Educación impón os cambios anunciados no calendario e relega o profesorado
A publicación do calendario escolar no DOG, impondo os cambios anunciados e relegando ao profesorado, confirma, segundo a CIG-Ensino, que as persoas á fronte da negociación na Mesa, apoiadas finalmente polo conselleiro de Educación, xestionan como cargos políticos de costas ao profesorado, como xa é marca de identidade da Consellaría.
Fronte á proposta da CIG-Ensino de limitar nun día a actividade lectiva, ficando nos 175 habituais, e comezando as clases un día despois da proposta da administración, imponse o “ordeno e mando”. Nesta crítica ao comezo das clases en secundaria e outras etapas diferentes a Infantil e Primaria tamén se sumaron voces desde as direccións que alertan, como fixo o sindicato, da escasa marxe de tempo para poñer a andar o curso cos cambios de calendario e, especialmente, cos cambios organizativos e de currículos que se deberán afrontar, contando ademais cunha Consellaría que vai tarde, mal e arrastro neste tema, cuns currículos de materias optativas propias aínda sen facer.
Tamén nun tema especialmente sentido polo profesorado de Infantil, que xa levou á CIG-Ensino no curso pasado a unha protesta con recollida de sinaturas que foi seguida por máis de 2.000 docentes, a Consellaría vén de regular de tal xeito o período de adaptación en Infantil (na nova denominación de “incorporación gradual”) que, na práctica, resta case toda capacidade profesional ás mestras e mestres, xa que de querer a familia, a crianza deberá ser atendida a tempo completo no centro.
“De novo as mentes burócratas que ocupan os altos cargos da Consellaría, antepoñen unha concepción utilitarista e asistencial da educación, desprezando a profesionalidade do persoal docente”, denuncia a CIG-Ensino, que se pregunta se “hai alguén a quen se lle pase pola cabeza que unha mestra de infantil vai optar por un período de adaptación por capricho, sen facelo por criterios profesionais? Na Consellaría deben pensar que si”.
Por iso conclúe que “é lamentábel que lexislen sen ter en conta o que lle di o profesorado”.
Deste xeito, o período de adaptación queda así regulado:
Os centros docentes que impartan a etapa de educación infantil poderán optar por unha incorporación gradual do alumnado matriculado no cuarto curso da etapa, que non se prolongará máis alá do día 16 de setembro de 2022. Para a planificación desta incorporación gradual, os centros docentes terán en conta a escolarización previa do alumnado, a existencia de irmás ou irmáns matriculados no centro, así como as necesidades familiares, garantindo, en todo caso, a atención a tempo completo do alumnado cuxas familias ou representantes legais así o soliciten. As medidas organizativas e pedagóxicas adoptadas para este período deberán ser aprobadas polo claustro de profesorado e incluídas na programación xeral anual.