570,48 |
60% (16.542,288) |
13.510 [2021 (1/09)] |
49% |
2022 |
28.360, 29 |
60% (17.016,174) |
14.000 |
49,36% |
2023 |
|
|
15.120 |
|
- Como se pode comprobar, na parte da táboa que corresponde ao ano 2023 só figura a cantidade bruta anual do noso salario mínimo interprofesional, que ascende a 15.120€ e que é a contía aprobada polo Real Decreto 99/2023, do 14 de febreiro, tras o acordo alcanzado na correspondente mesa de negociación, da que se quixo ausentar a patronal e á que non foron convocadas todas as organizacións sindicais máis representativas (a CIG, por exemplo, a máis representativa en Galiza). O Preámbulo da norma en cuestión sinala que esta contía «culmina o obxectivo de que o salario mínimo interprofesional alcance o 60 por cento do salario medio en 2023, dando cabal cumprimento ao disposto polo Comité Europeo de Dereitos Sociais en aplicación da Carta Social Europea». Loxicamente, a táboa de Eurostat quedará completa cando conclúa este ano 2023, pero tal e como están as cousas pouco se pode esperar, pois o prognóstico a realizar ten unha cor pésima.
- Poñerao de relevo no seu momento o CEDS, cando se pronuncie (a través do sistema de presentación de informes ou a través do procedemento de reclamacións colectivas). E é que, se non se volve modificar o Real Decreto 99/2023, é claro que os 15.120€ brutos anuais fixados por el seguirán estando por debaixo do 60% do salario medio, suposto que tomemos como referencia o salario medio bruto anual Eurostat de 2022 (28.360,29€), ao representar o 53,31 % do salario medio Eurostat deste último ano, cando debería ascender a 17.016,174€. Isto implica que ou ben se sobe o importe do salario mínimo interprofesional español nunha porcentaxe superior á materializada no Real Decreto (por suposto, con participación igualitaria da CIG), ou ben España seguirá incumprindo.
_____________________________________________________________________________
XOSÉ MANUEL CARRIL VÁZQUEZ, “En 1000 palabras, el (in)cumplimiento español en materia salarial de la Carta Social Europea (Nihil novum sub sole)”, Briefs AEDTSS, número 43, Asociación Española de Derecho del Trabajo y de la Seguridad Social, 2023.
_____________________________________________________________________________
Xosé Manuel Carril Vázquez é Profesor Titular Dereito do Traballo e da Seguridade Social (Facultade de Dereito-Universidade da Coruña)
_____________________________________________________________________________
[Galiza, xuño de 2023]