Einsa comunica que o ERE afectará a 162 traballadores e traballadoras
A dirección de Einsa Print comunicou este luns que o expediente de regulación de emprego afectará a un total de 162 traballadores e traballadoras da planta das Pontes e das oficinas de Madrid. A empresa alega causas organitivas e produtivas para xustificar a medida e á espera de analizar a documentación trasladada na reunión deste luns, o comité reitera o seu absoluto rexeitamento ao ERE e abordará co persoal as accións a levar adiante.
O comité subliña que unha empresa como Einsa, que recibiu máis de 50 millóns de euros en axudas públicas, non pode ter como primeira opción a destrución de 162 postos de traballo sen buscar nin negociar outro tipo de medidas alternativas. E neste sentido, o comité tamén lle reclama ás administracións públicas que supervisen a utilización destes cartos públicos por parte da empresa, así como a súa implicación activa na procura de solucións que non supoñan deixar na rúa a case o 70% do actual cadro de persoal.
Hai que lembrar que nas instalacións das Pontes traballan 227 persoas, mentres que nas oficinas de Madrid, só hai 15 empregados/as. Polo que, aínda non coñecendo a afectación concreta en cada un dos centros, resulta obvio que o groso dos despedimentos se aplicarán nas Pontes.
Así as cousas, a empresa deu por iniciado o período de consultas e mañá, martes 31 de outubro, está convocada ás 15 horas asemblea xeral de traballadores e traballadoras para informar do ERE e acordar as medidas a levar adiante en defensa da contiuidade dos empregos.
A CIG denuncia que a decisión de Einsa, xunto ao peche da central térmica sen alternativas industriais e os ERE de MAESA e JOFRA SA, evidencia que a transición xusta nas Pontes non existe, senón que estamos ante un proceso de demolición ao que se suman incluso aquelas empresas que foron buque insignia das subvencións e dos famosos plans de reindustrialización para a comarca de Ferrolterra, como é o caso de Einsa, ao abeiro das que recibiu suculentas axudas para mercar chan industrial, montar as naves e contratar persoal.