Einsa comunica que vai presentar un ERE para a planta das Pontes
A dirección de Einsa convocou o pasado mércores ao comité de empresa a unha reunión en Santiago par trasladarlle a súa intención de presentar un expediente de regulación de emprego. O director de Recursos Humanos, acompañado de dous avogados, só informou que os despedimentos afectarán a planta de Einsa Print nas Pontes (na que traballan 227 persoas) e as oficinas de Madrid (con 15 traballadores/as), pero non quixo concretar o número de traballadores e traballadoras afectadas, nin en que medida afectará a cada un dos centros.
Na reunión (que tivo lugar na sede do Consello Galego de Relacións Laborais), a empresa limitouse a expoñer de xeito resumido o descenso de carga de traballo nos últimos anos e o estado xeral do sector de Artes Gráficas, xustificando o ERE nestes dous factores. Einsa cominou a parte social a ter constituída a comisión negociadora a máis tardar o día 26 para comezar xa o período de consultas o luns 30 de outubro, data na que a empresa fará entrega da documentación relativa ao ERE. Einsa pretende ademais que as reunións se celebren en Santiago de Compostela ou no seu defecto en Madrid.
Neste contexto, o comité solicitou que as xuntanzas se fagan nas Pontes, tendo en conta que é o centro de traballo con maior número de traballadores e traballadoras, mais a empresa negouse con rotundidade a esta petición. Entendemos que afastar o lugar das negociacións da planta é unha estratexia da dirección para tentar minimizar e dificultar a resposta do conxunto do persoal aos despedimentos.
Á falta de datos concretos e coñecer a documentación do expediente, o comité oponse a calquera medida que supoña unha redución do emprego nas Pontes, máis cando este cadro de persoal xa ten soportado todo tipo de ataques aos seus dereitos.