DomusVi gratificará o persoal que "capte" residentes de praza privada
O venres pasado, persoal de DomusVi recibiu un correo electrónico no que se lle indicaba que recibirá gratificacións por cada residente que leve á empresa, sempre que sexa de praza privada, e con contías que varían en función de se son estancias temporais ou ingresos residenciais. CIG-Servizos rexeita totalmente esta práctica empresarial vergoñenta, que mercantiliza os coidados e que está na liña contraria a garantir unha atención de calidade e a necesaria dignificación destas tarefas.
Dende a Federación da CIG subliñan que o persoal das residencias privadas da terceira idade ten demostrado abondo a súa profesionalidade dende o inicio da pandemia da covid-19, na que está a ficar ben clara a necesidade de contar cuns servizos de atención ás persoas que fagan parte do sector público. Por iso, subliñan, a central sindical entende como prioritario que estes servizos e o persoal que os presta regresen ao sector público, "porque coa saúde e os coidados non se pode facer negocio; iso é algo que temos que aprender desta crise".
A iniciativa de DomusVi, unha das empresas que peor xestión está a facer da crise sanitaria, de gratificar o persoal que "capte clientes e clientas" é todo o contrario ao que se pretende cando se reivindica que se respecte e se valorice o traballo do persoal de coidados como unha profesión de enorme alcance e valor social. Para a CIG-Servizos, esta iniciativa precarizadora, que chega ademais na segunda onda de incidencia do virus, lembra moito ás prácticas da aerolíneas de baixo custe, nas que a tripulación ademais do seu traballo ten que vender rifas, bebidas e produtos de todo tipo.
Unha proposta que atenta contra a dignificación dos coidados
"DomusVi pretende que o persoal das residencias faga un traballo que en calquera empresa seria se desenvolve no departamento comercial", por iso pregúntanse cal será o próximo paso nesta política e até que estremos se vai permitir "comerciar" cos nosos maiores e coas nosas maiores.
CIG-Servizos denuncia que se quere aforrar cartos mandando o persoal que faga o traballo doutras categorías "en vez de valorar o traballo social que realizan e a súa profesionalidade cuns salarios dignos". Salarios que a patronal do sector se nega a mellorar na negociación do convenio colectivo. "En definitiva é unha iniciativa vergoñenta que atenta contra a nosa profesionalidade, deturpándoa e menoscabándoa. Dignificación da nosa profesión coa reversión ao sistema público da nosa actividade", conclúen.