DomusVi recúa e abonará o plus de asistencia en vacacións ao persoal das residencias de Ferrol e Cabanas
Traballadoras de residencias privadas de DomusVi nos centros de Ferrol e Laraxe (Cabanas), co apoio dos comités (nos que a CIG ten a maioría da representación) denunciaron e conseguiron que a empresa lles pague o plus de asistencia durante as vacacións. A reclamación vén do ano 2018, cando os comités deste centros demandaron o abono do complemento e a empresa, como é habitual, "estivo dando largas ao persoal, obrigando as traballadoras a presentar demandas mediante vía xudicial".
O pasado día 5 de outubro estaba fixada a data de celebración do xuízo pero, finalmente, DomusVi nun acto de conciliación acordou o pago do plus cos correspondentes xuros de demora. Dende a CIG-Servizos de Ferrol denuncian a "dobre cara" que presenta esta empresa xa que por unha banda está a incumprir sistematicamente o recollido no convenio colectivo do sector e, por outra, preséntase como un referente no sector de residencias de maiores.
"Dende as direccións dos centros e co coñecemento e os parabéns dos responsábeis de DomusVi, estase a vulnerar de xeito continuo os dereitos das traballadoras e traballadores. A CIG está a combater estas situacións con denuncias ante Inspección de Traballo e a través das asesorías xurídicas da central sindical. Pero a precariedade laboral do sector fai que non denuncie todo o persoal afectado, quedando moitas reclamacións sen efectuar", explica Beatriz Fernández, responsábel do sector de residencias na CIG de Ferrol.
Por isto, Fernández anima as traballadoras e traballadores a reclamar os seus dereitos e engade que "dende a CIG continuaremos a denunciar todas aquelas irregularidades que a empresa está a cometer".