"É unha gran mentira que as traballadoras e traballadores de Mercadona vaia ter unha suba salarial do 15%"
Representantes de CIG, ELA e OSTA compareceron en rolda de prensa este xoves para avaliar o convenio colectivo asinado recentemente en Mercadona e que, a pesar da intensa campaña propagandística elaborada pola empresa e as organizacións sindicais asinantes -CCOO e UGT-para vender as bondades do acordo, "é practicamente igual ao que xa había e o único que fixeron foi adaptalo aos cambios na lexislación e a xurisprudencia".
"Non é certo que os traballadores e as traballadoras de Mercadona vaian ter unha suba salarial do 15%. Ese é un incremento que se inventan a empresa, CCOO e UGT", así o aseveraban Roberto Pérez (CIG), Egoitz Iturbe (ELA) e Olga Gómez (OSTA), que denunciaron a campaña de propaganda que están a realizar a empresa e os sindicatos asinantes para vender as bondades do novo convenio colectivo, criticando a CCOO e UGT "por funcionar como apéndices do departamento de recursos humanos de Mercadona e agora tamén do departamento de publicidade".
Incremento do salario base igual ao IPC real
Unha das cuestións que máis impacto mediático tivo foi a presunta suba salarial do 15%, algo que Pérez desmentiu rotundamente. Na realidade, apunta, o que recolle no convenio é un incremento do salario base igual ao IPC real, durante cada un dos cinco anos de vixencia, tal e como xa viña aplicando a empresa. Isto supuxo a conxelación dos soldos nos últimos tres anos.
"CCOO e UGT levan dende sempre negociando incrementos salariais en convenio que son inferiores aos que a empresa aplica. E isto é así porque Mercadona non acepta que a representación social negocie nada; Mercadona impón e logo fai o paripé con estes sindicatos", explicou Roberto Pérez, apuntando que esta foi a primeira vez que a CIG puido estar presente na mesa de negociación en Valencia, na súa calidade de sindicato máis representativo.
Pola súa banda, Iturbe cualificou de "escándalo" que mentres Mercadona obtivo un beneficios de máis de 2.200 millóns de euros nó último lustro e cada empregado/a factura arredor de 245.000 euros anuais, os traballadores e traballadoras teñan un salario medio bruto anual de 24.000 euros (no caso de perciben a prima, senón a retribución baixa aos 21.000 euros). Á vista destes datos, valorou, "resulta indignante que neste convenio se asinara unha suba do IPC real que, tendo en conta o índice dos últimos cinco anos, suporía un incremento máximo do 3.8% do salario base".
Melloras laborais inexistentes
No referido á ampliación do permiso de paternidade até ás 7 semanas, subliñouse que esta mellora quedará pronto superada se, como parece, no mes de xaneiro o Goberno español consegue aprobar os Orzamentos Xerais para 2019, que contemplan unha ampliación do permiso até ás 8 semanas. Algo semellante ocorre coa redución de xornada por garda legal, pois aínda que presumen de que se amplía até as crianzas cumprir 15 anos, todo o que supere o tempo que marca a lexislación actual será considerado como unha anovación contractual, convertendo contratos a xornada completa, en parciais e sen garantías.
Neste convenio tampouco se negocian melloras nos calendarios nin na xornada laboral, que segue a ser a máis elevada do sector. Ao contrario, a empresa asegúrase que pode haber xornadas de 10 horas até dous días á semana, e como non se computa o tempo de descanso diario, a xornada pode acadar as 10,30 horas.
Exclusión dos sindicatos non asinantes do convenio
Como colofón, engádense dous puntos "que demostran até que punto están en conivencia a empresa e CCOO e UGT". Por un lado, establécese a creación dun observatorio que suporá que todos os cambios que se poidan introducir no convenio durante a súa vixencia serán negociados en exclusiva cos sindicatos asinantes. E doutra banda, créase un artigo de 'dereitos sindicais', que na práctica significa que Mercadona e CCOO e UGT poidan negociar un cambio de ámbito das eleccións sindicais para agrupar os comités por provincias, cunha clarísima intención de dificultar que outras organizacións poidan lograr representación na empresa.
Levar a negociación ao ámbito máis próximo
A este respecto, o representante de ELA sinalou a aposta do sindicato por levar a negociación colectiva ao ámbito de Euskal Herria, tal e como saíu aprobado nas asembleas de persoal. "Propuxémoslle á empresa trasladar a negociación a tres ámbitos: País Vasco, Nafarroa e o centro loxístico de Araba, pero Mercadona negouse en todo momento". Iturbe reiterou que aproximar a negociación colectiva é o obxectivo de ELA porque "queremos unha negociación real, e que as problemáticas que teñen as traballadoras e traballadores de Mercadona se solucionen de verdade, tanto no que ten a ver coa xornada, os descansos ou a flexibilidade, como no relativo ao acoso e a persecución sindical".
Nesta liña, Olga Gómez destacou ás dificultades ás que se enfrontou OSTA para lograr representación en Mercadona e denunciou que nas primeiras eleccións ás que se presentaron "os denominados liberados sindicais dedicáronse a chamar a cada un dos nosos candidatos e candidatas para ameazalas con posíbeis despedimentos se se presentaban por OSTA".
Gómez incidiu na persecución e o acoso que sofre o persoal da empresa, especialmente contra aquelas persoas que collen unha baixa. "Queda moito traballo sindical por facer en Mercadona, e o primeiro que hai que facer é cambiar as relacións laborais e lograr que os traballadores e as traballadoras superen os medos e se decaten de que teñen dereitos que reivindicar", concluíu.